Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
18/03/2024 O Auditorio de Galicia acolleu onte a gala dos VI Premios Santiago Deporte na que se fixo entrega dos galardóns nas 12 categorías desta edición cos que se busca recoñecer publicamente as persoas, entidades, centros educativos e empresas que polo seu labor desenvolvido ao longo da tempada 2022/23 ou no ano 2023 contribuíron ao fomento da práctica de actividade física e o deporte entre a poboación de Compostela.
A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, presidiu a gala dos VI Premios Santiago Deporte que tivo lugar no Auditorio de Galicia a partir das 20 horas, e que tamén contou coa presenza da concelleira de Deportes, Pilar Lueiro, e varios membros da Corporación municipal.
Premiados/as
No apartado de deportista feminina categoría base, a gañadora foi a atleta nas categorías de mushing, atletismo e montaña, Julia Salvado Diéguez. O galardón ao mellor deportista masculino, tamén categoría base, recaeu no atleta de triatlón Lucas García Picón. En categoría absoluta, a mellor deportista feminina foi a ciclista Iria Nieto Romero, mentres que en categoría masculina se alzou co recoñecemento Luis Penido, piloto de rally. En canto ao deporte adaptado, o equipo de rugbi inclusivo Tuxeleires creado en 2022 acadou o recoñecemento do xurado.
A entidade deportiva máis destacada desta edición foi o Club Natación Cidade de Santiago, mentres que a entidade educativa galardoada foi ASPANAES. O recoñecemento ao patrocinio deportivo recaeu en Joyería Jael. Tamén se premiou a Asociación Española Contra o Cancro como promotora da mellor actividade ou acción social.
O galardón ao/á adestrador/a máis destacado/a o recibírono Víctor Pérez e Gonzalo Rodríguez, axudantes de Moncho Fernández no Obradoiro CAB, e recoñeceuse o labor como árbitra de Chus Blanco Arnejo, tamén en baloncesto.
O premio honorífico desta edición á traxectoria deportiva foi para o xogador de squash Borja Golán. Ademais, acordouse unha mención especial ao xadrecista José Luís Veiga.
Por outra banda, o Departamento de Deportes acordou facerlles á Policía Local e a Protección Civil un recoñecemento polo seu labor e entrega nos eventos deportivos que se celebran ao longo de todo o ano na cidade.
Comité avaliador
Para o outorgamento destes premios constituíuse un comité avaliador, presidido pola alcaldesa da cidade e integrado pola concelleira de Deportes; por un membro de cada un dos grupos políticos con representación municipal; un representante de cada un dos medios de comunicación con sede local en Santiago.
Written by: Líder Redacción
compostela deporte gala Premios radio lider santiago santiago
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Post comments (0)