Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
Santiago de Compostela, 2 de marzo de 2026.- O IES de Sar acolleu hoxe a inauguración da III Semana das Artes e das Ciencias, unha iniciativa que se desenvolverá ata o vindeiro xoves 5 de marzo co propósito de crear pontes entre o coñecemento, a creatividade e a reflexión. O acto inaugural contou coa participación do Óscar Corral, Premio Ortega y Gasset de Fotografía, quen compartiu a súa experiencia profesional co alumnado.
O acto inaugural, celebrado esta mañá ás 10:30 horas, marcou o inicio dunha programación centrada na conexión entre as artes, as humanidades e as ciencias, ofrecéndolle ao alumnado a oportunidade de explorar distintos campos desde unha perspectiva aberta e interdisciplinar. Ao final da xornada de hoxe interviú tamén o actor compostelán Diego Anido.
Ao longo destes días desenvolveranse diversas actividades relacionadas coas artes plásticas, a fotografía, o deseño, o cine, as humanidades e as ciencias. A programación conta coa participación de antigos alumnos e alumnas do centro que na actualidade desenvolven a súa vida profesional nestes ámbitos, así como persoas vinculadas ao cine, ao teatro, ao deseño e a outros sectores artísticos. A súa presenza permite achegar experiencias reais, percorridos vitais e exemplos que poden servir de inspiración para o alumnado.
“A iniciativa ten como obxectivo principal fomentar o espírito crítico, animando o alumnado a formular preguntas, analizar a realidade desde diferentes perspectivas e comprender a relación entre a creación artística e o pensamento científico e humanístico”, asegura Ana María Álvarez Chamosa, vicedirectora do IES de Sar. “Este tipo de encontros contribúe ao desenvolvemento persoal e académico, favorece a curiosidade, a capacidade de expresión, o traballo colaborativo e a toma de decisións conscientes sobre o futuro”, sinala a promotora desta iniciativa que vai xa pola súa terceira edición.
Participantes nesta terceira edición segundo a actividade:
Óscar Corral (Fotografía)
Sandra Zarco (Artes escénicas)
Candela Martínez (Artes escénicas)
Marcos Calo (edición de videoxogos)
Miguel González Blanco (Ciencias e tecnoloxía)
Montse Fajardo (Xornalismo. Literatura e memoria histórica)
Rosalía Morlán (Literatura e poesía)
Adrián Costa (Música)
Diego Anido (teatro e cine)
Xosé Tomás (ilustración e educación)
Baldo Ramos (Arte visual e literatura)
Eva Cernadas (Divulgación científica)
Francisco López ( Divulgación científica)
Miguel Giadás (Investigación e filoloxía)
Óscar Aldonza (Produción e escultura)
A III Semana das Artes e das Ciencias convértese así nun espazo de aprendizaxe significativa no que a escola se abre ao mundo e o alumnado pode descubrir novas vocacións, entender mellor o seu contexto e recoñecer o valor da creatividade e do coñecemento como ferramentas para interpretar e transformar a realidade.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)