Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today12 marzo, 2026
Hoxe, 12 de marzo, celébrase o Día Mundial do Ril, unha xornada dedicada a concienciar á cidadanía sobre a importancia de coidar a saúde renal e previr a enfermidade renal crónica. Con este motivo, a Asociación para a Loita Contra as Enfermidades do Ril, ALCER Coruña, organiza en Santiago de Compostela unha acción informativa e de sensibilización aberta ao público.
A iniciativa desenvolverase na Praza do Toural entre as 11:00 e as 18:00 horas, onde se instalará unha carpa informativa na que profesionais e membros da entidade ofrecerán información sobre a enfermidade renal, os seus factores de risco e as medidas de prevención.
O acto contará ademais coa participación de membros da xunta directiva de ALCER Coruña, así como de representantes da xerencia do Servizo Galego de Saúde (Sergas) e especialistas dos servizos de nefroloxía, que colaborarán nesta xornada de divulgación sanitaria.
Durante a actividade realizaranse tamén medicións gratuítas de tensión arterial e de glicosa, coa colaboración do Colexio de Farmacéuticos da Coruña, co obxectivo de achegar á cidadanía controis básicos que poden axudar a detectar factores de risco relacionados coa enfermidade renal.
Desde ALCER Coruña lembran que a enfermidade renal crónica afecta a unha parte importante da poboación e subliñan que a prevención, os hábitos de vida saudables e a detección precoz son fundamentais para protexer a saúde dos riles.
A asociación traballa na provincia da Coruña ofrecendo atención psicosocial, asesoramento e acompañamento ás persoas con enfermidade renal e ás súas familias, ademais de desenvolver campañas de sensibilización sobre a doazón de órganos e a importancia do coidado da saúde renal.
Escrito por Líder Redacción
AlCER ALCER Coruña Alcer Santiago Día Mundial do Ril Día Mundial Riñón



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)