Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today2 agosto, 2024
A Corporación municipal aprobou por unanimidade a fixación dos festivos locais para o ano 2025; a concesión da medalla do Concello de Ames 2024 á Borja Golán Santín; a solicitude de participación na segunda fase do POS+ Adicional 2/2024; e a aprobación da modificación da base número 50 do orzamento municipal de 2024 relativa a subvencións nominativas
Tamén se aprobou a cuarta prórroga da concesión administrativa da xestión e mantemento do Centro deportivo municipal A Telleira; e a concesión de obra para a construción da instalación deportiva municipal de O Milladoiro e explotación do conxunto deportivo que conformará a obra xunto a instalación municipal A Telleira de Bertamiráns
Ademais, aprobouse unha moción de urxencia sobre a modificación da ordenanza reguladora da taxa pola prestación dos servizos complementarios educativos e de conciliación
Por último, foron debatidas tres mocións. Dúas foron presentadas polo grupo municipal do BNG: unha para crear o Consello de participación e transparencia; e outra sobre a xestión real e efectiva das colonias felinas no rural de Ames. Estas dúas mocións foron rexeitadas. A terceira moción do grupo municipal popular, que foi aprobada, tratou sobre as medidas a adoptar polo Concello de Ames e a Xunta de Galicia na loita contra o munifundismo no municipio amesán
Podes ver a gravación do pleno na canle de Youtube do Concello de Ames
Ames, 1 de agosto de 2024.- A Corporación municipal aprobou por unanimidade a fixación dos festivos locais para o ano 2025; a concesión da medalla do Concello de Ames 2024 á Borja Golán Santín; a solicitude de participación na segunda fase do POS+ Adicional 2/2024; e a aprobación da modificación da base número 50 do orzamento municipal de 2024 relativa a subvencións nominativas. Tamén se aprobou a cuarta prórroga da concesión administrativa da xestión e mantemento do Centro deportivo municipal A Telleira; e a concesión de obra para a construción da instalación deportiva municipal de O Milladoiro e explotación do conxunto deportivo que conformará a obra xunto a instalación municipal A Telleira de Bertamiráns. Ademais, aprobouse unha moción de urxencia sobre a modificación da ordenanza reguladora da taxa pola prestación dos servizos complementarios educativos e de conciliación. Por último, foron debatidas tres mocións. Dúas foron presentadas polo grupo municipal do BNG: unha para crear o Consello de participación e transparencia; e outra sobre a xestión real e efectiva das colonias felinas no rural de Ames. Estas dúas mocións foron rexeitadas. A terceira moción do grupo municipal popular, que foi aprobada, tratou sobre as medidas a adoptar polo Concello de Ames e a Xunta de Galicia na loita contra o munifundismo no municipio amesán. Podes ver a gravación do pleno na canle de Youtube do Concello de Ames.
O pleno ordinario de xullo comezou co alcalde dando conta á Corporación municipal dos decretos ditados pola Alcaldía dende a última sesión plenaria ordinaria. Dende o último pleno ordinario aprobáronse 368 decretos, do 1996 ao 2363. De seguido, aprobouse por unanimidade a acta da sesión ordinaria do mes de xuño, celebrada o pasado 27 de xuño de 2024.
Tamén se aprobou por unanimidade a fixación dos festivos locais para o ano 2025, que serán o xoves 29 de maio (día da Ascensión) e mailo martes 24 de xuño (día de San Xoán). A continuación o Pleno aprobou, tamén por unanimidade, a concesión da medalla do Concello de Ames 2024 á Borja Golán Santín. Este punto xa foi aprobado previamente, por unanimidade, na Xunta de voceiros celebrada o pasado 14 de xuño. Dita medalla entregóuselle a Borja Golán no acto do Día de Galicia celebrado o pasado martes 23 de xullo.
POS Adicional 2/2024
O Pleno aprobou por unanimidade a participación no POS+ Adicional 2/2024, segunda fase, da Deputación Provincial da Coruña, incluíndo novos investimentos financeiramente sostibles que non figuraban no Plan complementario ao POS+ 2024. Deste xeito, vaise sufragar a través de dito plan o proxecto de melloras no edificio da Escola Municipal de Música de Ames, situado en Aldea Nova, que ten un orzamento total de 254.166,82 euros.
Subvención nominativa para a entidade Solidariedade Internacional de Galicia
De seguido, aprobouse, tamén por unanimidade, a modificación da base número 50 do orzamento municipal de 2024, relativa a subvencións nominativas, para incluír no orzamento unha subvención nominativa, por importe de 2.000 euros, para a entidade Solidariedade Internacional de Galicia, para colaborar co programa galego de acollida temporal a mulleres defensoras de dereitos humanos (Galicia Abriga).
O programa consiste no acollemento de mulleres defensoras de dereitos humanos que pertencen a organizacións e movementos sociais de países nos que a Cooperación Galega ten presenza, contribuíndo a que saian do contexto de risco no que se atopan pola labor que realizan, fortalecendo as súas capacidades e mellorando o seu benestar. Á súa vez, tamén se crearán espazos nos que se difunda a axenda de defensa de dereitos das súas comunidades, organizacións ou movementos sociais, así como de denuncia das violacións de dereitos humanos das que foi obxecto e de aproximación ao contexto do país.
Centro deportivo municipal A Telleira
Ademais, tratouse a cuarta prórroga da concesión administrativa da xestión e mantemento do Centro deportivo municipal A Telleira. A prórroga terá unha duración máxima de dous anos, prazo durante o cal se manterán as mesmas condicións da concesión existente, o que situará o remate da concesión no 9 de setembro de 2026. A concesionaria do servizo, Serviocio Deporte Cultura e Recreación SL, terá que executar obras de investimento por importe de 128.958,67 euros, sen IVE, durante dita prórroga. Este punto saíu adiante co voto a favor dos concelleiros e concelleiras do grupo de goberno, BNG e Espazo Común. Os/as edís do Partido Popular abstivéronse neste punto.
Complexo deportivo do Milladoiro
Un dos temas máis importantes que se abordou no pleno ordinario de xullo foi a aprobación da concesión de obra para a construción da instalación deportiva municipal do Milladoiro e maila explotación do conxunto deportivo que conformará a nova instalación xunto ao centro municipal A Telleira de Bertamiráns.
En primeiro lugar, púxose en coñecemento da Corporación municipal o novo estudo de viabilidade, elaborado pola consultora Dosvalor, incluído no expediente de concesión de obra pública para a construción de dita instalación deportiva. Dito estudo de viabilidade foi presentado pola consultora o 18 de xuño de 2024. Este punto foi aprobado co voto a favor dos concelleiros e concelleiras do grupo de goberno, Partido Popular e Espazo Común. Os/as edís do BNG abstivéronse neste punto.
A concelleira de Servizos Económicos e Deportes, Susana Señorís, explicou que “o pasado 30 de marzo de 2023 tróuxose a este Pleno o estudo de viabilidade, aprobado por unanimidade, e despois estivo en exposición pública. Dende o departamento de Intervención elaborouse o estudo de sustentabilidade que reflectiu vairas eivas o que provocou que houbo que solicitar un novo plan de viabilidade, porque non se xustificaba a duración da concesión por encima do prazo de 12 anos e era necesario revisar os ingresos pola utilización do aparcamento”.
A continuación, Susana Señorís pasou a detallar as principais modificacións do novo estudo de viabilidade, que son que o importe das obras no novo centro do Milladoiro pasan, a consecuencia da inflación, de 6.987.916 euros a 7.330.839 euros; os fondos propios da futura concesionaria para financiar a inversión no novo centro do Milladoiro pasan de 2.160.166 euros a 4.363.504 euros; o modelo de financiamento prevé un préstamo para a futura concesionaria que pasa de 30 anos a 15 anos; modifícanse os importe das tarifas a aboar polos usuarios e actualizanse as mesmas (conforme o IPC previsible) ata o ano 2027, ano previsto para o inicio da concesión; incorporase por primeira vez inversións no centro xa existente de A Telleira por importe de 994.394 euros; desaparece a achega municipal prevista de 600.000 euros; e a TIR (taxa interna de retorno) conxunta das dúas instalacións pasa do 13,29% ao 13,41%.
A voceira de Espazo Común, Luísa Feijoo, destacou que “o novo estudo de viabilidade incorpora modificacións substancias. O anterior proxecto xa nos xeraba algunhas dúbidas e este aínda nos xera máis. O que se presenta neste informe é unha estimación orzamentaria de preto de oito millóns de euros. A duración da licitación é bastante longa polo que esta contía pode variar debido á inflación. O modelo de financiamento para a futura concesionaria, aínda que se incrementa a cantidade orzamentaria, baixa en anos de 40 a 15 anos. Ademais vai contar cun aparcadoiro de pago cando as infraestruturas similares da contorna o teñen gratuíto. A situación do centro cremos que non é a mais axeitada porque esa zona ía a ser o gran pulmón verde do Milladoiro. Aínda así pésanos máis a responsabilidade de que é unha infraestrutura moi necesaria e demandada pola veciñanza do Milladoiro, polo que imos a votar a favor”.
A voceira do BNG, Escarlata Pampín, dixo que “somos conscientes da necesidade que ten a localidade do Milladoiro dunha piscina cuberta, pero atopámonos xa dende o inicio deste expediente con moitas deficiencias que trasladamos no seu momento e que volvemos a trasladar agora. Unha concesión a tantos anos supón un risco, polo que cremos que no plan de viabilidade deberían figurar outras alternativas como buscar financiamento doutras administracións, establecer un convenio con outro centro deportivo xa existentes, ou asumir o Concello a construción das instalación e despois ceder a xestión a unha empresa que pagase un canón para sufragar parte do investimento. Tamén nos xera dubidas o emprazamento do edificio, que deixará sen espazo libre esa zona central do Milladoiro. Tampouco nos parece axeitado a xestión conxunta deste novo complexo deportivo xunto ao centro deportivo da Telleira. Este estudo tamén presenta eivas nos datos de financiamento. Sabemos da necesidade de dispor dunha piscina cuberta municipal no Milladoiro, pero non a calquera prezo, e moito menos comprometendo a estabilidade financeira e orzamentaria do Concello de Ames e das oito próximas Corporacións municipais”.
O concelleiro do Partido Popular, Pablo Beiroa, explicou que “en marzo de 2023 xa votamos a favor deste estudo de viabilidade porque é importante ter unha piscina cuberta no Milladoiro, porque é unha necesidade e unha vella demanda da veciñanza do núcleo do Milladoiro. Naquel momento votamos a favor e agora volveremos a votar a favor. Aínda así temos que criticar que dende marzo de 2023 pasou un ano e medio e estamos no mesmo lugar. Seguiremos estando pendentes deste asunto, como o levamos facendo nos últimos meses, para que os veciños do Milladoiro canto antes poidan ter un centro deportivo”.
A concelleira de Servizos Económicos e Deportes, Susana Señorís, engadiu que “con este sistema de xestión que se propón, que é un contrato de concesión de obra pública, todos os gastos quedan a cargo do operador económico que resulta adxudicatario, o cal debe investir tanto na construción coma na explotación para obter o retorno da inversión feita. No centro deportivo da Telleira vai a facer un investimento de máis dun millón de euros. A elección deste modelo atópase xustificada, xa que para a administración supón trasladar o risco operacional a quen puidese xestionar co seu persoal o servizo, sen que o Concello poña a súa disposición medios para a súa xestión. O estudo de viabilidade pon de manifesto a opción de poder abordar a construción dun equipamento desta envergadura e a súa posterior xestión sen necesidade de facer ningunha achega pública. Cabe a posibilidade de achegas públicas que minorarían o importe da inversión privada ou os custes de explotación, o cal poderían repercutirse reducindo as cotas dos/as abonados/as”.
Ordenanza servizos complementarios
Por outra banda, abordouse unha moción de urxencia sobre a modificación da ordenanza reguladora da taxa pola prestación dos servizos complementarios educativos e de conciliación da vida familiar e laboral.
Dende a Concellería de Educación propúxose aprobar unha modificación que afectará a unha parte do artigo 6 (cotas tributarias) dado que dende o ano 2011 as cotas non experimentaron modificación algunha. A proposta da Concellería é que as cotas do servizo de comedor, as cotas dos lúdicos e escola de verán, se modifiquen e se incrementen en torno a un 11%, e que tamén se regulen novos tramos para o cálculo da capacidade económica segundo o IPREM. Con respecto ao servizo de Bos Días Cole e Tardes Divertidas neste momento non experimentaran modificación.
Este punto foi aprobado co voto a favor dos concelleiros e concelleiras do grupo de goberno e do Partido Popular. As/os edís do BNG e Espazo Común votaron en contra. Deste xeito, queda aprobada de xeito inicial a modificación de dita ordenanza que deberá estar en exposición pública por prazo de 30 días hábiles. De non formularse reclamacións o acordo de aprobación provisional quedará elevado a definitivo de forma automática. De presentarse reclamacións, serán resoltas polo pleno da Corporación por maioría simple.
Mocións políticas do BNG e Partido Popular
Por último, debatéronse tres mocións. Dúas presentadas polo grupo municipal do BNG: unha para crear o Consello de participación e transparencia; e outra sobre a xestión real e efectiva das colonias felinas no rural de Ames. Estas dúas mocións foron rexeitadas. En ambas mocións votaron a favor os/as concelleiros/as do BNG e Espazo Común, mentres que os membros do grupo de goberno votaron en contra. Os/as edís do Partido Popular abstivéronse.
Por outra banda, a terceira moción do Partido Popular tratou sobre as medidas a adoptar polo Concello de Ames e a Xunta de Galicia na loita contra o munifundismo no municipio amesán. Esa moción foi aprobada co voto a favor dos concelleiros/as do Partido Popular, grupo de goberno e Espazo Común. Os/as edís do BNG abstivéronse.
Written by: Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Post comments (0)