AD

Actualidad

Galetiktokers ábrese a tódalas franxas de idade para motivar á creación de contido en galego

today30 septiembre, 2025

Fondo
share close
AD

O alcalde de Ames e responsable do departamento de Normalización Lingüística, Blas García, destacou que “o máis importante desta iniciativa é a defensa da nosa lingua e que as redes se enchan de participación e vídeos en galego. É importante que se vexa que en galego podes perfectamente crear contidos e que ademais hai espazos onde se poden ver as túas creacións, os teus vídeos. Ninguén debe de ter vergoña por crear contido para a rede en galego, ao contrario”

A concelleira de Mocidade, Carmen Porto, resaltou que “este certame serve non só para promover o uso do galego, senón para potenciar a creatividade dos mozos, e non tan mozos. Que se inspiren, cren contido, que o pasen ben e que empreguen a lingua galega. Como xa dixemos noutras ocasións, é labor da administración promover o uso do galego e intentar que non se perda algo tan noso como é a nosa lingua”

Ames, 30 de setembro de 2025.- O certame Galetiktokers, organizado polos departamentos de Mocidade e Normalización Lingüística de Ames, celebrará este ano a súa sexta edición, co obxectivo de estimular a creatividade entre a mocidade, animar a creación de vídeos en galego con novos formatos e temáticas, e visibilizar a comunidade galega na rede social TikTok. Nesta ocasión, calquera persoa a partir dos 13 anos poderá participar enviando o seu vídeo en galego ata o 30 de outubro, xunto con esta ficha de participación, ao enderezo electrónico galetiktokers25@gmail.com. Haberá seis premios de 300 euros cada un, que se repartirán nunha gala que terá lugar o 22 novembro de 2025. Premendo nesta ligazón pódense consultar as bases ao completo do VI Certame Galetiktokers.

Por sexto ano consecutivo, os departamentos de Mocidade e Normalización Lingüística de Ames organizan o certame Galetiktokers, unha oportunidade para motivar á mocidade á creación e divulgación de contidos en galego. Neste caso, o modelo a seguir son os vídeos curtos da rede social TikTok, unha das aplicacións máis populares, sobre todo entre os máis mozos e mozas. O importe total dos premios ascende a 1.800 euros, repartidos en seis premios de 300 euros cada un.

O anfiteatro do Milladoiro acolleu a presentación da sexta edición do certame Galetiktokers. Ao acto asistiron o alcalde de Ames e concelleiro de Normalización Lingüística, Blas García; a concelleira de Educación e Mocidade, Carmen Porto; a técnica do departamento de Normalización Lingüística, Rosa Moreiras, e Lucía Ferro, colaboradora de dito departamento; a técnica do departamento de Mocidade, Pili Villaverde; e o gañador da pasada edición do certame e creador de contido, Miguel Lesta.

O alcalde de Ames e responsable do departamento de Normalización Lingüística, Blas García, destacou que “o máis importante desta iniciativa é a defensa da nosa lingua e que as redes se enchan de participación e vídeos en galego. É importante que se vexa que en galego podes perfectamente crear contidos e que ademais hai espazos onde se poden ver as túas creacións, os teus vídeos. Ninguén debe de ter vergoña por crear contido para a rede en galego, ao contrario”.

Así, a concelleira de Mocidade, Carmen Porto, resaltou que “este certame serve non só para promover o uso do galego, senón para potenciar a creatividade dos mozos, e non tan mozos. Que se inspiren, cren contido, que o pasen ben e que empreguen a lingua galega. Como xa dixemos noutras ocasións, é labor da administración promover o uso do galego e intentar que non se perda algo tan noso como é a nosa lingua”.

Pola súa banda, o creador de contido e un dos gañadores do V Galetiktokers, Miguel Lesta, puxo en valor a visibilidade do certame, “vivimos rodeados de vídeos curtos, e vestimos, peiteámonos, falamos en base a eses vídeos e á xente que fai eses contidos. Entón, por que non animar tamén a normalizar, a dar visibilidade a facer contido en galego? Si a rapazada ve que é algo normal, que é algo que facemos todas e todos, que hai máis xente que fala galego e que crea contido de calidade, eu creo que se poderán animar a participar neste certame e a incorporar un pouco o galego nas súas vidas. A miña intención é que vexan que o galego é divertido e que podemos facer cousas que nos interesan con el”.

A técnica do departamento de Mocidade, Pili Villaverde, subliñou que “esta é a sexta edición dun certame que xa está consagrado e que toda a mocidade está esperando ano tras ano por el. Desde a primeira edición, aumentaron moi considerablemente a cantidade de participantes e a calidade dos vídeos que se presentan, e moitos dos creadores que participaron no certame a día de hoxe son referentes na creación de contido en galego”.

A continuación, a técnica de Normalización Lingüística, Rosa Moreiras, explicou que “o certame continúa cos mesmos obxectivos, que entendemos que seguen a ser necesarios hoxe en día, como estimular a creatividade entre a mocidade, animar á creación de contidos en galego cos novos formatos e novas temáticas, e darlle visibilidade á comunidade galega de tiktokers e creadores de contido, que están a publicar contidos de moi alta calidade no noso idioma a través das redes sociais”.

Categorías, premios e xurado

Este ano o Galetiktokers abre as súas portas a tódalas franxas de idade. Deste xeito, poden participar mozos e mozas a partir dos 13 anos, repartidos en dúas categorías en función da idade. A primeira categoría inclúe á rapazada dos 13 aos 17 anos (ambas as idades incluídas) e a segunda engloba ás persoas a partir dos 18 anos, sen límite de idade. Ao igual que en edicións anteriores, pode participar calquera persoa, sen ter que ser veciño ou veciña do concello.

De novo, o certame repartirá un total de seis premios de 300 euros, tres por cada categoría. Catro dos premios decidiraos un xurado formado por persoas recoñecidas no ámbito audiovisual e nas redes sociais, mentres que os outros dous serán escollidos polo público, que votará premendo “gústame” nos vídeos subidos ao perfil de Instagram de Xuventude Ames Xa! (@xuventudeames). Deste xeito, en cada categoría repartiranse tres galardóns: dous do xurado e un do público.

Características e condicións dos vídeos

Os vídeos creados para a sexta edición de Galetiktokers teñen que estar en lingua galega e deben ser de creación propia, empregando a aplicación TikTok ou a sección Reels de Instagram, cunha duración da peza audiovisual de entre 15 e 60 segundos. Será obrigatorio que a lingua teña presenza, xa sexa de xeito oral, escrito ou musical.

A temática é libre, polo que poderán presentarse no concurso pezas relacionadas coa música, co humor, o baile, coa interpretación, co deporte ou con calquera outro tema. Non se admitirán vídeos que promovan unha mensaxe violenta, denigrante ou ofensiva.

Inscrición, prazos e votación do público

Para participar no certame, é preciso enviar ao enderezo electrónico galetiktokers25@gmail.com a seguinte ficha de participación cuberta e asinada, ademais do propio vídeo que se presenta no concurso. O prazo de inscrición rematará o 30 de outubro de 2025. A organización comprobará que se cumpren os requisitos e validará a inscrición a través dun correo de confirmación.

Todas as pezas admitidas subiranse ao perfil de Instagram de Xuventude Ames Xa! (@xuventudeames), co cancelo #galetiktokers. O prazo de votación para determinar os premios do público será unicamente de dous días, das 11:00 horas do 5 de novembro ás 11:00 horas do 7 de novembro. Neste período contabilizaranse os “gústame” nas publicacións no perfil de Instagram de Xuventude Ames Xa!, do que fará falta ser seguidor ou seguidora para votar.

O Concello de Ames reserva o dereito de empregar os vídeos participantes na promoción do proxecto Galetiktokers en calquera das súas edicións. As pezas, así como o seu título e autoría, faranse públicas. Os datos persoais facilitados polas persoas participantes terán como única finalidade a participación no certame e procederase á súa eliminación unha vez se resolva esta convocatoria.

Xornadas de formación nos centros de ensino secundario

Como actividade complementaria da celebración do certame, desenvolveranse dúas xornadas de formación nos centros de ensino secundario de Ames, co obxectivo de explicar e achegarlle ao alumnado o contido do concurso, dar a coñecer a creadoras e creadores de contido en galego en TikTok, e motivar a creatividade entre a mocidade.

A formación correrá a cargo do creador de contido e tiktoker Miguel Barbazán Lesta, @miguelblesta, un dos gañadores do certame o ano pasado, e que impartirá estes obradoiros no IES do Milladoiro e no IES de Ames.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *