Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today23 septiembre, 2025
Goretti Sanmartín explicou que este concurso “é o inicio dun proceso que marcará un fito na historia urbana de Santiago, que cambiará a relación do seu corazón histórico co resto de barrios e tecidos”. Así, indicou que “existen vías de maior capacidade que poden absorber os desprazamentos norte-sur e sur-norte (como son a SC-20 e a AP9), polo que apostou por “redeseñar, de forma colectiva, a mobilidade dentro da cidade para equilibrar o espazo destinado ao coche en relación ao que se dedica a outras funcións que tamén corresponden ao espazo público”. E defendeu que Santiago é “referente no mantemento do patrimonio histórico e cultural, mais tamén debe selo nas políticas que melloran a habitabilidade e a sustentabilidade do espazo e dos edificios”.
Mellorar a vida sustentabilidade e coidar a calidade do espazo
O concelleiro de Urbanismo explicou os obxectivos do novo modelo urbano que defende este goberno: mellorar o día a día das persoas que viven, traballan, estudan ou visitan a cidade; garantir a sustentabilidade ambiental nun contexto de cambio climático; e coidar do espazo público conscientes do impacto no benestar das personas.
O ámbito do concurso abrangue máis de 45.000 m2. “É un ámbito de oportunidade para avanzar cara a ese novo modelo urbano centrado na calidade de vida”, dixo Lestegás. Conecta San Clemente e Santa Clara a través da cidade histórica Patrimonio da Humanidade incluíndo nodos moi importantes como a praza de Galiza ou a porta do Camiño e configura unha concatenación de espazos públicos con diferentes características, pero todos eles con moito potencial, que deben ser pensados como un conxunto.
Ademais, conecta transversalmente o antigo recinto intramuros cos barrios históricos que o abrazan e co Ensanche. En palabras do concelleiro, o ámbito que o Concello propón repensar funciona “como unha cremalleira no tecido urbano compostelán”.
Elección concurso de ideas
O concelleiro explicou que desde o principio o goberno entendeu que o futuro deste ámbito tiña que escribirse a través dun concurso de ideas, sen que por isto o concurso fora unha folla en branco. É dicir, o goberno ten unha visión para esta zona e unha orientación e enfoque, que son o resultado dun traballo técnico especializado e rigoroso que se prolongou durante meses.
Os pregos foron redactados polos servizos técnicos municipais coa colaboración do COAG, en virtude do convenio asinado o 24/09/2024, ao que tanto a alcaldesa como o concelleiro agradeceron a colaboración. Na redacción dos pregos participaron tamén o arqueólogo Alejandro Parga Castro e o enxeñeiro Fernando Nebot Beltrán.
O concurso é coherente cos criterios establecidos en tres documentos estratéxicos municipais elaborados mediante procesos participativos: a Axenda urbana 2030, o Plan de mobilidade urbana e sostible e o Plan de accesibilidade universal.
Acceder si, atravesar non
O goberno defende que este ámbito deixe de funcionar como un atallo para desprazarse en vehículo particular de norte a sur ou viceversa. Lembrou, neste sentido, que gran parte do trazado coincide co antigo percorrido da N-550, que debe superar o seu carácter de travesía urbana para pasar a ser unha rúa ou, incluso, unha praza. Con esta idea, trátase de eliminar o tráfico superfluo ou de axitación, seguindo a máxima de acceder si, atravesar non, con excepcións (coma o transporte urbano, emerxencias, etc).
O concurso é máis ambicioso e non se queda na mobilidade. Tamén pretende: mellorar a xestión do ciclo da auga, introducindo pavimentos permeables e sistemas de drenaxe sostible que reduzan o risco de asolagamento nun contexto de cambio climático; crear unha infraestrutura verde que contribúa á sostibilidade urbana e mellore o ambiente urbano (calidade do aire, humidade, temperatura…) incrementando o número de árbores e incorporando áreas de plantación continuas; e mellorar a calidade, a estética, a funcionalidade, a durabilidade e a trazabilidade dos materiais nos pavimentos e no mobiliario urbano.
“En definitiva, trátase de crear un espazo público de calidade; de definir un novo modelo urbano que reorganiza os usos na cidade para garantir a multifuncionalidade do espazo público. A circulación é unha función máis do espazo público, pero non é a súa función exclusiva. O sobredimensionamento do espazo destinado ao coche é evidente”, manifestou Lestegás.
Tanto o delegado do COAG en Santiago, Ángel Cid, como o experto en Mobilidade Fernando Nebot coincidiron na “valentía” de abrir este proceso. “A resolución deste conflito leva tempo sendo o elefante na habitación no que a modelo urbano se refire. Está claro que nesas circunstancias o máis fácil é non facer nada, pero como cidadáns necesitamos que alguén teña a valentía de abrir este proceso de reflexión colectiva. Por este motivo, agora que por fin un equipo de goberno se atreve a dar o paso, non poderiamos deixar de apoialo”, expresou Ángel Cid en relación ao concurso, antes de apelar á pertinencia da “reflexión colectiva”.
Fernando Nebot, pola súa parte, defendeu o espazo público “é máis ca mobilidade, o espazo público é un dereito, dalgunha forma, igual que a sanidade e a educación: é o espazo da socialización e onde se constrúe a cidade. Excluír do espazo público aos cidadadáns sería da mesma gravidade que facelo da educación e da sanidade”.
Por iso, estableceu a necesidade de “establecer pautas de convivencia” no uso, “invertir as prioridades”, cun principio esencial, a prioridade peonil; e unha norma xeral: dar prioridade á coexistencia, establecendo unhas pautas de convivencia. Nebot apostou por un proceso “integral” de mellora do espazo público, non só da mobilidade, e un proceso “completo, para que chegue a todas as partes da cidade”. O experto definiu esta iniciativa como “valente pero non imprudente” e “necesaria” e un “acicate” para resto do municipio.
Dúas fases
O concurso desenvolverase en dúas fases. A primeira, cunha duración de dous meses (ata o 17 de novembro) é unha fase aberta a todos os equipos que cumpran os requisitos de solvencia técnica e económica establecidos nos pregos, que deberán presentar unha proposta técnica inicial.
Desas propostas, o xurado elixirá as 5 mellores. Eses 5 equipos serán convidados a unha segunda fase en que desenvolverán o traballo ata o nivel de anteproxecto. Finalmente, o xurado elixirá a proposta gañadora. Os equipos participantes nesta segunda recibirán unha compensación económica de 50.000 euros, no caso do gañador, e de 30.000 euros nos accésits (que serán os outros catro).
O concurso delimita cinco tramos que teñen características diferentes, pero que deben ser pensados cunha visión holística do funcionamento da cidade. Unha vez resolto o concurso, os pregos prevén a contratación da redacción dos proxectos básico e de ejecución dos tramos 2 e 3, considerados estratéxicos para a transformación da mobilidade na cidade e por iso se aposta por empezar por eles.
“Calquera persoa que percorra a Virxe da Cerca, a praza de Galiza, a rúa das Rodas, o Campo da Estrela… é plenamente consciente da problemática e do desafío que abordamos a través deste concurso. E estou seguro de que todo o mundo entende que é necesario actuar”, sentenciou.
Xurado
O xurado do concurso estará formado por: unha Presidencia, que ocupará un arquitecto/a de recoñecido prestixio designado polo Concello de Santiago e unha Secretaría, que ocupa o secretario do Concello. O resto serán vocais que inclúen: unha persoa técnica designada pola Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta; un arquitecto ou arquitecta nomeado polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG); a Xefatura de Servizo de Planeamento e Xestión Uranística do Concello de Santiago; e unha persoa enxeñeira de Camiños, Canais e Portos designado polo seu colexio oficial.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)