Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today22 marzo, 2026
Máis de 4.000 participantes consolidan a proba como a gran cita do atletismo en Galicia
Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2026. Abel Mechaal e a asturiana Isabel Barreiro proclamáronse vencedores absolutos da carreira 10K “Os 10.000 Peregrinos” da Deputación da Coruña, celebrada hoxe en Santiago de Compostela, nunha edición que bateu todos os récords ao superar os 4.000 participantes no conxunto das probas.
Na categoría masculina, Abel Mechaal subiu ao máis alto do podio, seguido de David de la Fuente e Abal Chaves. Pola súa banda, na categoría feminina, Isabel Barreiro logrou a vitoria cun tempo de 33:33, establecendo un novo récord da proba. Completaron o podio Dameku Paniagua e Debris Paniagua.
As rúas do casco histórico compostelán e a emblemática meta na praza do Obradoiro volveron converterse no escenario dunha cita deportiva de primeiro nivel, que reuniu atletas de todas as idades e niveis, consolidando o seu carácter popular e inclusivo.
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou na entrega de premios xunto ao deputado de Deportes, Antonio Leira, e á alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín. Durante o acto, Formoso destacou o crecemento da proba e o seu impacto: “Os 10.000 Peregrinos consolídase como unha das grandes citas do atletismo en Galicia, combinando deporte, unha participación que crece ano tras ano e a proxección dun escenario tan emblemático como Santiago de Compostela”.
Pola súa banda, Antonio Leira puxo en valor o alto nivel competitivo da carreira e o seu crecemento continuo e salientou a importancia de promover eventos deportivos singulares como este, que dinamizan a cidade e promoven hábitos de vida saudables.
A xornada incluíu diferentes modalidades para todos os públicos, con probas de 10K e 5K, carreiras para categorías inferiores e andaina inclusiva de 2k, reforzando así o carácter aberto e participativo dun evento que segue medrando ano tras ano.
Escrito por Líder Redacción



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)