Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today23 febrero, 2026
• O alcalde preside a homenaxe que o Concello fai no paseo do Espolón xunto coa Fundación Rosalía para conmemorar o nacemento da poeta
• Anxo Angueira: “Mentras exista Rosalía, Galicia vivirá”
• Alumnado do IES Macías O Namorado e do Camilo José Cela reciban versos da autora diante da súa estatua
Padrón. 23-2-2026.- “Rosalía de Castro foi unha visionaria, precursora de valores que hoxe consideramos fundamentais, como o feminismo ou o ecoloxismo, que todas e todos debemos coñecer e defender”, asegurou o alcalde Anxo Arca durante a homenaxe que o Concello de Padrón e a Fundación Rosalía organizaron para conmemorar o 189 aniversario do nacemento da poeta. Tras depositar unha coroa de loureiro diante da estatua do paseo do Espolón, alumnado dos institutos padroneses Macías O Namorado e Camilo José Cela recitaron versos de Rosalía.
Anxo Arca asegurou que Rosalía de Castro “é patrimonio de todas e de todos, é o buque insignia da cultura galega, unha ponte de unión que une xeracións e xeracións”, que o alcalde considera hoxe máis fundamentais que nunca “fronte ás mensaxes de odio e a desinformación que están a orde do día”.
Diante do alumnado dos institutos padroneses Macías O Namorado e Camilo José Cela, que leron versos da poeta, o alcalde animou a mocidade a “ter unha visión ampla de todos eses aspectos fundamentais para a nosa sociedade que nos transmitiu Rosalía”. Anxo Arca rematou a súa intervención desexando que “cada día todas as galegas e galegos levemos na fronte unha estrela e no bico un cantar”.
O presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira, resaltou que Rosalía está “máis viva ca nunca. Ela fálanos da igualdade do ser humano, da igualdade de homes e mulleres. Fala contra a exclusión e o clasismo, e a favor da inclusión. A favor dun proxecto de dignidade da nosa lingua e da nos cultura”.
“Mentres viva Galicia, Rosalía existe. E mentres exista Rosalía, Galicia vivirá”, concluíu Anxo Angueira.
Ao rematar, Anxo Arca e Anxo Angueira trasladáronse a Santiago para participar nos actos conmemorativos organizados na capital de Galicia.
Ao acto tamén asistiu o alcalde de Rois, Ramón Tojo, integrantes do goberno padronés e representantes da Corporación, da Fundación Rosalía de Castro e dos centros educativos padroneses.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)