Listeners:
Top listeners:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today17 noviembre, 2025
Santiago de Compostela, 17 de novembro de 2025. O xoves, 20 de novembro, inaugúrase na Praza de San Miguel dos Agros de Santiago de Compostela o Museo da Maxia de Galicia, un espazo pioneiro concibido para preservar, divulgar e celebrar o patrimonio máxico galego a través dun percorrido cheo de historias, obxectos e ilusións. Dirixido polo xestor cultural Eloy Fernández, o museo aspira a converterse no gran referente do ilusionismo en Galicia e nun motor cultural para Compostela.
Este proxecto, impulsado desde a paixón e o compromiso coa cultura, recolle o legado do mestre Kiko Pastur e transfórmase nun centro de referencia para a maxia en Galicia. Alén o espectáculo, o museo propón unha ollada profunda ao ilusionismo como disciplina artística, patrimonio cultural e ferramenta educativa que conectará a tradición galega, pezas de valor histórico, experiencias interactivas, obradoiros, espectáculos e actividades para todos os públicos.
Entre os elementos máis chamativos da exposición permanente cómpre salientar o gran acuario do Mago Antón, unha lenda viva da maxia galega. Arredor deste obxecto tecéronse ao longo dos anos relatos de accidentes e coincidencias que lle dan un aire case de maldición, converténdoo nun dos obxectos máis sorprendentes para o público visitante.
Visitas guiadas e maxia de preto
O Museo da Maxia de Galicia artéllase arredor de visitas guiadas nas que o propio Eloy Fernández e outros magos galegos compartirán curiosidades, anécdotas e pequenos relatos da historia da maxia galega e internacional. Estas visitas combinaranse con maxia de preto, realizada a poucos centímetros do espectador, convertendo cada percorrido nunha experiencia única.
A programación complétase cunha Escola de Maxia para todas as idades, actividades educativas, charlas e conferencias, ademais de encontros específicos para a comunidade ilusionista. O museo será tamén sede da Asociación de Magos Profesionais de Galicia, que organizará xornadas, conferencias e encontros entre profesionais e afeccionados.
O museo abrirá os xoves e os venres pola tarde, e os sábados e domingos mañá e tarde, con pases cada hora e media.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)