Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today13 abril, 2026
O alcalde, Diego Luis Díaz, fixo público que leva máis de catro meses sendo obxecto de ataques e ameazas veladas a través de perfís falsos na rede social Facebook, unha situación que cualifica de “inaceptable” dentro do marco do debate político.
Segundo explicou o rexedor, algunhas destas contas xa foron denunciadas ante a Garda Civil no mes de decembro de 2025, seguindo recomendacións para tratar de identificar ás persoas responsables detrás destes perfís anónimos. Díaz sinala que o obxectivo destas accións sería implicalo en diferentes situacións mediante insinuacións e mensaxes indirectas.
O alcalde asegura comprender “o xogo político”, pero insiste en que existen límites que non deberían ser traspasados. “Hai xeitos e xeitos de proceder, e este, agochados detrás de contas falsas, non é o mellor”, afirmou.
Ante esta situación, confirmou a súa intención de continuar cos procedementos pola vía xudicial “ata chegar ao final”, co fin de esclarecer os feitos e depurar responsabilidades.
Neste contexto, o rexedor de Val do Dubra súmase así a outros cargos públicos que tamén teñen anunciado medidas legais ante situacións semellantes. Entre eles atópase Blas García, alcalde de Ames, así como iniciativas no mesmo sentido impulsadas desde o Concello de Padrón e polos socialistas de Oroso.
Díaz tamén quixo poñer o foco nas consecuencias persoais deste tipo de actuacións, lembrando que “detrás dos cargos hai persoas” e advertindo de que estas prácticas afectan non só a quen as sofre directamente, senón tamén ás súas parellas, familias e amizades.
Finalmente, o rexedor fixo un chamamento a elevar o nivel do debate político, apostando por “sumar” a través de propostas e iniciativas. “Hai miles de historias coas que facer política e moitas ideas que aportar”, concluíu.
Escrito por Líder Redacción



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)