AD

Actualidad

A Xunta inicia o procedemento para adxudicar 60 vivendas de alugueiro accesible en Santiago

today2 mayo, 2025

Fondo
share close
AD

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), vén de poñer en marcha o procedemento para a adxudicación de 60 vivendas de promoción pública (VPP) en réxime de alugueiro accesible na cidade de Santiago.

Os novos fogares están repartidos en tres inmobles situados nos barrios do Castiñeiriño e Lamas de Abade. A Xunta investiu máis de 12,3 millóns de euros nestes edificios, dos cales 3 millóns proceden de fondos europeos.

En concreto, un dos inmobles está situado na rúa Castiñeiriño 81 e conta con 24 vivendas, das que 9 estarán reservadas para menores de 36 anos e unha será adaptada para persoas con mobilidade reducida. O segundo edificio atópase na rúa Virxe Branca s/n, en Lamas de Abade, tamén con 24 vivendas, das que outras 9 se destinarán a menores de 36 anos e unha será adaptada. O terceiro edificio, situado na rúa Constantino Limia Nogueira s/n, tamén en Lamas de Abade, disporá de 12 vivendas, das que 5 serán para menores de 36 anos.

A Comisión Provincial de Vivenda da Coruña acordou a celebración dun sorteo público o vindeiro 16 de maio. Poderán participar nel todas as persoas demandantes inscritas no Rexistro de Demandantes de Vivenda de Galicia que teñan a Santiago como concello preferente na data da publicación do inicio do procedemento no Diario Oficial de Galicia.

As vivendas adxudicaranse en réxime de alugueiro a persoas con ingresos de entre 0,7 e 3 veces o IPREM. Unha vez realizado o sorteo, a listaxe provisional de adxudicatarios publicarase nos taboleiros de anuncios do Concello de Santiago e do IGVS, así como na súa páxina web. A partir dese momento, abrirase un prazo de 10 días para presentar reclamacións.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *