AD

Destacado

Afters ilegais, ruído, drogas, pelexas, ameazas e medo: o cóctel explosivo do Ensanche

today14 octubre, 2025

Fondo
share close
AD

Xosé Manuel Durán, presidente da Asociación Veciñal Raigame, advirte dunha situación “insostible e perigosa” con pelexas, tráfico de drogas e locais ilegais que operan co beneplácito institucional. “Só pedimos que se cumpra a lei”, reclama.

Xose Manuel Durán, presidente da Asociación Veciñal Raigame, nos estudios de Radio Líder Santiago

Redacción, 14 de outubro de 2025 – Santiago é unha cidade fermosa, patrimonio da humanidade, meta de milleiros de peregrinos. Mais no Ensanche vense outras imaxes. Imaxes de violencia, ruído, tráfico de drogas, inseguridade e medo. Unha zona na que, segundo os seus propios residentes, “a convivencia está rota”.

Así o denunciou esta semana Xosé Manuel Durán, presidente da Asociación Veciñal Raigame, nunha entrevista en Radio Líder Santiago que se converteu en auténtico testemuño dunha realidade silenciada dende hai tempo: “O Bronx instalouse en Compostela”, resumiu con contundencia. “É duro, si, pero é así. Se non se visibiliza, non existe”.

Durán sinala como principais culpables a un grupo reducido de empresarios da noite –“non máis do 5% da hostalería, pero responsables do 95% dos problemas”– que operan en connivencia coa inacción institucional: “Utilizan a rúa como unha extensión gratuíta dos seus locais, cos limitadores de son apagados e cunha impunidade absoluta”.

Segundo relata, esta “nova xeración de negocios de lecer nocturno” non se adapta ao contexto residencial onde se atopan. “Non se pode pretender convivir con discotecas en edificios de vivendas. É unha barbaridade”, denuncia. “Estamos falando dun dereito fundamental: a saúde, o descanso, a tranquilidade. E isto estase vulnerando todos os días”.

Ademais, critica a resposta do Concello de Santiago, ao que acusa de complicidade. “Hai unha normativa de ocupación de vía pública que se aprobou en 2020, por mor da pandemia. A día de hoxe, segue vixente. Por que? Porque ninguén quere poñerlle o cascabel ao gato”.

Rúas sen lei, ameazas e tráfico de drogas

O que podería parecer só un problema de ruído ou horarios vai moito máis alá. Durán describe unha realidade inquietante: “Hai tráfico de drogas en pisos perfectamente localizados, afters ilegais que funcionan con licencias de bar, e violencia constante nas rúas a partir das 4 ou 5 da mañá”.

Segundo o líder veciñal, hai agresións a veciños e tamén a policías. “Temos vídeos nos que se ve como a Policía Local se ten que refuxiar nos coches patrulla. E mesmo un comisario recoñeceu que non pode enviar dous axentes porque quedan vendidos”.

“Estamos vendo un nivel de violencia nunca antes vivido en Santiago”, alerta Durán. “As pelexas xa non son simples rifas de bar: son malleiras salvaxes, con múltiples patadas e golpes no chan, con xente que saca navallas en plena rúa e agrede impunemente”. Segundo denuncia, moitos destes episodios ocorren entre persoas completamente fóra de control, baixo os efectos dun consumo masivo de drogas e alcohol que se concentra a partir das 4 ou 5 da mañá, hora crítica para o barrio. “Hai unha agresividade desbocada, unha violencia ensañada que non é normal, que supera con moito o que Compostela viviu noutras épocas”, insiste.

E por se fose pouco, lembra un dato revelador: “Moitos dos implicados neste caos, incluídos certos empresarios da noite, nin sequera residen en Santiago. Non viven aquí, non sofren as consecuencias… e tampouco votan aquí”. E engade que “temos testemuñas de xente agredida, comerciantes que pechan os seus negocios e veciños que reciben ameazas por denunciar. Eu mesmo recibín mensaxes por Telegram dicíndome que me metera na miña vida”.

“A situación é insostible. E vai ir a máis”

A Asociación Raigame, xunto con outras como a de Río Sarela ou Fonseca, leva anos traballando para denunciar esta situación. “Non somos un grupo de catastrofistas. Temos informes, vídeos, partes médicos, denuncias. E sobre todo, temos o sufrimento dos nosos veciños”, explica Durán.

Ademais de solicitar máis presenza policial, as entidades veciñais piden ao Concello que actúe con decisión: “Só pedimos que se cumpra a legalidade. Nada máis. Que se pechen os locais que incumpren. Que se limiten as licencias. Que se adiante o horario de peche como fixo o Concello de Lugo”.

Tamén fan un chamamento aos partidos políticos de cara ás próximas eleccións municipais: “Queremos compromisos firmes, que digan claramente nos seus programas que van facer cumprir a lei. Sen ambigüidades”.

Durán asegura que a vía xudicial será cada vez máis utilizada. “Xa hai comunidades que están denunciando penalmente a locais que alteran gravemente a convivencia. E moitas destas accións están cubertas polos seguros de responsabilidade civil das propias comunidades. Non custa cartos denunciar”.

Tamén anima a todos os veciños afectados a gravar vídeos, gardar probas e compartilas: “Sen visibilidade, non hai solución. Os problemas que se silencian, perpetúanse. E aquí xa estamos fartos de sufrir en silencio”.

A situación non é exclusiva do Ensanche compostelán. “Fontiñas tamén ten pisos onde se vende droga. Santa Marta conseguiu pechar algúns, pero o problema desprazouse. E seguirá facéndoo mentres as autoridades non actúen”, explica.

A resposta, di, pasa por unha coordinación real entre veciñanza, administración e forzas de seguridade. “Estamos nun punto límite. Ou actuamos xa, ou isto remata mal. A historia recente demóstrao. E a seguinte vítima pode ser calquera”.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *