AD

Actualidad

A USC fixa o 12 de febreiro para a primeira volta das eleccións ao Reitorado

today10 noviembre, 2025

Fondo
share close
AD

A elección da persoa que ocupará a reitoría da USC nos vindeiros seis anos terá lugar o 12 de febreiro de 2026, en primeira volta, e o 11 de marzo, no caso de que sexa precisa unha segunda votación. Así o establece a convocatoria electoral que acaba de publicarse e na que se detalla o calendario do proceso para elixir a futura reitora ou reitor da Universidade de Santiago de Compostela. Este luns 10, tamén viron a luz as convocatorias de eleccións de representantes no claustro universitario e de representantes nas xuntas de centro e nos consellos de departamento.

Nas tres convocatorias as reclamacións ante a Secretaría Xeral contra o censo provisional deben formalizarse do 10 ao 14 novembro, emitíndose o día 18 deste mes a resolución da Secretaría Xeral sobre rectificación do censo. A seguir, do 18 ao 21 de novembro, poderán presentarse recursos ante a Comisión Electoral Central (CEC). A publicación definitiva do censo terá lugar o día 25 de novembro.

Presentación de candidaturas e campaña 

Tamén nas tres convocatorias, o prazo de presentación de candidaturas estenderase do 26 de novembro ao 5 decembro. A proclamación provisional farase pública o 11 de decembro e os recursos que se estimen oportunos poderán presentarse ante a CEC entre o 12 e o 16 de decembro. A proclamación definitiva de candidaturas producirase o 19 de decembro. Xa en 2026, entre o 27 de xaneiro e o 10 de febreiro, desenvolverase a campaña electoral, destinándose a xornada do día 11 de febreiro para a reflexión. O 13 dese mesmo mes producirase a proclamación provisional de candidatos/as electos/as, mentres que os recursos ante a CEC contra a proclamación provisional de candidaturas electas estenderase do 18 ao 24 de febreiro. A proclamación definitiva de candidatos/as electos/as será o 26 de febreiro.

Nas eleccións a reitor ou reitora, no caso de ser precisa unha segunda volta, a campaña prolongaríase entre o 27 febreiro e o 9 de marzo. O día 12 de marzo terá lugar a proclamación provisional da reitora ou reitor electa/o, os recursos poderán efectuarse entre o 13 e o 20 marzo, mentres que a proclamación definitiva da reitora ou reitor electa/o será o 23 de marzo.

 

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *