AD

Actualidad

Do amago ao desmentido: os non adscritos propoñen a Rosón e 24 horas despois negan calquera moción

today9 octubre, 2025

Fondo
share close
AD

O panorama político compostelán viviu nas últimas horas un intenso vaivén a raíz das declaracións de Gonzalo Muíños, concelleiro non adscrito do Concello de Santiago, quen primeiro apuntou á posibilidade dunha moción de censura coa exedil socialista Mercedes Rosón como candidata, para logo descartala rotundamente.

O mércores, Muíños aseguraba en nome do grupo de catro concelleiros non adscritos —expulsados do PSOE— que “a única candidata alternativa posible” ao actual executivo de Goretti Sanmartín (BNG) sería precisamente Rosón, á que cualificou como “a única opción viable” para un goberno alternativo.

O PP abre a porta a un “goberno de emerxencia”

As declaracións de Muíños foron recollidas con interese polo Partido Popular de Santiago, que se amosou disposto a negociar unha moción de censura cos edís non adscritos para promover o que cualifican como “un goberno de emerxencia” na capital galega e retirar o bastón de mando á actual alcaldesa do BNG.

Segundo explicou o voceiro municipal do PP, Borja Verea, nunha entrevista en Radio Voz, o obxectivo sería “acabar co caos e a parálise” que, segundo di, sofre o Concello de Santiago. Verea non descartou que a candidata á Alcaldía puidese ser Mercedes Rosón, por ser “a única opción viable” que contaría cos apoios necesarios.

Horas antes da nota de prensa de Muíños, Borja Verea interveu tamén en Radio Líder Santiago, onde analizou a posible moción de censura e deixou abertos varios escenarios, insistindo en que o PP está disposto a dialogar “con responsabilidade” para garantir un goberno estable en Santiago.

Pola súa banda, o presidente provincial do PP e conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, confirmou tamén a disposición do partido a explorar esa vía, subliñando que a “única preocupación” dos populares é “a cidade de Santiago e non o sillón” da Alcaldía.

O PP compostelán chegou incluso a presentar un decálogo de medidas prioritarias para ese hipotético goberno de emerxencia, que estaría formado por 15 concelleiros. Entre elas destacan:

1. O derrubo da Casa da Xuventude.

2. A eliminación de asesores e cargos creados polo BNG e Compostela Aberta, destinando eses fondos á programación cultural.

3. O reforzo inmediato do servizo de limpeza.

4. A posta en marcha dun novo contrato da auga “que xeraría 100 millóns de euros para os santiagueses”.

5. A auditoría do servizo de autobuses urbanos.

6. A axilización administrativa e urbanística.

7. A creación dunha rede pública de cociñas escolares.

8. A construción de vivenda “cen por cen pública” e a paralización da venda de solo público.

9. A instalación de parques infantís cubertos.

10. O reforzo da plantilla da Policía Local e medidas complementarias de seguridade.

Con esta proposta, os populares aseguran querer “recuperar a estabilidade institucional” en Santiago tras meses de tensión entre o goberno do BNG e os concelleiros non adscritos.

Rosón e Muíños marcan distancia

Porén, a propia Mercedes Rosón asegurou a El Correo Gallego que “xamais” formará parte dun goberno de coalición co Partido Popular, e lembrou que “o PP coñece perfectamente a súa postura”, desbotando así a posibilidade de liderar esa hipotética moción de censura.

Pouco despois, Gonzalo Muíños publicou un comunicado nas súas redes sociais no que desmentiu calquera negociación e pechou definitivamente o debate: “Non vai haber moción de censura. Nunca quixemos entrar nese debate, nin o imos facer agora.”

O edil recoñeceu que “lle gustaría que Mercedes Rosón fose alcaldesa” e que “ao Concello iríalle mellor se así fora”, pero insistiu en manter a palabra e o compromiso co programa electoral co que se presentou ás eleccións.

“A xente que nos votou non o fixo para que pactáramos co Partido Popular”, afirmou.

Muíños acusou ademais a certas persoas de “facer ruído interesado” e de tentar “limpar a súa imaxe” aproveitando a polémica, concluíndo cunha frase contundente: “Nós temos palabra; outros, palabrería.”

O PSOE local critica calquera achegamento ao PP

Desde o PSdeG de Santiago, o secretario xeral Aitor Bouza saíu ao paso da polémica cunha mensaxe clara nas súas redes sociais: “Temos moi clara a nosa postura: non imos mercadear co PP para obter un sillón, nin directa nin indirectamente, e non participaremos en manobras que pretendan perverter a maioría de esquerdas que escolleu a veciñanza.”

Bouza subliñou ademais que os socialistas seguirán firmes na oposición construtiva, defendendo “os intereses das veciñas e veciños de Compostela, coa cidadanía e cos nosos principios como prioridade”.

Con esta rectificación de Muíños e o pronunciamento do PSOE, o escenario político compostelán volta á calma aparente, aínda que a polémica deixou ao descuberto as tensións e os movementos entre as distintas forzas municipais.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *