AD

Actualidad

A Praza da Colexiata prepárase para acoller o «Serán de Primavera»

today27 marzo, 2025

Fondo
share close
AD
  • O evento, que terá lugar o vindeiro sábado 29 de marzo, incluirá música, xogos tradicionais e obradoiros de baile para todas as idades

A música e a tradición volven ocupar un lugar central en Santiago de Compostela co Serán de Primavera, un evento organizado pola Agrupación Folclórica Colexiata do Sar. A cita terá lugar o sábado 29 de marzo a partir das 19:00 horas na Praza da Colexiata, un enclave histórico que servirá de escenario para unha xornada chea de folclore e convivencia.

«A nosa intención é crear unha festa na que todo o mundo poida participar, independentemente da idade ou da experiencia no mundo do folclore», explica Ana Suárez, membro da directiva da agrupación. «Desde os máis pequenos ata os máis maiores, queremos que todos disfruten da nosa música e do noso baile».

O evento arrancará cunha serie de xogos tradicionais para nenos, seguidos dun obradoiro de baile aberto a todos os públicos. «É unha oportunidade marabillosa para que quen nunca bailou unha muiñeira ou unha xota poida aprender e gozar da experiencia», sinala Suárez.

A partir das 20:00 horas, será a quenda das actuacións musicais, que contarán coa presenza de diversas formacións de música e baile tradicional. Ademais das diferentes seccións da propia Agrupación Folclórica Colexiata do Sar —que inclúe baile, canto, pandeireta e música—, tamén participarán grupos invitados como «O Son do Viso», «Rosalía de Castro», «Pandereteiras da Asociación Coto da Nai» e «Colexiata do Sar . O evento contará tamén con «Trioprata» que porá o broche de ouro á xornada.

«O que queremos é ofrecer un espectáculo variado e dinámico, onde haxa espazo para todas as expresións da nosa música tradicional», detalla Suárez.

O Serán de Primavera é só unha das moitas actividades que organiza ao longo do ano a Agrupación Folclórica Colexiata do Sar, unha das entidades máis activas no panorama cultural galego. Ademais da súa participación en eventos como as festas da Ascensión ou as Xornadas de Baile Tradicional, o grupo tamén ten levado a súa música máis aló das nosas fronteiras.

«O ano pasado tivemos a sorte de viaxar a Nova York para participar no Desfile da Hispanidade e actuar en centros galegos da cidade. Foi unha experiencia única tanto para os músicos coma para os bailaríns, sobre todo para os máis novos», conta Suárez. «Agora seguimos a traballar noutros proxectos, e quen sabe se pronto volveremos a cruzar o Atlántico».

A organización quere facer fincapé en que este evento está pensado para todos os públicos. «Aquí non hai distincións nin etiquetas: queremos que a xente veña, se mesture e participe. O máis bonito do noso traballo é ver como persoas de diferentes xeracións se unen arredor da música e do baile», conclúe Ana Suárez.

O Serán de Primavera promete ser unha xornada de festa, cultura e tradición, unha oportunidade única para gozar da riqueza do folclore galego nun entorno privilexiado. Así que xa sabes, se queres dar a benvida á primavera cunha boa dose de música e troula, a Praza da Colexiata será o teu destino o vindeiro sábado 29 de marzo.

A entrevista completa, no seguinte enlace.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *