Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today23 septiembre, 2025
Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2025. O portavoz de Educación do Grupo Socialista, Aitor Bouza, criticou hoxe que o PP faga unha “política educativa a porta pechada”, logo de 16 anos de goberno sendo “incapaces de resolver” os problemas “sistemáticos e reiterados” que teñen provocado na educación pública. Así o dixo na comparecencia do conselleiro de Educación non Pleno do Parlamento de hoxe, ao que responsabilizou dun “inicio de curso caótico”.
Na súa primeira intervención como deputado, Bouza acusou ao conselleiro de construír unha política educativa “a porta pechada, dende San Caetano”, a base de “criterios de recorte e de propaganda”, sen garantir os orientadores escolares nos centros e a falla xeneralizada de profesores de Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe. Criticou que con este panorama o conselleiro “non fale cos sindicatos, non escoite ás Anpas, non atenda ás reivindicacións do profesorado nin da comunidade educativa”.
Acusou ao conselleiro de “insultar á comunidade educativa” ao intentar pasar por “puntuais” os problemas xeneralizados que coñecen “cada nai, cada pai, cada docente e cada rapaz que está sufrindo hoxe as súas políticas”. Resumiu que o curso está a replicar as deficiencias estruturais, a falla de profesorado, aulas saturadas, transporte despeito e familias afogadas polos gastos do material mentres ao goberno só lle preocupa “censurar o pensamento crítico”.
Aludiu así á “obsesión coa chamada neutralidade ideolóxica” que o PP quere impoñer nas aulas como “eufemismo perigoso para agochar que queren controlar o que se ensina nas aulas e decidir do que se pode falar, pensar ou opinar”. Advertiu que “non existe neutralidade cando se trata de igualdade, de feminismo, de memoria democrática ou de dereitos humanos” e criticou que “intenten vetar debates imprescindibles na formación crítica do alumnado” mentres “insultan ao profesorado”.
O responsable socialista debullou un inicio de curso sen profesorado de apoio ao alumnado con necesidades, con rapaces e rapazas “tirados” nas paradas e coa comunidade educativa “manifestándose a prol dos seus dereitos”. O portavoz de Educación do Grupo Socialista sinalou en primeiro lugar que “non é normal que haxa aulas saturadas, con máis alumnado do que marca a normativa” porque o goberno galego “utiliza as rateos de aulas como ferramenta de recorte”.
O parlamentario socialista advertiu que teñen convertido o transporte escolar “nun auténtico caos” pola súa obsesión por “facer negocio co servizo público” e beneficiar descaradamente ás concesionarias. Criticou que “sacrifican o dereito á educación e á seguridade” en favor dun modelo que “só beneficia ás concesionarias”, con “buses saturados, horarios imposibles” e condicións inasumibles.
Bouza reivindicou finalmente un “ensino gratuíto en tódolos aspectos, tamén no acceso ao material escolar”, e afeoulle ao conselleiro de Educación que manteñan un “modelo insuficiente que traslada ás familias uns custes crecentes cada curso”, mentres outras comunidades autónomas “avanzan cara á gratuidade real e efectiva”. Acusou ao PP de “mirar cara outro lado” mentres “cada setembro é unha carreira de obstáculos para milleiros de fogares galegos”.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)