AD

Actualidad

A Sala Malatesta anuncia o seu peche definitivo tras dez anos de actividade

today12 diciembre, 2025

Fondo
share close
AD

A Sala Malatesta pecha as súas portas de maneira definitiva tras dez anos de actividade en Santiago de Compostela. Así o vén de comunicar o equipo responsable deste espazo cultural alternativo, que atribúe o cesamento da súa actividade a unha serie de decisións administrativas e sancións impulsadas polo Concello compostelán ao longo do último ano.

No comunicado feito público a través das redes sociais, a Sala Malatesta asegura que foi “tratada con crueldade e desprezo” por parte da administración local, un trato que cualifican de “inaceptable”. Segundo explican, no ano 2025 o departamento de Urbanismo do Concello de Santiago impúxolles unha sanción que obrigou a cesar a actividade durante nove meses: tres meses de espera dunha resposta administrativa e seis meses correspondentes ao cumprimento da sanción.

Unha vez cumprido ese período, a sala solicitou a reapertura, pagando unha taxa de 980 euros e presentando o seguro de responsabilidade civil requirido. Porén, dez días despois recibiron unha orde de peche baseada nun decreto asinado en xuño de 2025, que —segundo indican— non lles sería aplicable, ao non existir ningún cambio de actividade nin ter sido cancelada a licenza.

Desde Malatesta denuncian tamén a falta de resposta do Concello a un recurso presentado hai 27 días, así como o que consideran unha persecución administrativa sostida no tempo. Aseguran que durante os últimos dez anos tiveron que facer fronte a numerosos requirimentos en materia de seguridade, protección contra incendios e illamento acústico, con investimentos económicos elevados, especialmente nos dous últimos anos.

No seu comunicado, o equipo da sala lembra que a Malatesta foi un espazo de referencia para a cultura alternativa en Santiago, contribuíndo á dinamización cultural, social e económica da cidade. “Na diversidade de oferta de lugares está tamén o crecemento da cidade, e sen este espazo a cidade perde”, sinalan.

Ademais, apuntan que o peche da Sala Malatesta en 2025 se produce despois do peche da Sala Nasa, pechada anos atrás tras a retirada dunha subvención por parte do Partido Popular, segundo indican, unha axuda que aseguran non ter recibido nunca.

Como consecuencia desta situación, anuncian o inicio dun novo proceso legal nos tribunais contra o que consideran un peche arbitrario. Mentres tanto, todos os eventos programados quedan cancelados e as entradas serán devoltas nos próximos días.

A despedida chega cunha mensaxe de agradecemento ao público, artistas, promotores e traballadores que formaron parte do proxecto durante esta década. “Foron dez anos moi ilusionantes. Foi duro, pero tamén fermoso”, conclúe o comunicado asinado pola equipa da Sala Malatesta.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *