Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
09/09/2024 O executivo municipal tamén deu luz verde esta mañá ao inicio do expediente de contratación das obras de mellora de equipamentos deportivos e sociais na parroquia de Figueiras por un orzamento base de licitación de 355.699,97 €, e á adxudicación do contrato para a pavimentación do lugar de Vilamaior (Sabugueira) á empresa ALCOMTE GALICIA por 383.600,19 euros, ambas actuacións ao abeiro do POS+. Ademais aprobouse de maneira definitiva a Relación de postos de traballo e o Plan de control tributario do Concello de Santiago. Destes e outros asuntos tratados en Xunta de Goberno deu conta en rolda de prensa a voceira do Goberno municipal, Míriam Louzao.
Míriam Louzao anunciou na rolda de prensa a aprobación por parte do executivo municipal do Regulamento da Mesa de Hostalaría que servirá de marco normativo para este «órgano permanente de diálogo coas asociacións que agrupan o sector, como principais interlocutoras e coñecedoras das particularidades da súa actividade» co obxectivo de «analizar conxuntamente os problemas, formular propostas e planificar medidas en ben do interese xeral a respecto de todos estes asuntos».
A voceira do Goberno municipal salientou a importancia da implicación do sector hostaleiro «de cara a lograr un modelo turístico máis consciente e sustentable, que resulte harmónico coa calidade de vida da veciñanza e enriquecedor desde o punto de vista socioeconómico e cultural», unha das prioridades do executivo local.
O regulamento deberá ser aprobado agora de maneira inicial no Pleno e despois abrirase un prazo de exposición pública antes da súa apobación final.
Obras no rural
A Xunta de Goberno tamén deu luz verde ao expediente de contratación das obras de execución para a «mellora de equipamentos deportivos e sociais na parroquia de Figueiras», un proxecto ao abeiro do POS+ 2024 que conta cun orzamento base de licitación de 355.699,97 € (base impoñible de 293.966,92 € máis IVE do 21% de 61.733,05 €) e un prazo de execución de catro meses. Segundo explicou Míriam Louzao, as intervencións recollidas no proxecto teñen por obxecto «a cubrición da pista deportiva exterior, a dotación dunha pista de pádel, a reforma e reordenación dos espazos destinados a vestiarios e a mellora da accesibilidade ás instalacións».
Tamén se acordou a adxudicación do contrato que ten por obxecto, as obras de execución do proxecto de «Pavimentación do lugar de Vilamaior (Sabugueira)», ao abeiro do POS+ 2023 á empresa ALCOMTE GALICIA, por un importe total de 383.600,19 euros, cunha base impoñible de 317.024,95 euros máis IVE do 21% de 66.575,24 euros. Esta actuación ten por obxecto o acondicionamento de seis vías que comprende case quilómetro e medio, nas que se reporá o pavimento, executaranse beirarrúas e mellorarase a evacuación de augas pluviais nun prazo de execución de tres meses.
Tamén se incluíu a aprobación da solicitude ao Plan de obras e servizos da Deputación (POS) dunha subvención para dous proxectos, unha para a ampliación da rede de abastecemento nos lugares de Agualada e A Torre, en Marantes, por un importe total de 849.958,16 euros, e outra para a dotación de equipos informáticos aos centros socioculturais do ámbito rural, cun investimento de 27.418,60 euros.
Relación de postos de traballo do Concello
O Goberno municipal tamén aprobou esta mañá de maneira definitiva a Relación de postos de traballo do Concello de Santiago, que entrará en vigor unha vez publicado no Boletín Oficial da Provincia da Coruña, o que permitirá «realizar os nomeamentos das persoas que estabilizaron o seu posto no proceso extraordinario e que están pendentes», salientou a voceira.
Míriam Louzao recordou que este documento foi aprobado de maneira inicial pola Xunta de Goberno Local do pasado 22 de xullo e «foi negociada coa representación das traballadoras e traballadores municipais en dúas mesas xerais de negociación, o 3 e o 17 do xuño, e nesta última obtivo o apoio maioritario da representación do persoal municipal, sen ningún voto en contra». «Durante o período de exposición pública presentáronse 13 alegacións, que foron rexeitadas ao carecer de fundamentos para a súa aceptación», engadiu.
Louzao tamén salientou que a RPT «é un punto de partida, non de chegada», xa que permitirá ao Concello contar cun «documento global sobre o que formular os cambios necesarios que terán os seus procesos de negociación e axuste» que non fóra modificado desde o ano 2011-
Plan de control tributario
A Xunta de Goberno deu luz verde ao Plan de control tributario que, segundo destacou a concelleira «non se rexe por un afán recadador, senón por principios de xustiza tributario e polo tanto, xustiza social» e detallou que «afectará a algo máis de mil expedientes» e pertimirá a liquidación dunha débeda estimada duns 2 millóns de euros.
Tamén detallou que para levar a cabo esta labor de inspección e control utilizaranse diferentes métodos de selección, algúns deles de carácter aleatorio e outros a partir da información que ten a propia Tesouraría municipal, resultado do cruzamento de bases de datos ou da información procedente doutras administracións. Unha vez retomada esta actividade de planificación de control tributaria, «agardamos aprobar o seguinte Plan de control tributario a comezos de ano», engadiu.
Outros asuntos
No ámbito dos servizos sociais, o executivo municipal aprobou o texto de convenio de colaboración coa Federación de Asociacións de Familiares e Persoas de Enfermidade Mental de Galicia, por un importe de 60.000 euros para este ano.
Tamén se deu luz verde á certificación final de varias obras como a mellora da drenaxes en Son de Abaixo e na avenida de Barcelona, expedidas por VIAQUA, e das obras de acondicionamento de espazos para miradoiros no Monte Pedroso.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)