AD

Actualidad

Aprobado inicialmente o orzamento de Santiago para 2026

today26 marzo, 2026

Fondo
share close
AD

O Pazo de Raxoi acolleu este xoves, 26 de marzo, a sesión extraordinaria convocada pola alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, para debater unha cuestión de confianza ligada á aprobación inicial do orzamento. Os votos positivos (emitidos de forma nominal pola natureza da cuestión de confianza) dos membros do grupo de goberno (BNG e CA) e das concelleiras e concelleiros non adscritos fixeron prosperar a cuestión e, deste xeito, os orzamentos quedaron aprobados inicialmente. Os membros do PP votaron en contra e os dous integrantes do PSOE manifestaron a súa abstención.

Unha vez publicado no Boletín Oficial da Provincia, o Orzamento Xeral e o Cadro de Persoal para o exercicio 2026, ábrese un período de 15 días hábiles para a presentación de alegacións.

Na súa intervención, a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, agradeceu, en primeiro lugar, tanto o voto a favor das NA como o do Grupo Socialista para que o pleno extraordinario e urxente tivese lugar este xoves ás 9.00 horas.

Sanmartín Rei explicou que, unha vez que a oposición “frustrou” que este mércores Santiago contase coa aprobación inicial dos orzamentos, cumpría que o goberno e ela mesma tomasen unha decisión, polo que se acolleu ao artigo 197 bis da Lei orgánica 5/1985, do réxime electoral xeral, para vincular a aprobación do proxecto de orzamentos de 2026 a unha cuestión de confianza.

“Non outorgarlle hoxe a confianza a este goberno significa, en última instancia, que o proxecto de orzamentos ficará aprobado despois dun mes, salvo que, con anterioridade a esa data, se presente unha persoa candidata á Alcaldía. Mais é evidente que isto, polas afirmacións realizadas polos grupos, non se vai producir”, manifestou a rexedora municipal.

Por iso, Goretti Sanmartín fixo un chamamento á responsabilidade. “Non polo goberno, senón pola xente de Compostela, para que este concello siga avanzando e mellorando”, agregou. “Solicito o seu apoio, a súa confianza, para que o proxecto de orzamentos poida continuar o seu camiño”, apelou.

No turno de réplica, a rexedora agradeceu o voto favorable ás concelleiras e ao concelleiro non adscritos, e destacou que o proxecto de orzamentos foi dialogado e que se incorporaron cuestións abordadas nese proceso.

Orzamento

O orzamento para 2026 sobe un 1,64 % respecto do de 2025 e supera os 148 millóns de euros (148.532.471,20). O montante consolidado coas entidades do sector público municipal ascende a case 152 millóns. No relativo aos ingresos, o goberno decidiu non subir os impostos á veciñanza, máis alá da modificación aprobada para gravar as vivendas que permanecen baleiras e que non ten relevancia orzamentaria.

O incremento dos ingresos correntes, que suman 143.020.457,98 euros, débese á mellora na xestión recadatoria, que este ano continuará avanzando coa recuperación da cobranza do lixo por parte dos servizos municipais (ata agora facíase a través da factura da auga), a novos conceptos como a taxa de depuración —na parte que corresponde á EDAR da Silvouta xa entra nas contas municipais— ou aos aparcadoiros do Ensanche, que se recuperan para a xestión pública.

Por outro lado, a previsión de ingresos de capital sitúase en 2.455.013,22 euros e diminúe respecto de 2025, entre outras cuestións porque os 5,8 millóns de euros procedentes do alleamento de parcelas xa non se recollen neste novo orzamento, así como polas transferencias de capital correspondentes ás axudas Next Generation (superiores ás dos proxectos EDIL).

En canto aos ingresos correntes, suman 143.020.457,98 euros, mentres que os gastos correntes ascenden a 139.143.940,92 euros, o que xera un aforro de máis de 3 millóns de euros que tamén se destinan a investimentos. Debido á limitación da posibilidade de recorrer ao crédito polas regras de gasto, este concepto queda en 2.972.000 euros.

Estes orzamentos tamén fan un esforzo no capítulo de persoal (capítulo I), que aumenta de 41,1 millóns de euros en 2025 a 45,8 millóns de euros en 2026, e supón o 31 % do total do orzamento. Isto permite, ademais de non amortizar ningunha praza das 42 vacantes por xubilacións nin das 12 transferidas ao Sergas, crear cinco novas prazas por riba das taxas de reposición (3 de policía local e 2 de administración xeral). A recuperación de prazas permitirá aumentar en seis os efectivos da dotación de bombeiros e cubrir necesidades noutros departamentos.

Son uns orzamentos que tamén reservan importantes cantidades para a prestación de servizos públicos, cunha dotación de 70 millóns de euros (capítulo II), que en termos xerais medra un 5,65 %: limpeza e recollida de residuos (14,1 millóns), funcionamento da depuradora (4,2 millóns), mantemento das áreas de xogo (412.000 euros) e das zonas verdes (4,1 millóns), e SAF (6,3 millóns de euros), entre outras actuacións. O investimento social é o máis alto da historia do concello, situándose nos 177 euros por habitante.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *