Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today17 noviembre, 2023
Ames, 17 de novembro de 2023.- Por oitavo ano consecutivo, a Concellaría de Benestar Social, Igualdade e Voluntariado presenta a campaña solidaria “Zocos e Trasnos”, unha iniciativa a través da que se pretende que ningún neno nin nena de Ames quede sen agasallo no Nadal. A campaña artéllase en base as cartas que a rapazada (os zocos e zocas) escribe pedindo un regalo concreto. Os veciños e as veciñas de Ames que se apunten como “trasnos e trasnas” actuarán como “paxes dos Reis Magos” achegando ese agasallo aos “puntos Trasnos” que este ano situaranse nas Casas de Cultura de Bertamiráns e Milladoiro. O departamento de Servizos Sociais, a través da Oficina de Voluntariado do Concello de Ames, é o encargado de organizar a campaña.
A campaña conta con dous piares fundamentais. Por unha banda os/as zocos/as, que son os nenos e nenas de 0 a 12 anos, que forman parte de familias que non están atravesando un bo momento economicamente. Pola outra, os trasnos e trasnas,axudantes dos Reis Magos de Oriente e motores do proxecto, que serán os/as encargados de “facerse” con ese agasallo e entregalos nos chamados “Puntos Trasnos” que este ano situaranse nas Casas de Cultura de Milladoiro e Bertamiráns.
A Oficina de Voluntariado de Ames será a encargada de recoller as cartas de todos os/as zocos/as aos Reis Magos (nenos e nenas derivados polo departamento de Benestar Social municipal). Estas, serán enviadas por correo electrónico, whatsapp ou en man a cada trasno e trasna, a través dun código de identificación que preserva o anonimato de todas as nenas e nenos.
A concelleira de Benestar Social, Igualdade e Voluntariado, Uxía García, explica que “a campaña Zocos e Trasnos é unha iniciativa solidaria, a través da que se pretende que ningún neno nin nena de Ames quede sen agasallo no Nadal. É un xeito de axudar a aquelas familias amesás que máis o necesitan ou que están pasando por un mal momento económico. Trátase dunha iniciativa que funciona moi ben todo os anos, polo que animamos a todos os veciños e veciñas, na medida que poidan, sós, en grupo ou en familia, a colaborar nesta campaña solidaria”.
Agasallos que non teñan carácter bélico nin sexista
Cada trasno/trasna deberá escoller algo do solicitado na carta, que non poderá superar os 30 euros, envolvelo, poñerlle o código que identifica o seu zoco/zoca e facelo chegar a eses Puntos Trasno. Compre salientar que os agasallos deben cumprir dúas premisas básicas: non ter carácter sexista nin bélico. Finalmente os agasallos serán entregados ás familias para que todos os/as zocos/as poidan desfrutar do seu agasallo no día de Reis.
Non se trata de ofrecer o que nos sobra ou o que xa non utilizamos senón de agasallar ao neno ou á nena con aquilo que eles elixen, o que supón un maior grao de equidade e igualdade.
Como converterse en trasno/a?
Calquera pode converterse en trasno/a. A única condición é comprometerse co proxecto. Para rexistrarse como trasno/a pódese chamar aos teléfonos 662 377 044 (Oficina de Voluntariado de Ames) ou no 683 327 378 (departamento de Educación familiar), a través dun correo electrónico a voluntariado@concellodeames.gal ou de maneira presencial na Oficina de Voluntariado de Ames, situada na Casa da Cultura de Bertamiráns.
A campaña Zocos e Trasnos tivo moi boa acollida nas edicións anteriores por parte da veciñanza de Ames, de xeito que cada Nadal arredor de 200 nenas e nenos tiveron o seu agasallo grazas a colaboración dos Trasnos e Trasnas.
Written by: Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Post comments (0)