AD

Comarca

Alfonso Rueda e Blas García impulsarán un coliving en Ames e estudan ampliar o centro de saúde de Bertamiráns

today25 febrero, 2026

Fondo
share close
AD

O alcalde de Ames, Blas García, reuniuse nas oficinas da Delegación da Xunta en Pontevedra co presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, co obxectivo de impulsar asuntos de especial relevancia para o municipio, como a materialización de novos proxectos de vivenda e a dotación de novas instalacións sanitarias.

García e Rueda acordaron estudar a posibilidade de desenvolver un proxecto de coliving en Ames seguindo unha fórmula similar á xa aplicada no Milladoiro para a promoción de vivenda pública: cesión de parcelas por parte do Concello e desenvolvemento das mesmas pola Xunta. Para avanzar nesta iniciativa, manterase unha xuntanza coa conselleira de Infraestruturas e Vivenda, María Martínez Allegue.

No ámbito sanitario, rexedor e presidente consideraron importante a ampliación do centro de saúde de Bertamiráns, actualmente superado na súa capacidade, co fin de adaptalo ás novas necesidades da veciñanza. O alcalde comprometeuse a levar ao pleno municipal a cesión das parcelas necesarias para acometer unha posible ampliación no caso de a Xunta de Galicia finalmente execute actuación.

Blas García salientou a importancia da colaboración leal entre administracións como única vía útil para resolver os problemas da cidadanía e destacou a boa disposición do presidente para materializar tanto os proxectos xa en marcha como as novas iniciativas propostas.

Por outra banda, o alcalde solicitou que a Xunta estude a posibilidade de incluír Ames como localización para a instalación de novos centros de día ou residencias para persoas maiores. Neste sentido, lembrou que, malia ser un dos concellos máis novos de Galicia e experimentar un crecemento constante, a conciliación e o benestar da veciñanza, especialmente das persoas maiores, continúan a ser unha prioridade.

Análise e avaliación dos proxectos comúns en marcha

A reunión de traballo serviu tamén para facer seguimento dos proxectos compartidos entre ambas administracións, como a ampliación da EDAR de Sisalde, o proxecto do Mercado Municipal de Ames, a construción de vivenda de protección pública no Milladoiro e o desenvolvemento do polígono empresarial de Bertamiráns.

Ademais informou ao presidente que progresa adecuadamente o proceso de urbanización das parcelas destinadas á promoción de máis de 200 vivendas de protección pública.

En relación co Mercado Municipal de Ames, confirmou que se está a ultimar a adaptación do proxecto á normativa europea, mentres que o presidente reiterou o compromiso da Xunta de colaborar no seu financiamento.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *