Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today23 abril, 2025
Padrón. 22-4-2025.- Como cada Martes de Pascua, o alcalde e a Corporación de Padrón recibiron no paseo do Espolón a comitiva rianxeira, encabezada polo seu alcalde, que participou no Día de Rianxo en Padrón. Diante da estatua de Rosalía Anxo Arca e Julián Bustelo intercambiáronse os bastóns de mando e, máis tarde, puxeron en valor a estreita colaboración entre “dous pobos irmáns”, con moitos lazos en común. “Un traballo conxunto que redunda en beneficio da cidadanía de ambos os dous pobos”, asegurou o rexedor Padronés.
Como xa fixera o día anterior con Santiago, Anxo Arca agradeceulle ao seu homólogo rianxeiro “a colaboración para formar os tribunais do proceso de estabilización do cadro depersoal de Padrón o que permitiu rematar este proceso en poucos meses”. Rianxo e Padrón comparten moitos aspectos en común, con lazos económicos e culturais moi fortes, con Castelao e Rosalía como figuras máis emblemáticas, aínda que non son as únicas.
Por este motivo, o Día de Rianxo en Padrón, que se celebra todos os Martes de Pascua, as dúas corporacións fan primeiro unha ofrenda diante da estatua de Rosalía de Castro no Espolón e, despois, trasládanse ao Xardín Botánico para depositar outra coroa de loureiro diante do busto de Castelao.
Ademais do proceso de estabilización, Anxo Arca referiuse tamén á colaboración do Concello de Rianxo para permitir que os xigantes que representan a dúas das figuras máis significativas da cultura galega, “Rosalía e Castelao, puidesen camiñar polas rúas de Padrón para goce da nosa veciñanza. Seguro que as volveremos ver en Padrón coincidindo cos actos conmemorativos do Ano de Castelao”.
No seu discurso, o rexedor padronés volveu ter presente ao finado papa Francisco e trasladou as condolencias de Padrón á Igrexa católica. “O Papa Francisco foi un reformista no seo da Igrexa. Foi unha persoa que intentou facer o ben e dignificar unha institución que é importante na nosa sociedade”, asegurou.
Pola súa banda, Julián Bustelo destacou a “relación fraternal” que existe entre Rianxo e Padrón, e o bo entendemento que tamén hai entre os dous gobernos, “o que nos permite manter unha relación fluída de colaboración e traballo conxunto que beneficia a cidadanía de ambos os dous municipios”.
Na súa intervención, o alcalde de Rianxo destacou o “traballo que está a desenvolver o executivo de Anxo Arca no relativo á recuperación da memoria histórica”, facendo alusión á celebración do Día da Memoria Democrática Padronesa e ao acordo plenario para retirarlle as distincións concedidos en 1945 ao ditador Francisco Franco e para eliminar símbolos fascistas Padrón.
Segundo Julián Bustelo, estas son “actuacións valentes e necesarias nun tempo no que se banalizan réximes sanguinarios como o do ditador Franco e a extrema dereita segue gañando posicións”, asegurou.
As Bandas de Padrón e de Rianxo acompañaron as dúas corporacións no percorrido que fixeron dende o Espolón ata o Xardín Botánico e no regreso á casa consistorial, onde se celebrou o acto institucional. Ao rematar a Banda de Música de Rianxo ofreceu o tradicional concerto na praza de Macías, como cada Martes de Pascua. Despois, integrantes das dúas corporacións participaron nunha cea de confraternidade.
A celebración da 62 edición da carreira ciclista Clásica de Pascua foi a protagonista deste martes, con saída dende o Campo do Souto ás 10.00 horas.
Pola noite, o Dúo Master e a orquestra Panorama foron as encargadas de animar as verbenas. Mañá, mércores, comeza o tradicional torneo de chave de Pascua, que xa celebra a súa
undécima edición.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)