AD

Actualidad

A riqueza organística de Compostela volve agromar en marzo co ciclo ‘De Lugares e Órganos’

today14 marzo, 2024

Fondo
share close
AD

 

 

 

13/03/2024 Do 24 ao 31 de marzo, este programa promovido pola Concellaría de Capital Cultural ofrecerá seis concertos ao vivo e outras actividades como danza, cinema, conversas, itinerarios e exposicións fotográficas. A igrexa de San Paio de Antealtares, a igrexa de Santa Clara, a capela das Ánimas, a igrexa de San Miguel dos Agros e a igrexa da Universidade acollerán os concertos desta edición.

Do 24 ao 31 de marzo, a novena edición do ciclo ‘De Lugares e Órganos. Músicas e outras paisaxes de Compostela’ ofrecerá a residentes e visitantes da cidade unha nova oportunidade de descubrir o seu patrimonio organístico e coñecer a historia musical que nel se agocha. Concertos, danza, cinema, fotografía e itinerarios comentados permitirannos afondar no noso imaxinario sonoro a través propostas que harmonizan tradición e innovación en espazos excepcionais.

A concelleira de Acción Cultural, Míriam Louzao, e a directora artística do ciclo, Belén Bermejo, presentaron este mércores en rolda de prensa a nova edición do ciclo promovido pola Concellaría de Capital Cultural, que conta este ano coa colaboración doutras entidades e institucións como a Universidade de Santiago, a Xunta de Galicia, a Fundación Catedral de Santiago, NUMAX, o Instituto do Cinema Eslovaco, o Ateneo de Santiago, o Concello de Burgos (responsable do Concurso Nacional de Órgano Francisco Salinas), Órganos de Galicia e a Rede de Iniciativas Empresariais de Santiago de Compostela (EM-Rede). Logo de destacar e agradecer todas as colaboracións que se concentran no ciclo, Louzao salientou del «a coidada harmonía de diferentes disciplinas artísticas, o xogo co espazos e o rigoroso estudo tradición como punto de partida para a construción dunha proposta plenamente actual».

A directora artística da iniciativa, Belén Bermejo, apuntou que, ao longo das súas nove edicións, ‘De Lugares e Órganos’ soubo «moverse entre diferentes fronteiras, que van dende a música académica á experimental, coas novas músicas, a danza, o jazz, o cinema ou a arte sonora». Coa articulación deste programa a cabalo entre disciplinas, continuou Bermejo, o ciclo conseguiu «espertar o interese da cidadanía por esa parte do patrimonio histórico tan descoñecida e pouco investigada, maltratada pola historia, as guerras, as crises económicas e o desleixo» co obxectivo de «aprender a coidalo e transmitilo ás xeracións futuras».

A igrexa de San Paio de Antealtares, a igrexa de Santa Clara, a capela das Ánimas, a igrexa de San Miguel dos Agros e a igrexa da Universidade acollerán os concertos en vivo, pero o ciclo ofrece numerosas actividades co órgano como elemento central que se espallan pola cidade.

Concertos ao vivo

O concerto do organista galego Carlos Fernández Bollo abre a programación o domingo 24 de marzo ás 20.30 horas na igrexa de San Paio de Antealtares. Gañador do V Concurso Nacional de Órgano Francisco Salinas, ofrecerá un programa integrado por música ibérica e europea do Século de Ouro e do primeiro Barroco, facendo ao tempo gala das súas habilidades improvisatorias. No decurso do concerto, o público terá ademais oportunidade de conversar co artista sobre a súa formación, perspectivas e proxectos.

A igrexa de Santa Clara acollerá o segundo concerto do ciclo, o luns 25 de marzo ás 20.00 horas. O conxunto Ars Lusitana, dirixido pola cantante e arpista Maria Bayley, interpretará entón un programa centrado na música renacentista procedente de conventos femininos, en particular na misa O gram senhora, recollida nun manuscrito conservado no Museo de Arte Sacra de Arouca (Portugal). A proposta inclúe a reconstrución dunha práctica perdida, a interpretación dunha misa a catro voces, na que as tres partes superiores son cantadas e a parte inferior é tocada polo baixón, instrumento antecedente do fagot . Ademais, aborda, a xeito de recreación litúrxica, outras obras dos repertorios de canto chan e polifónico portugués da mesma época, e obras para órgano do repertorio ibérico do século XVI. Canda a soprano , arpista e directora Maria Bayley, Ars Lusitana está conformado pola soprano Teresa Duarte, a contralto Maria de Fátima Nunes, a baixonista Joana Bessa Almeida, e o organista André Ferreira.

O violinista Adrián Linares e o organista Juan de la Rubia xúntanse en ‘De Lugares e Órganos’ para presentar en Compostela un programa de músicas da chamada Escola de Venecia, un movemento que tivo o seu máximo esplendor entre a segunda metade do século XVI e o primeiro terzo do XVII, e que reunía unha serie de autores arredor de importantes innovacións na praxe musical, que marcarían a transición do Renacemento ao Barroco. O seu concerto será o mércores, 27 de marzo ás 20.00 horas na capela das Ánimas.

A igrexa da Universidade acollerá o venres 29 de marzo ás 20.00 horas unha das propostas máis singulares desta edición. Será entón cando a música, coreógrafa e bailarina especializada en danza histórica, Eva Narejos, e a organista Ana Aguado presenten un espectáculo de música e danza arredor das idades de Santa Teresa. O traballo coreográfico parte da reconstrución de danzas do Século de Ouro a partir de fontes orixinais recollidas en documentos da Escola ibérica de danza. Ademais, contarase con outras coreografías, creación propia de Eva Narejos, a partir da linguaxe coreográfica da época. As danzas serán interpretadas, entre outras, sobre as músicas de Antonio de Cabezón, Pablo Bruna, Antonio Martín y Coll e melodías das Cantigas de Santa María.

Outras dúas mulleres, a compostelá Marta López e a austríaca Maria Danneberg, xúntanse tamén ao abeiro do ciclo para facer música inglesa do século XVII nun dos órganos emblemáticos da cidade, o órgano da igrexa da Compañía. O concerto, programado o domingo 31 de marzo ás 20.00 horas, convida o público a mergullarse no mundo das divisions, grounds e danzas inglesas, combinando o colorido son da viola de gamba coas ricas posibilidades sonoras do órgano para recrear un repertorio extraído de dúas coleccións, o Fitzwilliam Virginal Book e o Manchester Gamba Book.

Cinema, fotografía e itinerarios

Alén dos concertos, o ciclo mantén a sección ‘O órgano sae á rúa’ para estender a súa proposta de descuberta máis aló da área estritamente musical. Desta volta, afonda na pegada do órgano no cinema coa proxección da película Organ, o 26 de marzo ás 19.30 horas na NUMAX. O filme dirixido por Štefan Uher ofrece unha poética ollada sobre totalitarismo e as súas consecuencias e pon o foco na funesta unión entre o clero e o estado eslovaco, que se teceu entre os anos 1939 e 1945. O órgano e a música de Bach son os protagonistas e o fío condutor deste filme que, na súa estrea, se fixo co premio do Xurado no Festival de Cine de Locarno.

Recuperar e visibilizar o pasado musical da cidade é o obxectivo da sección ‘Outras paisaxes, outros tons da cidade’, con dúas propostas nesta edición. A primeiras delas é un percorrido polos lugares de memoria arredor da figura do organista e compositor compostelán frei Bartolomé de Olagüe. O mércores 27 de marzo ás 10.30 horas, o itinerario partirá da rúa do Castro para percorrer, ao longo da cidade, diferentes lugares que teñen que ver coa figura deste ilustre músico. A visita rematará cun pequeno concerto no órgano de San Miguel dos Agros a cargo do organista e investigador Marco Aurélio Brescia, no que se interpretarán obras de Olagüe recollidas no coñecido como Libro de Cyfra de Porto. A segunda das propostas da sección é a exposición fotográfica arredor dos órganos de Compostela que poderá ser contemplada, durante todo o período de programación, en escaparates de diferentes establecementos comerciais da cidade.

Entradas

As entradas os concertos e actividades son de balde previa retirada de invitacións (máximo, 2 por persoa), que estarán dispoñibles dende este mércores no despacho de billetes da Zona C ·Punto de Información Cultural, situada na rúa do Preguntorio e aberta de martes a sábado, de 11 a 14 horas e de 16 a 19 horas.
De non se esgotaren, tamén se poderán recoller o propio día de cada actividade no lugar onde esta se celebre dende unha hora antes do seu comezo. As invitacións serán válidas ata 10 minutos antes do inicio e cada sesión e partir dese momento, a organización resérvase o dereito a empregar as localidades non ocupadas.
A asistencia á proxección na NUMAX ten un custo de 4€. Pódense mercar entradas anticipadas no despacho de billetes do cinema ou na web numax.org.

Para atopar información actualizada de todas as actividades, recomendase visitar a web de Compostela Cultura.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *


0%