Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today5 marzo, 2026
O concello de Ames rexistrou unhas cifras moi positivas no eido do sector tecnolóxico: 991 afiliados, o que corresponde ao 9,17%, pertencían á rama da tecnoloxía en Ames durante o 2025, segundo o Mapa del Empleo Tecnológico de España, da Fundación Cotec. Uns números elevados en comparación con Galicia, que no seu conxunto sitúase no 5,8%; a provincia da Coruña, cun 5,1; e Santiago de Compostela, arredor dun 7%. O crecemento é alto, cunha suba de case dous puntos dende o ano 2019, gañando máis de 300 empregados no sector. Deste xeito, Ames situase como un concello punteiro no sector tecnolóxico
Ames pechou o ano 2025 con 991 afiliacións no sector tecnolóxico, das cales 134 corresponden á cinematografía e actividades de vídeo. O emprego tecnolóxico representa, deste xeito, o 9,7% do emprego total, practicamente un de cada dez empregos do municipio. Esta porcentaxe supera amplamente a media de Galicia (5,8%), a da provincia da Coruña (5,1%) e tamén a de Santiago de Compostela (arredor do 7%). Tamén o fai coa media do estado, un 6,38% no 2024.
Esta importante suba correspóndese cunha tendencia que xa vén en alza dende anos atrás, concretamente dende o 2019. En 6 anos, o tecido tecnolóxico amesán pasou dun 7,1% a un 9,7% do total do emprego do municipio. Unha suba de 318 empregados, dos 606 aos 924, que supoñen un incremento do 52,5% das afiliacións tecnolóxicas.
No que respecta ao conxunto do mercado laboral total (emprego tecnolóxico e non tecnolóxico), nese mesmo período houbo un crecemento global de 1.606 afiliados máis, o que a nivel porcentual implica o 18,5% do emprego de todo o municipio. Estas cifras, en termos relativos á poboación amesá, expoñen un avance especialmente significativo.
“Estes datos confirman que Ames está á cabeza en Galicia no ámbito tecnolóxico”, afirmou o alcalde, Blas García. “O noso concello conta cun tecido empresarial innovador que xera emprego de alta cualificación e fai de Ames un lugar atractivo para empresas e profesionais especializados”.
“O forte incremento do emprego tecnolóxico reflicte o traballo de todos: empresas, emprendedores e políticas municipais de apoio á innovación”, engadiu. “Seguiremos apostando por proxectos que fomenten o talento local e a colaboración empresarial. Con iniciativas como o centro de traballo colaborativo da Proa, InnovAmes ou o Ames AV LAB, buscamos crear unha contorna que impulse a innovación e permita a empresas e profesionais seguir crecendo no noso concello”, concluíu Blas García.
Comparativa con outras localizacións
Estes datos en materia tecnolóxica teñen aínda máis valor se se poñen en perspectiva e se contrastan con outras localizacións como Galicia, Santiago, ou o resto do Estado. Deste xeito, obsérvase como o concello de Ames supera en case 4 puntos os datos galegos (5,8%), en máis dun 2% os concello limítrofe de Santiago de Compostela (7%), e en case 3 puntos os do conxunto do Estado (6,38% no 2024).
Centrando a atención en Santiago de Compostela, un municipio que triplica en poboación ao concello de Ames, tivo un dinamismo menor que o de Ames durante o período 2019-2024. Santiago experimentou nestes anos un crecemento moderado, fronte á intensidade do avance amesán: o crecemento foi só de 0,5 puntos porcentuais, pasando dun 6,8% a un 7,4%, creando arredor de 700 empregos máis. En termos globais, o crecemento total do emprego santiagués foi do 9%, a metade do rexistrado no concello de Ames.
Neste senso, cómpre lembrar que a maioría de afiliados do sector na cidade de Compostela son vinculados ao sector da comunicación. É normal tendo en conta que a cidade agrupa varias delegacións de medios de comunicación e tamén a CRTVG que é o servizo público de información de Galicia. Pola contra, a maioría do tecido en Ames está vinculado ao sector audiovisual e á innovación. O rexedor municipal explica que “isto quere dicir que como concello tamén o noso tecido empresarial se está especializando, froito do acompañamento do Goberno municipal”.
Ames, concello punteiro no sector tecnolóxico
O concello de Ames conta cun forte tecido empresarial nos sectores tecnolóxicos e audiovisual. No parque empresarial do Milladoiro, así como na localidade de Bertamiráns, están asentadas unha ampla variedade de empresas que son punteiras a nivel nacional e internacional nos seus respectivos sectores. Todas elas teñen un nexo común que é a aposta pola innovación e a tecnoloxía.
Ademais, cómpre destacar a aposta do Concello de Ames pola tecnoloxía e a innovación coa posta en marcha no ano 2021 do Espazo colaborativo A Proa, que está situado no parque empresarial do Milladoiro. Trátase dun espazo de traballo colaborativo que ten como obxectivo ampliar os servizos de apoio a iniciativas emprendedoras, proxectos empresariais ou iniciativas de autoemprego. A instalación está pensada para que persoas autónomas e emprendedoras compartan espazos, fomentando a economía social e colaborativa e o espírito de comunidade.
Por outra banda, o Concello de Ames conta con iniciativas como a xornada de innovación InnovAmes, que vén de celebrar a súa sexta edición o pasado 20 de febreiro, e que pon en valor os recursos e a capacidade de innovación local, fomentando a colaboración entre empresas e dando a coñecer ao público xeral o capital empresarial do concello. Tamén o Concello e a Deputación da Coruña desenvolveron entre os anos 2023 e 2024 a primeira edición do Ames AV LAB, un laboratorio de aceleración de proxectos audiovisuais co que se pretendeu impulsar a produción, fomentar o talento emerxente e dinamizar o importante tecido produtivo do sector audiovisual do municipio amesán.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)