Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today7 abril, 2026
O dúo vigués Fillas de Cassandra leva a portada do seu novo disco ao espazo museístico cunha proposta innovadora que mestura música, escultura e experiencia sensorial. A instalación ‘TERTÚLIA: doce cancións, doce cadeiras’ poderá visitarse este martes 7 e mércores 8 de abril na Fundación Granell, e posteriormente os días 10 e 11 en Madrid, no espazo Infinito Delicias.
A mostra transforma o concepto de portada nunha experiencia inmersiva composta por doce cadeiras dispostas en círculo, cada unha representando unha das cancións do álbum Tertúlia, que se publicará o vindeiro 24 de abril. A disposición circular invita ao encontro e ao diálogo, convertendo o espazo expositivo nunha sorte de praza contemporánea onde a palabra ocupa o centro.
A proposta xorde da colaboración co colectivo artístico As dúas e punto, que traduce as cancións en pezas escultóricas únicas. As cadeiras, lonxe de seren funcionais, propoñen unha interacción crítica: algunhas acollen, outras incomodan, obrigando o público a posicionarse fronte á obra.
Cada peza funciona como unha “partitura tridimensional” e conta cun punto de escoita individual que permite preescoitar os temas antes do lanzamento oficial do disco. Entre elas atopamos desde estruturas inspiradas nas cadeiras de praia tradicionais ata “anti-cadeiras” cubertas de pinchos, pasando por pezas orgánicas, refuxios simbólicos ou xogos de materiais como metacrilato, musgo ou poliuretano.
A elección da cadeira como elemento central conecta coa tradición das tertulias populares, evocando as mulleres que sacaban o asento á rúa para compartir historias e saberes. Así, Tertulia preséntase tamén como un xesto político que reivindica a escoita, o encontro e a construción colectiva de sentido.
O novo traballo de Fillas de Cassandra, producido xunto a Çantamarta, afonda na fusión entre electrónica e raíz, incorporando colaboracións como as de Abraham Cupeiro, Ede, Pipiolas e Zetak. O disco estrutúrase en doce cancións que funcionan como espazo de confianza e diálogo fronte á fragmentación social.
A súa presentación ao vivo terá lugar o 9 de maio no Recinto Feiral de Pontevedra.
Escrito por Líder Redacción



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)