Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today27 febrero, 2026
Ames, 27 de febreiro de 2026 – O Concello de Ames, a través do departamento de Deportes, presentou esta mañá a VII edición do Trail e Andaina Ribeiras do Tambre e III Campionato Xunta de Galicia de Rrail Running Preclassic, que se celebrará o vindeiro domingo 8 de marzo. A proba está organizada polo Concello e a Federación Galega de Atletismo e, como vén sendo habitual, partirá de Ponte Maceira. Poden facerse as últimas inscricións ata o próximo martes 3 de marzo na seguinte ligazón. Nesta proba poderá participar calquera deportista, sexa ou non federado. Consulta todas as bases e regulamento da proba aquí.
O próximo domingo 8 de marzo, A Ponte Maceira volverá acoller unha nova edición do Trail e Andaira Ribeiras do Tambre, que rematará nas instalacións do Real Aeroclub de Santiago logo dun percorrido de 16 quilómetros polos emprazamentos montañosos de Ames. Como nestas últimas edicións, o trail tamén formará parte do Campionato Xunta de Galicia de Trail Running Preclassic. Actualmente, hai 305 atletas inscritos, mais a previsión é de rondar a cifra dos 750, o tope de participantes establecido pola organización.
Esta mañá, a Casa do Concello de Bertamiráns acolleu a presentación da proba, nun acto no que participaron a concelleira de Deportes, Susana Señorís; o responsable de trail running da Federación Galega de Atletismo, Iván Sanjiao; o director deportivo do Real Aeroclub de Santiago, Alex Beiras; e o socio fundador de BJ Trainers & Co e membro do club BJ Training, Borja Collar.
Durante a súa intervención, a concelleira Susana Señorís destacou que este ano o trail “coincide co Día da Muller, polo tanto darémoslle visibilidade tanto nos dorsais como nunha pancarta”, e sentenciou: “no día da muller, poñeremos de manifesto que as mulleres estamos todos os días”. Tamén fixo mención da grande participación que, como ena nos anteriores, se agarda na proba, e recordou que “os días de máis inscritos son os previos á proba”. Rematou a súa intervención anunciando que, como novidade, este ano “pódense recoller os dorsais o sábado pola tarde, de 16.00 a 20.00 horas, en BJ Trainers”.
Pola súa parte, o director deportivo do Real Aeroclub de Santiago, Alex Beiras, mostrou a súa satisfacción por acoller unha proba que como club lles permite “estar preto dunha actividade que desenvolvemos menos”, aínda que “algo estamos argallando par facer unha pequena sección de atletismo”. Unha competición que se agarda que sexa “un día de festa, no que vai haber un torneo de golf tamén, polo que vai haber moita xente”.
Tamén interviu na presentación Borja Collar, socio fundador dunha das colaboradoras da proba, a empresa BJ Trainers. Collar destacou o moito que costou “limpar e marcar o percorrido por culpa da meteoroloxía”, xa que “o río inundaba parte do percorrido”. Un itinerario que “respecta ao 90% o percorrido dos anos anteriores, aínda que este ano incluímos algunha sorpresiña. En esencia é o que coñecemos nestes últimos anos”. Por último, invitou a todo corredor ou corredora que o desexe a recoñecer o terreo: “a xente que queira recoñecer o terreo ou ver como está balizado pode facelo durante toda esta semana, pero especialmente a fin de semana. Temos dous grupos de recoñecemento: un o sábado, que fará a proba completa, e outro o domingo, que fará a segunda parte”.
Pechou a intervención o responsable de trail running da Federación Galega de Atletismo, Iván Sanjio, quen confesou “especial ilusión por acoller as categorías preclassic”, categorías sub18, sub19 e sub20 “que están medrando cada ano”. O mesmo Sanjiao indicou que esta “vai ser unha proba decisiva para conformar a Selección Galega que vai viaxar a Asturias no mes de abril” e agarda que “se o tempo o permite e o río non está moi alto, esperamos que se poidan bater os récords do ano pasado. Cada vez o nivel dos rapaces e rapazas é maior, incluso hai máis competencia interna”.
Horarios e distancias
Os participantes do trail longo, cunha distancia de 16 quilómetros, sairán ás 10.00 horas, mentres que os da andaina, que terán que percorrer unha distancia de 15 quilómetros, sairán cinco minutos máis tarde, ás 10.05 horas. Este ano inclúese outra vez un trail curto de 8 quilómetros, que sairá da praia fluvial de Tapia ás 10.25 horas. A esta mesma hora comezará o III Campionato Xunta de Galicia de trail running Preclassic. A meta para todas as probas será no Real Aeroclub de Santiago, nas instalacións da Ameixenda.
Para favorecer o bo transcurso das probas, establécense uns tempos de corte máximo para o trail longo e a camiñada na praia fluvial de Tapia, que se corresponde aproximadamente ao quilómetro 8. Deste xeito, no caso do trail longo será de 1 hora e 15 minutos dende a saída (ata as 11.15 horas) e para a andaina de 2 horas dende a saída (ata as 12.05 horas). Para o trail curto non haberá tempo de corte. Os participantes que non completen a proba no tempo establecido, serán retirados da competición e trasladados ata o punto de meta.
Categorías e recollida de dorsais
Aínda que na camiñada non se distinguirán categorías (a idade mínima de participación é de 12 anos), tanto no trail longo como no curto si que haberá distinción por idade. Deste xeito, na proba longa haberá catro categorías: sénior, dende os 18 ata os 34 anos; máster 1, dos 35 ata os 40 anos; máster 2, dos 41 aos 49 anos; e máster 3, dos 50 anos en diante. En canto á proba curta, as categorías 3: sénior, para os nados no 2008 en diante; sub 18, para os nados no 2009 e 2010; e sub 16, para os nados entre o 2011 e 2012. Cómpre sinalar que para todas as categorías haberá distinción masculina e feminina.
Neste evento deportivo poderá participar calquera deportista, sexa ou non federado. Todos os participantes, tanto nos trails como na andaina, concorrerán cunha licenza de día de trail running, que incluirá un seguro de accidentes deportivos e tamén de responsabilidade civil. Os deportistas federados estarán cubertos polo seguro da súa correspondente licenza.
Para poder participar en calquera das tres probas, os deportistas deberán realizar a súa inscrición a través da seguinte ligazón. Non obstante, todas aqueles atletas que queiran optar aos premios da proba popular, deberán facer a inscrición a través da páxina web de carreiras galegas como o resto de participantes. Os e as atletas deberán recoller o seu dorsal o sábado 7 de marzo, de 16.00 a 20.00 horas en BJ Trainers & Co, na rúa Alcalde Lorenzo, número 13, en Bertamiráns, ou o domingo 8 de marzo a partir das 07.45 horas na zona de meta, nas instalacións do Real Aeroclub de Ames.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)