Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today11 noviembre, 2024
Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2024.- Turismo de Galicia vén de ampliar o prazo para que empresas do sector poidan solicitar as axudas dirixidas a acometer actuacións de eficiencia enerxética tales como melloras enerxéticas ou a renovación de electrodomésticos máis eficientes. O prazo ampliado rematará o 9 de decembro e así o recolle o Diario Oficial de Galicia.
Turismo de Galicia convocou esta liña de axudas de concorrencia non competitiva en xuño deste ano, á que destina un investimento de 10M€, financiados con fondos europeos. Con respecto a convocatorias anteriores, a deste ano introduce como novidade, a posibilidade de que as empresas de restauración -non só as de aloxamento- tamén poidan optar a elas.
Ademais, sufrágase a rehabilitación enerxética de todo o edificio ou dunha parte (na anterior eran edificios completos), non se pide antigüidade mínima dos edificios a rehabilitar e non hai unha esixencia mínima de aforro enerxético, entre outras.
Actuacións financiadas
Entre as actuacións que sufragará esta liña de axudas está, entre outras accións, a mellora da eficiencia enerxética da envolvente térmica coa intención de reducir a demanda en calefacción e climatización de edificios completos, locais ou partes do edificio destinado ao establecemento turístico.
Tamén a mellora da eficiencia enerxética e de enerxías renovables nas instalacións térmicas, con accións como a substitución de enerxía convencional por enerxía solar térmica, enerxía xeotérmica ou biomasa nas instalacións térmicas. Inclúese a subvención para instalacións fotovoltaicas para autoconsumo así como mellora da eficiencia enerxética das instalacións de iluminación, coa instalación de luminarias de maior rendemento e lámpadas de maior eficiencia, sistemas de control por presenza, recolocación dos puntos de luz, entre outras.
Tamén cubrirá a renovación de electrodomésticos con clases enerxéticas máis eficientes. Tamén poderán sufragarse sistemas de automatización e control da enerxía. Os gastos subvencionables deberán estar realizados antes de abril de 2025.
Como norma xeral, a intensidade da axuda será de ata un 70% do custo total subvencionable do proxecto, aínda que poderá chegar ao 80% ou 90% no caso de que se acrediten aforros de enerxía primaria non renovable dun 20 ou 30%. Con esta convocatoria a Xunta de Galicia busca a modernización e mellora da competitividade do sector turístico galego.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)