AD

Actualidad

A Madalena supera os 7.000 asistentes e Bertamiráns abre hoxe a Peregrina

today6 agosto, 2025

Fondo
share close
AD

Tras a celebración das festas da Madalena no Milladoiro, continúa o “Ames en Festas 2025” co inicio hoxe, mércores 6 de agosto, dos festexos da Peregrina, en Bertamiráns

O Milladoiro puxo fin aos seus festexos da Madalena que, como vén sendo habitual, contaron cunha gran afluencia de público, arredor das 7.000 persoas e, ao longo destas cinco xornadas de troula, houbo actividades e música para tódolos públicos

Ames, 6 de agosto de 2025.- Tras a celebración das festas da Madalena no Milladoiro, continúa o “Ames en Festas 2025” co inicio hoxe, mércores 6 de agosto, dos festexos da Peregrina, en Bertamiráns. A orquestra Cinema será a encargada de abrir na verbena de hoxe as festas, que se prolongarán ata este domingo, día 10.

Por cuarto ano consecutivo, o programa “Ames en Festas”, encadea as festas dos dous núcleos principais de Ames, O Milladoiro e Bertamiráns, que volven a celebrar un ano máis as súas festas da Madalena e da Peregrina de xeito conxunto. Pola súa banda, O Milladoiro rematou onte as súas festas da Madalena, que deron comezo o pasado venres 1 co Millarock. Dende hoxe, a troula e música trasládase a Bertamiráns, que celebrará os seus festexos da Peregrina

“Ames en Festas” é o nome deste cartel que unifica ámbalas dúas festividades, no que este ano colaboran o Concello de Ames, as comisións de festas da Madalena e da Peregrina e Xuventude Ames. Ao longo destas 10 xornadas festivas, está a haber propostas musicais para todos os públicos e gustos, nos que a veciñanza está a gozar das mellores orquestras da verbena galega; descubrindo novos artistas e grupos emerxentes ou diferentes propostas musicais da man de diferentes artistas galegos.

Gran afluencia de público no Milladoiro
Na xornada de onte, O Milladoiro puxo fin aos seus festexos da Madalena que, como vén sendo habitual, contaron cunha gran afluencia de público, arredor das 7.000 persoas. Ao longo destas cinco xornadas de troula, houbo actividades e música para tódolos públicos: dende a festa infantil para os máis pequenos da casa, que se celebrou na tarde de onte na área recreativa do Milladoiro; a XIV edición do Millarock, este ano coas actuacións de Ruxe Ruxe, Battosai e Ulex; ou as noites de verbena con algunhas das mellores orquestras de Galicia, coma París de Noia, Os Satélites ou América de Vigo.

Por outra banda, os encargados de realizar o pregón inicial das festas da Madalena este ano foron catro mozos da asociación Arcea-Adames: Martín Barreiro, Moncho Corral, José Manuel Fernández e Carlos Pais. A institución leva desenvolvendo o seu labor máis de 20 anos no Milladoiro, traballando e apostando pola inclusión das persoas con diversidade funcional de Ames e doutros concellos veciños.

A actuación da orquestra Olympus que estaba prevista para o peche das festas da Madalena na noite de onte, e que foi cancelada por motivos meteorolóxicos ao non garantir a seguridade dos asistentes e do equipo, celebrarase noutra data que se anunciará proximamente.

Programación Festas da Peregrina

Bertamiráns dará comezo ás súas tradicionais festas da Peregrina hoxe, mércores día 6. Pola tarde, será a quenda do pasarrúas da charanga Compostela, ás 19.00 horas, mentres que á noite a orquestra Cinema e o DJ Sergio Telmo poñerán o ritmo na verbena.

Mañá, xoves día 7, será un dos días máis destacados, coas actuacións da orquestra Panorama e a disco móbil CDC. O pasarrúas desta xornada, tamén ás 19.00 horas, estará a cargo da charanga BB+. Neste segundo día da Peregrina, contarase cunha caravana morada para atender e denunciar calquera tipo de agresión machista que aconteza durante as festas. O horario de atención será de 22.00 a 5.00 horas e estará situada na zona de aparcamento do Pazo da Peregrina.

De seguido, o venres 8 de agosto, chegará outro dos pratos fortes das festas, co concerto de Mondra no parque do Ameneiral, a partir das 21.00 horas. O teense é un dos artistas máis destacados da escena musical en galego nestes intres e está a presentar o seu último traballo “De Ronda”. Ademais, nesa xornada contarase co pasarrúas, ás 19.00 horas, da charanga Os Celtas, mentres que na verbena amenizarán a noite a orquestra Charleston Big Band e a disco móbil nova CDC visual.

Para o sábado 9 están previstos os pasarrúas de Requinta da Amaía, ás 11.00 horas, e o de Coral Lojo Batalla, ás 21.30 horas. Á noite actuará a orquestra Metrópolis e a discoteca móbil CDC. Ademais, nesta xornada terá lugar a festa infantil no parque do Ameneiral, unha iniciativa gratuíta para os máis pequenos da casa para que poidan gozar con música, inchables e actividades especialmente dirixidas para eles. O horario desta festa será de 18.00 a 21.00 horas.

No peche das festas da Peregrina, a orquestra Compostela será a encargada de poñer a música. Primeiro, na sesión vermú que se celebrará ás 14.00 horas, e, á noite, na verbena, que comezará a partir das 23.00 horas. Así mesmo, contarase coa actuación da banda de música de Calo ás 11.30 horas na Praza da Maía e o pasarrúas de Airiños do Paseo de Colón ás 12.00 horas. O pregón de peche terá lugar ás 22.30 horas, a cargo de Ronald Rojas, migrante de Venezuela que leva xa varios anos residindo en Bertamiráns xunto coa súa familia.

Festival Emerxente

A principal novidade do Ames en Festas deste ano é celebración no parque do Ameneiral da primeira edición do Festival Emerxente, unha iniciativa que ten como obxectivo ofrecer aos artistas mozos e emerxentes do concello, e da súa contorna, unha plataforma onde poder presentar os seus traballos en directo. A cita será mañá, xoves día 7, e contará coas actuacións de: Helena Pazos, ás 20.00 horas; Mr. T, ás 20.30 horas; Lepayitss, ás 21.00 horas; e, pechando o festival, Komojo, que actuará arredor das 21.30 horas.

Romaría urbana

Ademais, como parte das festas da Peregrina, celebrarase a unha nova edición da Romaría Urbana, que terá lugar no parque do Ameneiral o sábado 9 de agosto. Comezará ás 13.30 horas cunha sesión vermú. Ao longo de toda a tarde haberá diversas actuacións musicais a cargo de: Tabernarias, ás 13.00 horas; Arde, ás 14.30 horas; Monoulious Dop, ás 19.30 horas; Luis Fercán, ás 21.00 horas; e, finalmente, Biribirlocke que pecharán a romaría cunha actuación ás 22.20 horas.

Ao longo de toda a xornada haberá diferentes postos para poder xantar, obradoiros, inchables para os máis pequenos e moita música en directo. A través desta iniciativa, trátase de levar a festa ao centro de Bertamiráns para que a veciñanza poida gozar desta romaría e motivando así ao consumo nos establecementos comerciais e hostaleiros da localidade

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *