Listeners:
Top listeners:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today26 octubre, 2025
A Plataforma de Afectados de Peleteiro vén de denunciar a falta de información por parte da alcaldesa, Goretti Sanmartín, e do concelleiro de Urbanismo sobre as modificacións do plan para a parcela, aprobadas o pasado 24 de outubro, que consideran “puramente de maquillaxe” e sen cambios substanciais.
O colectivo lembra que, tras o anuncio realizado en xuño pola alcaldesa e a ministra de Vivenda, Isabel Rodríguez, sobre o traspaso da parcela á nova Empresa Pública de Vivenda, “o interese lucrativo e especulativo da SAREB xa non se dá”, polo que defenden que o proxecto debe priorizar a vivenda pública, as dotacións sociocomunitarias e os espazos verdes.
Desde a plataforma subliñan a “nula dotación sociocomunitaria” existente nun dos barrios máis densamente poboados da cidade e consideran que o Concello ten “a oportunidade de resarcir unha débeda histórica coa veciñanza da Zona Nova”. Reclaman, entre outras infraestruturas, un centro de día, gardería, biblioteca pública, salas de reunións e espazos culturais, así como unha praza verde e ampla que actúe como refuxio climático.
Ademais, critican que o Concello non tivese en conta as alegacións presentadas por seis comunidades de propietarios e unha familia particular e lembran que “cando estaba na oposición, o actual goberno prometera non aprobar un plan que non fora consensuado coa veciñanza afectada”.
A Plataforma fai un chamamento a toda a Corporación Municipal, que votará o novo plan este xoves 30 de outubro, para que “aproveiten a ocasión de facer algo xusto e necesario polo futuro do Ensanche e de Santiago”.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)