Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today16 junio, 2025
Ames, 16 de xuño de 2025.- O Salón de plenos da Casa do Concello acolleu na mañá de hoxe, ás 10.30 horas, unha rolda de prensa na que o Goberno municipal fixo balance da metade do mandato. Estiveron presentes o alcalde e mailos sete concelleiros e concelleiras que forman parte do executivo local. Interviron o rexedor municipal, Blas García, xunto co voceiro do grupo de goberno municipal, Víctor Fernández. Ao longo da súa intervención, o alcalde fixo unha valoración do traballo realizado nas áreas de cultura; normalización lingüística; turismo; axenda urbana; servizos económicos; deportes; promoción da saúde; urbanismo; administración xeral; mobilidade; promoción económica; obras e servizos básicos; benestar social, igualdade e voluntariado; educación; mocidade; medio natural, atención ao rural, transparencia e patrimonio. Ademais, púxose en valor a posta en marcha de iniciativas pioneiras como a creación das Comunidades Enerxéticas, o Plan de Saúde Mental municipal ou a creación de Augas de Ames, así como o desenvolvemento dos traballos nas obras de humanización do Milladoiro. Tamén destacou o diálogo permanente do Goberno municipal coas outras formacións que forman parte da Corporación municipal, así como con outras Administracións públicas, tanto a nivel autonómico coma estatal. Nesta liña, o Rexedor municipal subliñou a importancia de que Ames sexa un dos poucos concellos galegos que segue a medrar anualmente a súa poboación, xunto con colocarse unha vez máis coma o concello máis transparente de Galicia.
A rolda de prensa comezou coa intervención do voceiro do grupo do Goberno municipal, Víctor Fernández, que destacou “estes dous primeiros anos de mandato foron positivos para o Concello de Ames. Dende o primeiro día apostamos por un modelo de goberno baseado na cooperación, no diálogo constante e na busca de consensos. Esa capacidade de chegar a acordos con todas as forzas políticas da corporación permitiunos aprobar a totalidade dos puntos levados a pleno, o que demostra unha estabilidade e unha responsabilidade institucional pouco frecuentes”.
Víctor Fernández engadiu que “este goberno destacou pola súa vontade de colaboración non só dentro do Concello, senón tamén co resto de administracións. Nestes dous anos temos conseguido establecer liñas de diálogo e cooperación con outras institucións, tanto a nivel autonómico como estatal, o que nos permitiu desbloquear proxectos e captar investimentos fundamentais para o desenvolvemento do noso municipio. Esa visión de cooperación multilateral permitiunos levar a cabo actuacións que, doutro xeito, serían inviables”.
Servizos económicos e iniciativas pioneiras
A continuación, o alcalde, Blas García, fixo unha valoración xeral do traballo levado a cabo nestes dous anos de mandato nas diversas áreas municipais. O Rexedor municipal comezou a súa intervención poñendo en valor todas as medidas realizadas a pesar de ser un goberno en minoría
En primeiro lugar fixo unha valoración a nivel económico, destacando que “nesta última liquidación, o Concello de Ames tivo unha remanente de 6,5 millóns de euros, executando máis do 80% do orzamento que tíñamos, de 33 millóns, facendo un investimento real en obras, compra de materiais ou parcelas, de máis de 7,5 millóns de euros, sendo o investimento máis grande feito neste concello”. Nesta liña, puxo en valor a redución da débeda municipal con respecto ao anterior mandato.
Blas García continuou poñendo en valor a decisión de gobernar en solitario “a situación máis doada sería chegar a un goberno de coalición, que era o máis fácil, e volver a ter así esa maioría absoluta do anterior mandato. Pero preferimos que as políticas socialistas e as políticas progresistas que nós aplicamos puidesen desenvolverse en todas as concellarías e esta decisión trouxo seguir traballando en políticas pioneiras”.
Dentro das iniciativas pioneiras que levou a cabo o Goberno municipal nestes dous anos, destacan a posta en marcha de comunidades enerxéticas, a creación da empresa pública Augas de Ames para a xestión do ciclo integral da auga, o desenvolvemento do I Plan de Benestar Emocional e Saúde Mental, as políticas de prevención de invencións municipais ou a ordenanza de benvida social que se aprobará no vindeiro pleno. Ademais, o Concello de Ames situouse coma o concello máis transparente de Galicia na última avaliación publicada polo portal de ética e transparencia pública Dyntra. Ademais, Ames é dos poucos concellos galegos que forma parte da Rede Impulso, así coma o seu aumento de poboación anualmente.
Melloras no ámbito educativo
O alcalde subliñou as medidas postas en marcha para seguir mantendo a calidade dos servizos de conciliación municipais, así coma nos comedores escolares. “Cando se aprobou recentemente no Congreso dos Deputados unha lei de atención e de calidade alimentaria nos centros educativos, o Concello de Ames xa estaba facendo practicamente todos os puntos establecidos na mesma”, resaltou.
Continuando coas medidas no ámbito educativo, destaca a creación da cociña central, que comezará a funcionar o vindeiro curso escolar. Deste xeito, todo o persoal das cociñas estará unificado nun mesmo espazo e, dende aí, repartirase a comida ao resto de centros escolares. Por outra banda, o aumento poboacional do concello implicou unha necesidade de actualizar o regulamento nos servizos de conciliación, especificando a necesidade real de conciliar e modificar os prezos dos servizos, que levaban desde o ano 2011 sen actualizarse.
Urbanismo, mobilidade e administración xeral
A continuación, foi a quenda das medidas levadas a cabo nos principais núcleos poboacionais do concello no ámbito urbanístico e de mobilidade, comezando polos investimentos feitos no Milladoiro. Neste senso, o Rexedor municipal destacou que “fixemos unha aposta decidida por investir no Milladoiro: as obras de humanización, a creación dun centro deportivo, a tramitación dunha bolsa de aparcamento ou o remate do centro multifuncional”.
As políticas de vivenda foron un dos eixos centrais cos que se estivo a traballar nestes dous anos de mandato, procurando buscar solos edificables tanto no Milladoiro coma en Bertamiráns para a construción de vivenda. Ademais, neste tempo, o Goberno municipal conseguiu aprobar a Axenda Urbana municipal, unha medida que implicou que o concello optase aos plans EDIL de financiamento europeo, solicitando máis de 15 millóns de euros.
O alcalde, Blas García, pechou a rolda de prensa poñendo en valor “o traballo que se fai en Ames, sendo un concello referente en Galicia, o que fai que moitas persoas de fóra decidan vir vivir aquí”.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)