AD

Actualidad

Apróbase de xeito definitivo o Orzamento municipal para 2024

today21 marzo, 2024

Background
share close
AD

 

 

 

20/03/2024 O pleno da Corporación, en sesión ordinaria, aprobou de forma definitiva o Orzamento municipal para o vindeiro ano por unha cifra global de 142,4 millóns de euros, a máis alta da historia concello.

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, sinalou que é «unha boa nova para a veciñanza de Santiago a aprobación definitiva dos Orzamentos municipais de 2024, porque soben a 142,4 millóns de euros, a cifra máis alta da historia, e van servir para poñer as persoas no centro con políticas sociais e de igualdade, para incrementar a calidade dos servizos públicos, a sustentabilidade, o dereito á vivenda, a transformación urbana e os servizos básicos no rural».

Segundo explicou, estes orzamentos son acordes ás demandas da veciñanza, do tecido social, económico e cultural e tamén á altura da capital de Galicia. Ademais, agradeceu o voto a favor do grupo municipal socialista para conseguir esta maioría e tamén o labor dos distintos servizos e departamentos municipais cos que, a partir de agora, e man a man co Goberno local teñen a responsabilidade conxunta de aplicar os investimentos que aquí se marcan.

«Cómpre agora dilixencia para poñer en marcha estes proxectos que desde o Goberno municipal queremos que contribúan a mellorar a calidade de vida da veciñanza e do tecido socioeconómico compostelán», engadiu.

Pola súa parte, o concelleiro de Economía e Facenda, Manuel César, explicou na súa intervención que malia que o contido do proxecto foi amplamente tratado no momento da súa aprobación inicial, non sobra «facer fincapé na importancia de chegarmos ao final da tramitación deste proxecto» que rematará coa vixencia dun orzamento que foi xa prorrogado en dúas ocasións. «Cómpre que o Concello de Santiago conte xa cunhas previsións orzamentarias para dar conta das necesidades actuais», indicou.

As alegacións presentadas ao Orzamento inicialmente aprobado que teñen que ver co capítulo I foron informadas desfavorablemente porque as cantidades que se demandan non reúnen os requisitos para seren esixibles. A respecto da alegación da asociación veciñal da Volta do Castro-O Rial, o informe da dirección de área de Urbanismo e Infraestruturas declara a inadmisibilidade da alegación presentada. «De calquera maneira, e na medida das dispoñibilidades orzamentarias, este Goberno tentará ter en conta as demandas veciñais nas diferentes parroquias do concello», indicou o concelleiro.

Cifras globais

O Pleno municipal deu luz verde esta mañá, co voto a favor dos grupos municipais do BNG, Compostela Aberta e PSOE e o voto en contra do PP, ao orzamento definitivo do Concello de Santiago por unha cifra de 142.420.046,01 euros, o que supón un incremento do 9,70 por cento con respecto ao anterior de 2022. O orzamento consolidado co Auditorio de Galicia e coas empresas municipais TUSSA e INCOLSA ascende á contía de 145.773.180,24 euros en ingresos, e de 145.726.134,87 euros en gastos e cun superávit de 47.045,37 euros.

As liñas principais sobre as que foi confeccionado o Orzamento municipal de 2024 son as seguintes: servizos públicos de calidade; políticas sociais, culturais e de igualdade para a maioría; transformación urbana e mellor acceso á vivenda; sustentabilidade e territorio; esforzo investidor; mellor gobernanza e modelo de cidade.

Written by: Líder Redacción

Post comments (0)

Leave a reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *


0%