Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today7 abril, 2026
A concelleira de Deportes, Pilar Lueiro, presentou este martes no Pazo de Raxoi o «VI Cross e a Andaina Solidaria a favor da investigación de Duchenne-Becker. Unha tarde con Samuel», acompañada por Samuel Mata, o seu pai Juanma Mata; Iván Sanmartín, presidente da Federación Galega de Atletismo; e Amador Pena, do club Obradoiro.
A responsable municipal de Deportes chamou a toda a veciñanza a participar nesta cita que combina deporte, solidariedade e compromiso social e que un ano máis conta coa colaboración do Concello.
“Desde o Concello queremos destacar o exemplo de superación e compromiso de Samuel e da súa familia, agradecer o traballo de toda a xente que o fai posible e subliñar, como concelleira, o valor do deporte como ferramenta de transformación social”, manifestou Pilar Lueiro, e celebrou que esta proposta está “consolidándose xa como un evento de referencia no calendario deportivo e solidario da cidade”.
Samuel Mata lembrou que todos os ingresos tanto das inscricións coma do merchandising e do café solidario que se instalará no Monte do Gozo irán a parar á asociación Duchenne Parent Project España.
A actividade está aberta a persoas de todas as idades, con cinco modalidades de participación: andaina (2,8 km), cross absoluta (5 km), sub 16 e sub 14 (2 km), sub 12 e sub 10 (1,2 km) e pitufos (0,35 km).
Inscricións e doazóns
As inscricións están abertas ata o día 22 de abril na web Carreiras Galegas, que permite tamén facer doazóns, a través do dorsal cero.
A concelleira recalcou que “o máis importante desta iniciativa é o seu obxectivo: dar visibilidade á distrofia muscular de Duchenne e Becker, unha enfermidade rara que a día de hoxe non ten cura” e convidou a todas as persoas a participar ou contribuír, sexa correndo, camiñando ou colaborando, á recadación de fondos para a investigación.
Juanma Mata, pai de Samuel, animou a disfrutar deste gran día, visibilizar esta enfermidade rara e acompañar.
Pola súa parte, Iván Sanmartín trasladou o apoio da Federación Galega de Atletismo a esta iniciativa, agradeceu a loita por dar visibilidade a esta enfermidade e fixo un chamado á cidadanía e tamén aos clubes a participar o vindeiro 25 de abril.
Amador Pena, en nome do Clube Atletismo Obradoiro, valorou que a proposta ofrece “un circuito e a zona como espléndida para correr” e un día de festa aberto a tanto a atletas como a persoas con menos nivel de todas as idades.
Corte de tráfico
Finalmente, Pilar Lueiro recomendou por motivos de seguridade e de comodidade que as persoas que vaia participar na proba utilicen o transporte público ou, en caso de acceder en vehículo particular, que opten por San Marcos e eviten a rúa das Estrelas, que estará cortada ao tráfico, pola coincidencia de varios eventos deportivos.
Escrito por Líder Redacción
Andaina solidaria deportes Santiago de Compostela Unha tarde con Samuel



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)