AD

Actualidad

Aitor Bouza reclama a rehabilitación urxente do centro de saúde Concepción Arenal en Santiago

today9 abril, 2026

Fondo
share close
AD
  • Aitor Bouza alerta do “colapso” da atención sanitaria na cidade e acusa a Rueda de desatender as infraestruturas sanitarias.
  • O deputado socialista reclama unha actuación urxente no centro de saúde de Concepción Arenal e levará a iniciativa novamente ao Parlamento de Galicia.
  • Bouza critica que o Debate do Estado da Autonomía confirmase a falta de compromiso da Xunta de Rueda con Santiago, sen ningún anuncio para a cidade.

Santiago de Compostela, 9 de abril de 2026. O secretario xeral do PSdeG de Santiago e deputado autonómico, Aitor Bouza, reclamou a rehabilitación integral do centro de saúde de Concepción Arenal e denunciou a situación de “abandono” da sanidade pública na cidade por parte da Xunta de Galicia.

Bouza enmarcou esta demanda nun contexto de “colapso das urxencias, da atención primaria e das listas de espera”, e advertiu de que esta situación evidencia “a desatención absoluta do Goberno de Rueda coa sanidade pública en Santiago”.

Neste sentido, o deputado socialista puxo o foco no estado do centro de saúde de Concepción Arenal, que, segundo indicou, “precisa dunha rehabilitación integral de maneira urxente”, ao non reunir as condicións adecuadas para prestar unha atención sanitaria de calidade. “Non estamos falando só da falta de novos centros, senón de instalacións que xa existen e que están en condicións que non son as que merece a cidadanía”, sinalou.

Bouza lembrou que o PSdeG xa levou esta demanda ao Parlamento de Galicia a través das emendas aos orzamentos da Xunta, que foron rexeitadas polo Partido Popular. “O PP e o señor Borja Verea votaron en contra de mellorar este centro de saúde en Santiago”, criticou.

Ademais, lamentou que no recente Debate do Estado da Autonomía “non houbera ningún compromiso coa cidade de Santiago en materia sanitaria”, o que, ao seu xuízo, confirma que “a sanidade pública non está entre as prioridades do Goberno galego”.

O deputado socialista anunciou que o PSdeG levará esta cuestión novamente ao Parlamento de Galicia, a través dunha batería de iniciativas, co obxectivo de “obrigar á Xunta a posicionarse e a asumir responsabilidades”. “Queremos que o Goberno diga claramente se vai actuar ou se vai seguir mirando para outro lado”, afirmou.

Así mesmo, avanzou que as e os socialistas reclamarán unha partida específica nos orzamentos de 2026 para acometer esta actuación e garantir que o centro de saúde conte “coas condicións óptimas para atender á veciñanza”. Bouza insistiu en que “as infraestruturas sanitarias tamén son clave para garantir unha atención de calidade” e advertiu de que “non se pode falar de sanidade pública mentres se permite o deterioro dos centros de saúde”.

“Imos seguir defendendo a sanidade pública en Santiago, goberne quen goberne, porque é unha cuestión fundamental para a saúde e a calidade de vida da cidadanía”, concluíu.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *