Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today1 octubre, 2025
As charlas de Ocio Nocturno, unha iniciativa do Concello de Santiago, seguen consolidándose como unha ferramenta clave de prevención entre a mocidade. O programa arrancou no 2021 e dende entón medrou ata acadar preto de 5.500 asistentes o curso pasado. O axente Martín Camba, encargado de impartilas, explicou en Radio Líder que o obxectivo fundamental é “concienciar, e para iso un dos piares fundamentais é a información”.
As sesións están dirixidas ao alumnado de Bacharelato, Formación Profesional e Universidade, pero tamén a pais, nais e profesorado, para que todos os axentes sociais remen na mesma dirección. “Cada colectividade ten unhas inquietudes diferentes”, apunta Camba, que distingue entre a visión dos rapaces —centrados en divertirse— e a das familias, máis preocupadas polos riscos.
O programa xurdiu no curso 2021, cando o daquela director do IES Rosalía de Castro, Ubaldo Rueda, pediu apoio á Policía Local ante o problema de varios alumnos que acudían ás clases en estado de embriaguez. “Decidimos dar unha charla a toda a clase, gustou, e desde aí foise ampliando a outros cursos e centros”, lembra Camba.
Entre os asuntos que máis impactan ao alumnado están as consecuencias legais de condutas frecuentes: “Non teñen conciencia de que falsificar un DNI para entrar nunha discoteca ou beber unha copa é un delito”, ou que “nunha pelexa o prexudicado pode ser quen non a comezou”.
O axente puxo especial énfase no consumo temperán de alcohol. “As estatísticas falan dunha medida de sobre 14 anos. É unha idade moi baixa. Por iso, a través de todos os frentes, hai que elevar esa media de idade”, advertiu. Como exemplo, lembrou as festas do Cruceiro da Coruña, “nas que o ano pasado houbo 12 comas etílicos, e deses 12, 8 eran de menores. Ese dato deixa ben ás claras o que hai que solucionar como sociedade”.
Tamén fixo referencia á responsabilidade das familias: “Está moi instaurado que os pais preparen as mesturas para o botellón na casa. Non me meto no ámbito educativo de cada fogar, pero si lles explico que é unha infracción e que teñen unha responsabilidade”.
Segundo explicou, as charlas inclúen fotos, vídeos e testemuños que axudan a poñer en contexto situacións como ouriñar na rúa, participar en botellóns ou entrar nunha pelexa. De noite os mozos céntranse no seu propio problema inmediato, sen pensar nas consecuencias. En cambio, sentados na aula, cando ven exemplos reais, é cando realmente reflexionan.”
Por último, Camba insistiu na importancia de traballar conxuntamente: “Trátase de remar na mesma dirección: a policía na rúa, os pais na casa e o profesorado nos centros educativos”. E agradeceu aos medios de comunicación a súa colaboración: “Parte esencial de que este programa teña éxito é que se difunda”.
Escrito por Líder Redacción
Charlas ocio nocturno Martín Camba mocidade ocio nocturno Policía Local Santiago Santiago de Compostela
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)