AD

Actualidad

Ames estrea o sábado 20 de setembro un novo mercado de produtos da horta e artesanía

today15 septiembre, 2025

Fondo
share close
AD

O alcalde de Ames, Blas García, destacou que “ofrecemos un novo servizo á cidadanía e ao mesmo tempo os produtores locais e artesáns dispoñen dun lugar para poder vender e dar a coñecer os seus produtos”

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, explicou que “neste mercado de horta e artesanía haberá postos con produtos ecolóxicos e de tempada. Tamén haberá cata de produtos, concursos de tapas para os cales imos a falar cos hostaleiros de Ames, sorteo de diferentes produtos como cestas de Nadal e dunha fin de semana nunha casa rural, obradoiros de artesanía e de cociña, charlas, etc”

Carmen Freire, dinamizadora do mercado, dixo “preténdese que este espazo serva como dinamizador da vida económica e social, por iso vanse programar ao longo do ano diferentes actividades para que a veciñanza se poida achegar ao mercado para facer as súas compras, pero tamén haberá actividades infantís a través do club Tixolas, para que os nenos e nenas se cheguen ao mundo dos alimentos”

Ames, 15 de setembro de 2025.- O Concello de Ames contará dende o sábado 20 de setembro co seu propio mercado de produtos da horta e artesanía. Este novo mercado celebrarase na praza da Maía, en Bertamiráns, todos os sábados en horario de 10.00 a 13.30 horas. Inicialmente vai contar con 11 postos de produtos frescos e artesanía, pero o prazo para solicitar un espazo neste novo mercado mantense aberto. Está previsto que durante as próximas semanas se sumen novos postos ao mercado. Ademais de postos de venda haberá cata de produtos, obradoiros de artesanía e cociña e sorteo de produtos. Este sábado haberá unha degustación de froita de tempada e o sábado 27 farase unha demostración de cociña a cargo do chef José Manuel Mallón. Esta iniciativa, enmarcada dentro do Plan de Acción da Axenda Urbana de Ames, pretende fomentar o consumo de produtos de proximidade, dinamizando a economía e a produción local.

A praza da Maía, en Bertamiráns, acolleu esta mañá o acto de presentación do novo mercado de produtos da horta e artesanía, que comezará a funcionar o próximo sábado 20 de setembro. En dito acto participaron o alcalde de Ames, Blas García, a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, persoal municipal do departamento de Promoción Económica, Juan Carlos Carreja e Cayetana Silva, a responsable da dinamización do mercado da empresa Mesquiteira, Carmen Freire, o presidente de XEA, Ramón Cordido, unha labrega, Nieves Dosil, e unha artesá, Cecile Chane, que van a dispor de postos en dito mercado.

Inicialmente vai contar con 11 postos de produtos frescos e artesanía que ofrecerán froitas, hortalizas, conservas e produtos elaborados e de horta, ovos, flores, rosquillas, doces, pan artesán, alimentos ecolóxicos de tempada, cogomelos, artesanía en téxtil, artesanía en encadernación, produtos de ganchillo, bixutería e produtos de artesanía elaborada con produtos de reciclaxe. Está previsto que durante as próximas semanas se sumen novos postos ao mercado.

Ademais de postos de venda haberá cata de produtos, obradoiros de artesanía e cociña e sorteo de produtos. Este sábado haberá unha degustación de froita de tempada e o sábado 27 farase unha demostración de cociña a cargo do chef José Manuel Mallón, a través do GDR Terras de Compostela. Durante esta primeira xornada do novo mercado tamén se van repartir bolsas da campaña de promoción do comercio local “En Ames témolo todo”.

Trátase dunha iniciativa que se enmarca dentro do Plan de Acción da Axenda Urbana de Ames e que pretende dinamizar a economía e produción local no concello. Ademais, tamén se busca potenciar e reforzar o sector primario dentro da economía amesá, promocionando o consumo de produtos de proximidade.

Presentación do novo mercado

O alcalde de Ames, Blas García, destacou que “o novo mercado que poñemos en marcha o próximo sábado 20 de setembro é un paso máis para que os veciños e veciñas do noso concello e de outros municipios limítrofes poidan comprar produtos de proximidade de horta e tamén produtos artesáns. Deste xeito ofrecemos un novo servizo á cidadanía e ao mesmo tempo os produtores locais e artesáns dispoñen dun lugar para poder vender e dar a coñecer os seus produtos. Este mercado forma parte da Axenda Urbana do noso concello que aprobamos xa hai un par de anos e que está sufragado con fondos europeos a través do GDR Terras de Compostela”.

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, explicou que o novo mercado “vai a realizarse todos os sábado pola mañá na praza da Maía, en horario de 10.00 a 13.30 horas, dándolle pola tarde continuidade co tradicional mercado de rúa de Bertamiráns. Neste mercado de horta e artesanía haberá postos con produtos ecolóxicos e de tempada. Tamén haberá cata de produtos, concursos de tapas para os cales imos a falar cos hostaleiros de Ames, sorteo de diferentes produtos como cestas de Nadal e dunha fin de semana nunha casa rural, obradoiros de artesanía e de cociña, charlas, etc. Podo adiantar que o próximo sábado, 27 de setembro, teremos unha degustación de produtos do mercado co chef José Manuel Mallón, a través do GDR Terras de Compostela”.

Por último, Carmen Freire, da empresa Mesquiteira, dixo “o Concello contratou á empresa Mesquiteira, á cal eu pertenzo, para dinamizar este novo espazo público que pretende ser un mercado onde se vendan alimentos da comarca, produtos frescos e transformados. Preténdese que este espazo serva como dinamizador da vida económica e social, por iso vanse programar ao longo do ano diferentes actividades para que a veciñanza se poida achegar ao mercado para facer as súas compras, pero tamén haberá actividades infantís a través do club Tixolas, para que os nenos e nenas se cheguen ao mundo dos alimentos. Os propios artesáns tamén farán actividades con nenos/as, persoas maiores ou persoas con diversidade funcional. Así preténdese converter este mercado nun espazo lúdico e de socialización”.

Solicitude de participación

O prazo para poder montar un posto no novo mercado estará aberto ao longo de todo o ano. A solicitude pode facerse enviando cuberto o impreso de solicitude, que se pode descargar na seguinte ligazón, a través da Sede electrónica do Concello de Ames, de forma presencial nas oficinais municipais de Bertamiráns e do Milladoiro ou a través de calquera outro dos medios ao que se refira o artigo 16 da Lei 39/2015 do 1 de outubro de Procedemento Administrativo Común das AAPP.

Mercado de rúa os sábados pola tarde

Este novo mercado únese ao tradicional mercado de rúa de Bertamiráns que se celebra os sábados pola tarde nas mesmas rúas que se vén facendo habitualmente: Entrerríos, Ameneiral e no perímetro habilitado na praza do Concello. Así mesmo, o horario continuará sen cambios, sendo en verán de 16.40 a 20.30 horas e no inverno de 16.40 a 19.30 horas.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *