Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today9 junio, 2025
Máis de 300 estudantes de seis centros educativos galegos participarán mañá, martes 10 de xuño, na gran festa de clausura de Fala Que Fala, organizada por Radio Líder coa colaboración da Secretaría Xeral da Lingua.
A primeira tempada do proxecto educativo e multimedia Fala que Fala chegará á súa fin mañá cunha gran gala do galego no Edificio Fontán da Cidade da Cultura, que comezará ás 11.00 horas.
O evento reunirá a máis de 300 alumnas e alumnos de 1º e 2º da ESO, pertencentes aos seis centros que participaron nesta iniciativa ao longo do curso 2024-2025.
Organizada por Radio Líder co apoio da Secretaría Xeral da Lingua e o patrocinio de empresas como Ferrecal, Cotelga, A1 Seguridade, Vegalsa-Eroski, Forvigal, Centro Comercial As Cancelas, Finsa, Restaurante Raxoi e Eme Audiovisuais, a gala incluirá actividades lúdicas, sorpresas e recoñecementos ao esforzo e creatividade do alumnado participante.
Fala que Fala naceu co obxectivo de fomentar o uso da lingua galega entre a mocidade a través dun formato atractivo e participativo: a radio en directo desde os propios centros. Durante os meses de febreiro a xuño, estudantes de seis institutos —entre eles o IES Oroso, IES Faro das Lúas (Vilanova de Arousa), CPR Plurilingüe Vila do Arenteiro (Carballiño), IES Ordes, Liceo La Paz e IES Manuel García Barros (A Estrada)— convertéronse en protagonistas de emisións que mesturaron contidos culturais, xogos, entrevistas e debates en galego.
Ao longo do proxecto, o alumnado desenvolveu competencias comunicativas en lingua galega, conectando coa súa contorna e reforzando a súa identidade cultural. A gala de clausura recoñecerá ese traballo cun diploma acreditativo e diversos agasallos.
Desde Radio Líder e a Secretaría Xeral da Lingua, agradécese a implicación dos centros e do profesorado, así como o entusiasmo da mocidade por facer do galego unha lingua viva, útil e divertida.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)