Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today23 marzo, 2026
O acollemento familiar en Galicia atravesa un momento complexo. Así o explicou Carmen Dourado, directora de Acougo, quen advertiu de que o número de fogares acolledores se sitúa en niveis dos máis baixos dos últimos 27 anos.
Esta realidade coincide coa tramitación da que será a primeira Lei galega de infancia e adolescencia, unha norma chamada a marcar un antes e un despois na protección dos menores. Ata agora, as medidas sobre infancia e adolescencia estaban recollidas noutras leis e non existía unha norma específica neste ámbito.
Dourado valorou este paso como “moi positivo, necesario e urxente” e lembrou que Galicia leva “once anos de retraso” na adaptación da normativa estatal. A futura lei busca reforzar a protección dos menores e potenciar o acollemento familiar como fórmula prioritaria de protección, favorecendo que os nenos e nenas poidan medrar nun fogar.
Neste sentido, insistiu en que o enfoque debe ser claro: “os que teñen que estar no centro son os nenos e nenas, non os adultos que estamos ao redor”.
Entre as novidades da lei, destacou a dobre valoración das familias para acollemento e adopción, que permitiría que un menor poida permanecer na mesma familia se se decide unha adopción. “Se hai unha vinculación, se hai un sentido de pertenza, por que hai que cambialo de familia?”, preguntouse, lembrando que cada ruptura ten consecuencias e que os nenos e nenas precisan estabilidade.
A directora de Acougo puxo tamén o foco na falta de familias acolledoras. “Temos poucas familias que se incorporan ao programa e moitas que marchan”, explicou, alertando dunha tendencia preocupante. Por iso, advertiu: “non podemos permitir que as familias acolledoras marchen desencantadas”.
Segundo indicou, un dos problemas está na falta de acompañamento e nas dificultades do día a día. “Non podemos deixar ás familias soas”, sinalou en referencia ás trabas administrativas e ás situacións ás que teñen que facer fronte.
Durante a entrevista, Dourado explicou tamén que existen distintos tipos de acollemento, desde o de urxencia, temporal ou permanente, así como modalidades como fins de semana, vacacións ou acollemento especializado, adaptadas ás necesidades de cada menor.
Ademais, insistiu na necesidade de cambiar a mirada social arredor do acollemento: “non son os adultos os que teñen dereito a ser pais; son os nenos os que teñen dereito a medrar en familia”. Tamén puxo o foco nun dos momentos máis delicados para estes menores: “con 17 anos teñen todo e aos 18 están sós”.
Dourado advertiu tamén do descoñecemento e dos prexuízos que aínda existen na sociedade arredor do acollemento familiar, lembrando que moitas veces se descoñece a realidade destes nenos e nenas e do propio sistema de protección.
Neste sentido, Acougo desenvolve accións informativas e encontros abertos á cidadanía para explicar en que consiste o acollemento e resolver dúbidas. Ademais, impulsa programas como o de persoas referentes, dirixido a quen non pode acoller pero si acompañar a menores tutelados.
Dourado fixo tamén un chamamento á cidadanía a achegarse a Acougo, informarse e coñecer de preto esta realidade. Durante a entrevista insistiu en que non hai unha única maneira de implicarse, pero si moitas formas de acompañar e estar presentes na vida destes nenos e nenas. Un compromiso que, como ela mesma definiu ao final da conversa, vai máis alá do que se pode explicar: “eu esta experiencia defínoa como algo necesario de vivir”.
Escrito por Líder Redacción
Acollemento Familiar acougo Asociación Galega de Familias de Acollida carmen dourado Lei galega de infancia e adolescencia



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)