AD

Actualidad

Anxo Arca asegura a continuidade de FOCO tras o éxito en Padrón da I Mostra de Cinema Galego

today20 octubre, 2025

Fondo
share close
AD

• O alcalde entregou o I Foco de Honra a Mabel Rivera e destacou a boa afluencia de público ás tres proxeccións da fin de semana
• A vida de Castelao antes de ser unha figura pública, un repaso á vida dunha muller fascinante como Luz Fandiño ou a mirada crítica á implantación de Altri en Galicia centraron esta primeira edición
• Os espectadores puideron conversar co guionista Pepe Coira, coa produtora Nati Juncal e co director Enrique Banet

Padrón. 20-10-2025.- O alcalde de Padrón, Anxo Arca, entregou este domingo o I Foco de Honra que lle foi concedido á actriz Mabel Rivera pola súa longa traxectoria e asegurou a continuidade desta iniciativa que quere “amosar o cinema galego de calidade, para poñer en valor a creación cultural do pais”. A intención do Concello “é darlle continuidade á Mostra de Cinema Galego FOCO.

É algo que nos faltaba e que nos fai medrar como pobo”, afirmou. O alcalde agradeceu a colaboración do Grupo Cortizo e da Fundación Rosalía de Castro con esta iniciativa. Anxo Arca destacou a boa afluencia de público ás tres proxeccións desta primeira edición. O venres, máis de 150 persoas viron no auditorio do Campus Tecnolóxico Cortizo a película Antes de Nós, dirixida por Ángeles Huerta. O filme explora a vida de Castelao antes da súa proxección pública, a súa relación con Virxinia Pereira, a súa experiencia como médico en Rianxo durante a gripe española de 1918 e a viaxe da parella pola Bretaña en 1929 tras a perda do seu fillo, que os uniría para sempre.

Na conversa co público, Pepe Coira, guionista da película e un dos grandes artífices da ficción galega contemporánea, amosou a súa esperanza de que se fagan máis películas sobre Castelao, “para contar a historia dunha figura tan potente e con tanta forza” como a do galeguista rianxeiro. Coira tamén resaltou que na película se plasma “unha historia de amor bastante singular como a de Castelao con Virxinia Pereira”.

O sábado, Luz Fandiño volveu visitar a Casa de Rosalía. Nun abarrotado auditorio da Fundación proxectouse a película documental A poeta analfabeta, que retrata unha muller fascinante: poeta, activista, feminista, nacionalista e revolucionaria. Producido por Nati Juncal, o documental recolle o pensamento e declaracións de Luz Fandiño pouco antes de morrer.

Ao igual que o alcalde, Nati Juncal coñeceu a Luz Fandiño cando se trasladou a Santiago para estudar na universidade. “Nesta película contamos o que Luz Fandiño quixo contar”, asegurou Juncal, tamén produtora de películas como As neves. Esta segunda xornada rematou co concerto de O’Leo de Matamá.

Esta primeira edición da Mostra de Cinema Galego FOCO rematou este domingo no auditorio municipal, no que máis dun cento de persoas puideron ver A loita final, o documental de Enrique Banet e Mabel Rivera que presenta unha mirada crítica sobre a implantación de Altri en Palas de Rei.

Segundo manifestou Enrique Banet no diálogo co público, A loita final recolle, “por un lado, a nosa visión do que pensamos que debe ser Galicia, e na que, mediante a voz en off, falamos da agricultura sostible ou da explotación sostible dos recursos. A outra parte é a que manifestan os entrevistados, case todos eles forman parte do Consello da Cultura Galega e o seu informe foi rexeitado pola Xunta”. Enrique Banet insistiu en que “non é un documental contra Altri. Mabel Rivera e máis eu quixemos facer un documental en defensa da verdade”.

Despois da proxección e do diálogo co público, Banet recolleu o FOCO de Honra a toda unha traxectoria que lle foi concedido a Mabel Rivera. “Ela hoxe non puido vir porque está en Madrid presentando a película Los domingos”, escusou Enrique Banet a ausencia de Mabel Rivera en Padrón.

Anxo Arca agradeceu a presenza do público nas tres proxeccións, e tamén a colaboración do Grupo Cortizo e da Fundación Rosalía de Castro por ceder as súas instalacións para esta iniciativa. “Esta fin de semana puidemos coñecer un pouco máis a Castelao, a Luz Fandiño e o que implica a instalación de Altri para o noso país. Creo que foi unha fin de semana moi frutífera para a cultura padronesa, na que tamén celebramos o 40 aniversario da Agrupación Cultural Rosalía de Castro e que remata co primeiro premio conseguido pola Banda Municipal de Padrón na sección terceira do Certame de Bandas de Pontevedra”, concluíu o alcalde.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *