AD

Actualidad

Antonio Resines, Goyo Jiménez e Xosé Ramón Gayoso, Premios EMHU 2024

today9 abril, 2024

Fondo
share close
AD

 

 

 

Os galardóns entregaranse o domingo 5 de maio no marco da gala Fantastic Colofon, que contará coa participación de Javier Veiga, David Cepo, Xosé A. Touriñán e As R(h)umorosas, o trío cómico conformado por Carmen Méndez, Ledicia Sola e Marta Doviro

A Coruña, 9 de abril de 2024.- O Encontro Mundial de Humorismo dá a coñecer o nome dos humoristas aos que renderá homenaxe na súa cuarta edición, que se celebrará do 25 de abril ao 5 de maio na Coruña. Antonio Resines, Goyo Jiménez e Xosé Ramón Gayoso recibirán os Premios EMHU 2024, que recoñecen cada ano a traxectoria profesional dalgunhas das figuras imprescindibles no mundo do humor. En anteriores ocasións, recibiron estes galardóns artistas como Andreu Buenafuente, Cristina Castaño, Laura Caballero, Leo Harlem, José Luis Cuerda, Siro López ou proxectos como Estirando el chicle.

Os Premios EMHU 2024 entregaranse na gala de peche do evento, Fantastic Colofon. O espectáculo, que contará con Javier Veiga como mestre de cerimonias e coa participación activa do trío As R(h)umorosas (conformado polas intérpretes Marta Doviro, Ledicia Sola e Carmen Méndez), Xosé Antonio Touriñán e David Cepo, terá lugar o domingo 5 de maio a partir das 20.00 no Teatro Colón. As entradas para a cita, coa que o EMHU botará o pano desta edición, están esgotadas.

Premio EMHU Fenómeno, outorgado a artistas capaces de afrontar unha xesta humorística sen precedentes, recae este ano nun intérprete, autor e director, precursor da stand up comedy en España e creador dalgúns dos espectáculos de comedia máis exitosos dos últimos anos: Goyo Jiménez. Mais non é pola súa traxectoria polo que recolle este premio. Tal e como expón Luis Piedrahita, director artístico do EMHU, o feito extraordinario é que na tempada 2022-2023, “realizase tres espectáculos diferentes, de altísima calidade e complexidade, ao mesmo tempo, algo que só poden facer figuras lendarias, como é o caso de Goyo”. O público poderá gozar do talento de Goyo Jiménez na dobre función da gala Humoris Causa, que terá lugar o 4 de maio no Pazo da Ópera e cuxas entradas están esgotadas.

Outro dos galardóns desta edición será para un intérprete con ducias de películas e series de televisión ás costas. Gañador dun Premio Goya, varios Fotogramas de Plata e creador de personaxes memorables e carismáticos nas últimas décadas, o Premio EMHU Álvaro Cunqueiro será para Antonio Resines. “É xusto e necesario destacar a capacidade innegable deste actor para crear unha tenrura imprescindible e cun humor de altura”, apunta Piedrahita, quen lembra que Resines participará na gravación do podcast El sentido de la birra, de Ricardo Moya. A cita, cuxos convites xa están esgotados, será o 5 de maio no Teatro Colón.

Finalmente, o Premio EMHU Wenceslao Fernández Flórez, que recoñece o labor de promoción e difusión do humor en Galicia, este ano recae na figura do rostro televisivo máis recoñecido do noroeste e quen, en palabras de Luis Piedrahita, “sen ser humorista, é das persoas que máis fixo polo humor no país”: Xosé Ramón Gayoso. “Touriñán, Marcos Pereiro, Roberto Vilar, David Amor, Mela Casal, Gloria Ferreiro, As Cantareiras de Ardebullo, Os Tonechos e moitas artistas con talento atoparon en Gayoso un apoio imprescindible nas súas carreiras”, sinala o director artístico do EMHU. “O seu programa foi un trampolín fundamental para os nosos artistas. Con el aprendimos a rir de nós mesmos como só en Galicia somos capaces de facer”, engade.

EMHU 2024

O Encontro Mundial de Humorismo, a cita humorística máis relevante de España polo número de actividades e público, celebrará a súa cuarta edición na Coruña do 25 de abril ao 5 de maio. O evento está impulsado polas produtoras Etiqueta Negra e El Espectador, e conta co apoio do Concello da Coruña, da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia e de Estrella Galicia. Durante 11 xornadas, o EMHU reunirá ás figuras máis destacadas da comedia galega e estatal, como é o caso de Álex Clavero, Ana Morgade, Carolina Iglesias, David Amor, David Cepo, Eva Hache, Galder Varas, Goyo Jiménez, Henar Álvarez, Ignasi Taltavull, Javier Veiga, Juan Dávila, Leo Harlem, Luis Piedrahita, Roberto Vilar, Sílvia Abril, Tomàs Fuentes, Xosé Antonio Touriñán e o trío As R(h)umorosas (conformado por Carmen Méndez, Ledicia Sola e Marta Doviro). O cartel conta tamén coa humorista arxentina Dalia Gutmann, que iniciará na Coruña a súa xira por España para dar a coñecer o seu monólogo Tengo cosas para hacer.

A programación troncal de espectáculos complétase cun feixe de actividades paralelas gratuítas e aptas para todos os públicos como son as gravacións dos podcast El nicho e El sentido de la birra; a sesión Match de Impro; os parladoiros Lo que me han enseñado los mayores, Coidado coas bromas: unha mesa redonda sobre os perigos da comedia O negocio do humor; e a presentación do libro Pérdidas de risa, de Sílvia Abril. Toda a información sobre estas propostas está dispoñible na páxina web oficial www.emhu.es.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *


0%