AD

Actualidad

Ames expón a nivel nacional o seu modelo da Rede municipal de comedores escolares

today21 noviembre, 2025

Fondo
share close
AD

O servizo de comedores escolares púxose en marcha no curso 2005-2006 con dous comedores, unha cociña, un vehículo para transportar a comida e 300 usuarios/as. Na actualidade, vinte anos despois, cóntase con sete comedores (proximamente serán oito cando se abra o novo CEIP do Milladoiro), dúas cociñas (a Cociña central e maila cociña da EEI do Milladoiro para menús específicos de tratamento nutricional), tres vehículos para transportar a comida e preto de 1.400 usuarios/as

Blas García deu uns apuntes sobre cara onde se dirixe a Rede municipal de comedores escolares de Ames, que son a execución da segunda fase da Cociña central, para ampliar as instalacións actuais co obxectivo de habilitar unha segunda cociña independente, onde se poidan elaborar os menús específicos de tratamento nutricional, para así dispoñer no mesmo lugar dunha cociña para a elaboración do menú basal e outra para o menú de intolerancias.

Tamén apuntou a que o obxectivo é ampliar a utilidade da Cociña Central a máis áreas e programas como a Escola de Verán e aos usuarios/as do programa Xantar na casa; crear a concellería de Conciliación para responder aos novos retos que se expoñen neste ámbito; e responder ás necesidades de conciliación das persoas maiores debido ao envellecemento actual da poboación e o reto demográfico

Ames, 20 de novembro de 2025.- O alcalde de Ames, Blas García, participou hoxe en Valencia na primeira edición do Encontro de Comedores Escolares. Este evento organizado pola Secretaría Xeral de Consumo e Xogo reúne a responsables educativos, administracións, empresas de cátering, familias e expertos en nutrición para compartir experiencias e retos na mellora do servizo de comedor escolar. O Concello de Ames participou en dito encontro expoñendo a nivel nacional o seu modelo da Rede municipal de comedores escolares, Bos días Cole e Tardes divertidas. Ames foi convidado a este encontro tras recibir o segundo accésit dos XVII Premios Estratexia NAOS (edición 2023).

“O comedor escolar, un dereito da infancia”, este é o lema do I  Encontro de Comedores Escolares que se celebra hoxe no edificio Veles e Vents, en Valencia, organizado polo Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030, a través da Secretaría Xeral de Consumo e Xogo. O comedor escolar é un elemento clave para fomentar hábitos saudables, reducir desigualdades, e educar en convivencia e sostibilidade. Este encontro serve como punto de diálogo entre os distintos axentes implicados para avanzar nun modelo máis harmonizado e de calidade en todo o Estado.

O alcalde de Ames, Blas García, explica que “neste encontro o Concello de Ames asiste como poñente nun taller para explicar o servizo da Rede municipal de comedores escolares, así como a adaptación ao Real Decreto 315/2025, aprobado recentemente, e polo que se regula a alimentación que se debe de facer nos comedores escolares. Ames é un referente no servizo de alimentación e na atención e coidado dos nenos e nenas. Temos 20 anos de experiencia neste servizo, comezamos atendendo a 300 usuarios e agora estamos atendendo a case 1.500 nenos e nenas con menús saudables. O decreto 315/2025 xa o estabamos aplicando na súa maior parte antes de que se aprobase, a excepción dos produtos integrais de arroz, pasta e pan, o resto xa o estábamos aplicando, xa que empregamos produtos de proximidade e elaboramos a comida nas nosas propias cociñas e co noso propio persoal”.

Nesta xornada participaron ANPAS, centros educativos, empresas de cátering, sociedades científicas, persoas expertas en nutrición e administracións. Trátase dun foro de referencia para transformar o comedor escolar e impulsar un modelo máis saudable, inclusivo e respectuoso co entorno. No ámbito da nutrición abordáronse diversas cuestións para garantir menús equilibrados, baseados en criterios científicos e adaptados ás distintas etapas de desenvolvemento, que son claves para previr a obesidade infantil.

Por outra banda, no eido da sostibilidade o comedor escolar non só alimenta, tamén educa en valores e xera un impacto no entorno. É necesario apostar por produtos de proximidade, de tempada e con baixo impacto ambiental. Por último, no ámbito da educación o comedor escolar é, ademais do espazo de alimentación, unha aula viva na que se transmiten hábitos saudables, habilidades sociais e valores de convivencia.

Servizos complementarios educativos e de conciliación

O Concello de Ames participou nas sesións interactivas que se desenvolveron de 13.00 a  14.15 horas. O alcalde, Blas García, foi o encargado de expoñer o modelo da Rede municipal de comedores escolares, Bos días Cole e Tardes divertidas. En primeiro lugar, explicou que Ames é o único concello de Galicia que crece con saldo vexetativo positivo e que conta cunha media de idade de 39 anos. Tamén destacou que o 20% do presuposto municipal, que ascende a 33 millóns de euros, están dedicados á educación. Dende o ano 2.000 o concello de Ames duplicou a súa poboación, contando na actualidade con arredor de 33.000 habitantes.

De seguido, fixo unha cronoloxía sobre os avances nos servizos complementarios educativos e de conciliación postos en marcha polo Concello de Ames. Deste xeito, explicou que en 2004 naceu a primeira Escola de Verán; en 2005 creouse o servizo municipal de comedores escolares; en 2007 amplíase o servizo cos programas Bos días cole e Tardes divertidas; en 2009 incorporase ao persoal municipal unha técnica en nutrición para adaptar os menús aos usuarios e usuarias dos comedores escolares; e 2011 faise a implantación dos lúdicos durante todo o ano (Ames concilia 365 días).

Ademais, en 2011 aplícase a administración electrónica aos programas de conciliación; en 2019 chegan os servizos de conciliación ás escolas unitarias; en 2024 actualízanse as ordenanzas e regulamentos dos servizos complementarios educativos e de conciliación; e en 2025 ponse en macha a Cociña central.

O rexedor municipal tamén explicou que o Concello de Ames dispón dunha cobertura dos 365 días do ano a través dos servizos complementarios educativos e de conciliación. Isto faise a través da Rede municipal de comedores escolares, Bos día cole e Tardes divertidas durante o período escolar lectivo, e a través dos programa lúdicos (Nadal Lúdico, Entroido Lúdico, Primavera Lúdica e Setembro Lúdico) e da Escola de Verán que funciona durante os meses de xullo e agosto.

Rede municipal de comedores escolares

O servizo de comedores escolares púxose en marcha no curso 2005-2006 con dous comedores, unha cociña, un vehículo para transportar a comida e 300 usuarios/as. Na actualidade, vinte anos despois, cóntase con sete comedores (proximamente serán oito cando se abra o novo CEIP do Milladoiro), dúas cociñas (a Cociña central e maila cociña da EEI do Milladoiro para menús específicos de tratamento nutricional), tres vehículos para transportar a comida e preto de 1.400 usuarios/as.

Tamén se puxo o foco no control total dos procesos que se realiza nos comedores escolares de Ames cun modelo de xestión directa (autoxestión): xestión administrativa, atención dos nenos e nenas e elaboración da comida. Este servizo municipal ten un dobre obxectivo, a conciliación familiar e educar en hábitos saudables. Segundo se establece no artigo 3 do regulamento aprobado en Pleno en 2006: como proxecto educativo o seu obxectivo é que o alumnado aprenda hábitos alimenticios saudables e un correcto comportamento na mesa, así como as normas básicas e hixiene, respecto, tolerancia, convivencia e educación en igualdade.

Atención dos nenos/as usuarios/as

O Concello de Ames, a través da Rede municipal de comedores escolares, atende a preto de 1.400 nenos e nenas. Trátase dunha grande cantidade de alumnado se o comparamos cos 1.000 usuarios/as que se atenden nos comedores escolares de Santiago de Compostela, que conta co triplo de poboación que ten Ames. Ademais, os comedores amesáns teñen unha ratio de monitoraxe de 1/15, un monitor/as por 15 usuarios/as, a metade da ratio que aplica a Xunta de Galicia 1/30. A Rede municipal de comedores de Ames conta con 49 usuarios/as con baixa autonomía e con 33 monitores/as para atender a ditos usuarios/as.

Por outra banda, cómpre destacar o proceso de elaboración da comida que se serve nos comedores escolares de Ames. En dito proceso destaca o control e autoxestión total: produción, distribución e limpeza; a utilización de produto fresco, de tempada, de proximidade e comprado a produtores locais; e a posibilidade de adaptación dos menús ante condicións médicas, relixiosas ou persoais.

Retos de futuro

Por último, Blas García deu uns apuntes sobre cara onde se dirixe a Rede municipal de comedores escolares de Ames, que son a execución da segunda fase da Cociña central, para ampliar as instalacións actuais co obxectivo de habilitar unha segunda cociña independente, onde se poidan elaborar os menús específicos de tratamento nutricional, para así dispoñer no mesmo lugar dunha cociña para a elaboración do menú basal e outra para o menú de intolerancias.

Tamén apuntou a que o obxectivo é ampliar a utilidade da Cociña Central a máis áreas e programas como a Escola de Verán e aos usuarios/as do programa Xantar na casa; crear a concellería de Conciliación para responder aos novos retos que se expoñen neste ámbito; e responder ás necesidades de conciliación das persoas maiores debido ao envellecemento actual da poboación e o reto demográfico.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *