Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today23 julio, 2025
Redacción, 23 de xullo de 2025 — En plena metade de lexislatura, o alcalde de Padrón, Anxo Arca, participou este mércores nunha ampla entrevista en Radio Líder Santiago, onde abordou os principais asuntos que centran a actualidade do concello. Entre eles, destacou a polémica arredor da tradicional carreira de burros, a situación do centro de saúde, as obras municipais en marcha, a loita pola gratuidade da AP-9 e a preocupante falta de relevo xeracional no cultivo do pemento de Herbón.
Un dos temas máis candentes foi o Derbi Asnal, unha carreira de burros organizada por a asociación independente ABUFA, que se celebra este xoves ás 20:00 horas fóra do programa oficial do Concello pero que está a xerar controversia. Arca defendeu a súa posición: “É evidente que hai debate, pero tamén que os que están en contra son unha minoría. Por iso decidimos facer unha enquisa para coñecer con datos reais a vontade da cidadanía”. A enquisa será telefónica e realizarase durante o mes de agosto, con cinco preguntas orientadas a medir o grao de apoio e rexeitamento do evento.
Críticas á oposición
O alcalde non escatimou críticas ao PP e ao BNG, acusándoos de usar a carreira de burros como ferramenta política. “O PP non dixo nada ata hoxe e agora propón un plebiscito como se isto fose Cataluña. É unha sobreactuación absurda”, dixo con ironía. Ao BNG, acusouno de “hipocrisía”, por protestar en Padrón mentres permite espectáculos con animais en concellos onde goberna: “En Allariz atan un boi e paseano polas rúas, e en Pontevedra seguen as touradas. Alí tamén está o BNG e non din nada”.
Arca asegurou que o seu compromiso é coa convivencia e o respecto a todas as posturas, pero que o Concello non pode dedicar “máis recursos dos necesarios a unha cuestión puntual”: “A cidadanía quere estradas ben pavimentadas e servizos públicos de calidade, non un Concello paralizado por debates estériles”.
Investimentos, obras e xestión municipal
Durante a entrevista, o rexedor destacou os investimentos recentes no municipio, que suman máis de 1,6 millóns de euros en licitacións. Entre os proxectos, citou a renovación de parques infantís, a mellora de camiños e a rehabilitación da escola infantil. “O goberno está centrado no que importa. Mentres uns protestan polos burros, nós sacamos adiante obras”, sinalou.
Tamén falou da polémica coa Xunta sobre a reforma do centro de saúde, valorada polo Concello en máis dun millón de euros, fronte aos 280.000 que propón o goberno autonómico. “O Consello non ten competencias sanitarias. Non é xusto que os padroneses teñan que pagar dúas veces por ter unha sanidade digna”, criticou.
A loita pola AP-9 e o agro en perigo
Arca sumouse á reivindicación da gratuidade da autoestrada AP-9, especialmente no tramo Padrón-Santiago: “É un clamor. Esa infraestrutura está máis que amortizada. É hora de que o Goberno de España actúe”. O alcalde forma parte do grupo de concellos que impulsan esta reclamación a nivel europeo, coa esperanza de que se avance nesa dirección nos próximos meses.
Outro punto preocupante foi a situación do pemento de Herbón, símbolo de identidade gastronómica da comarca. Arca alertou da falta de relevo xeracional e das dificultades do sector primario: “Estamos ante un produto recoñecido internacionalmente, pero sen continuidade garantida. Iso é grave”. Anunciou que o Concello traballa nunha campaña para impulsar o consumo local e apoiar aos produtores, especialmente nos supermercados e na hostalería da zona.
Balance de lexislatura e mirada a 2027
Ao ser preguntado pola segunda metade de lexislatura e a súa posible candidatura en 2027, Arca foi claro: “Claro que me gustaría ser candidato de novo. E gustaríame facelo con maioría absoluta, para evitar os paus nas rodas que nos está poñendo a oposición”. Criticou que o PP non presentase ningunha proposta aos orzamentos e se limitara a intentar bloquealos. “Agora están gobernados polo último da lista, e así lles vai”, ironizou.
Tamén lamentou que a oposición obrigue ao Concello a distraer recursos de tarefas relevantes. “Onte tiven que interromper unha reunión sobre o plan xeral para atender á polémica da carreira de burros. Iso non é serio”, denunciou.
Finalmente, apelou á cidadanía para que valore o traballo do goberno local e apostou por un futuro “centrado no importante, con obras, servizos e proxectos reais”. “Padrón mellorou moito nestes dous anos. Imos seguir traballando para que siga sendo un lugar atractivo para vivir e para visitar”, concluíu.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)