Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today22 julio, 2025
O Concello das Neves prepárase para celebrar por todo o alto a 19ª edición da Festa do Tinto Rías Baixas, unha cita xa consolidada no calendario estival galego. Os días 24 e 25 de xullo, o viño tinto das Rías Baixas será o protagonista dun programa cheo de actividades que inclúe feiras, catas, música en directo, inchables, gastronomía e mesmo música electrónica co Requesound Festival.
O xoves 24, a festa arrinca ás 19:00 horas coa apertura oficial e obradoiros infantís no Mercado Municipal. Ás 20:00 horas haberá unha actuación das Pandereteiras de Vide, seguida ás 21:00 horas da xa tradicional Cea Maridaxe (con catro pratos e catro viños Tinto Rías Baixas, previa inscrición). A música seguirá ás 22:30 co grupo Son das Tabernas e pecharase a noite co DJ Pitty ás 01:00 horas.
O venres 25, día central da celebración, comezará ás 11:00 horas coa apertura e recepción de cofradías na Casa do Concello. Ás 11:30 haberá pasarrúas coa banda de gaitas Os Atrancalevedas, e ás 12:30 horas o pregón oficial a cargo do actor Federico Pérez Rey. Un momento emotivo terá lugar ás 13:00 co Irmanamento do Tinto Verde Sumius co Tinto Rías Baixas, símbolo da unión entre Galicia e o norte de Portugal.
Pola tarde, os máis pequenos poderán gozar dun inchable acuático gratuíto ás 17:00, e ás 18:30 a festa continuará coa Charanga A Sorcha. Ás 22:30 subirá ao escenario Susana Seivane, e o día pecharase co festival Requesound ás 23:00 no aparcadoiro do colexio, con música electrónica e o humorista Jorge Cremades como convidado especial.
A festa é só o inicio dun verán cheo de propostas culturais: concertos de música clásica con obras de Beethoven, noites de poesía e avistamento de estrelas, cine e teatro na rúa, e festas patronais como a de Santa Marta de Ribarteme ou a Virxe das Neves. “Temos un verán moi completo para todas aquelas persoas que queiran vir. Desde logo, animámosvos a achegarvos ás Neves e descubrir un concello con moito potencial”, afirmou o rexedor.
José Manuel Alfonso tamén destacou a calidade crecente dos tintos da zona: “Estamos falando de tintos dentro das Rías Baixas, con variedades como Sousón, Caiño ou Pedral. Temos unha oportunidade de descubrir dentro de Rías Baixas un novo mundo”. Por último, recomendou recunchos especiais do municipio como o Miradoiro de San Nomedio, a beira do río Miño ou os petróglifos de Rubiós. “Temos un mundo por descubrir tamén na natureza”, concluíu.
Escrito por Líder Redacción
alcalde de As Neves festa do viño tinto politica rias baixas
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)