AD

Actualidad

As entidades sociais sen ánimo de lucro de Ames poden solicitar axudas ata o 3 de xuño

today7 mayo, 2024

Fondo
share close
AD

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Benestar Social, informa de que ata o 3 de xuño está aberta a convocatoria de subvencións a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para a promoción de actividades complementarias aos servizos sociais comunitarios e inclusión social

Con estas axudas búscase reforzar a colaboración coas entidades que leven a cabo actividades complementarias aos servizos sociais, e que favorezan a inclusión social, a saúde pública ou a formación laboral. Ao igual que en 2023, a contía total volve a acadar os 60.000 euros

Ames, 7 de maio de 2024.- O Concello de Ames, a través da Concellaría de Benestar Social, informa de que ata o 3 de xuño está aberta a convocatoria de subvencións a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para a promoción de actividades complementarias aos servizos sociais comunitarios e inclusión social. Con estas axudas búscase reforzar a colaboración coas entidades que leven a cabo actividades complementarias aos servizos sociais, e que favorezan a inclusión social, a saúde pública ou a formación laboral. Ao igual que en 2023, a contía total volve a acadar os 60.000 euros. Premendo nesta ligazón pódese obter máis información sobre esta convocatoria de axudas.

Do 4 de maio ao 3 de xuño están dispoñibles para a súa solicitude as axudas a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro, que neste exercicio 2024 ascenden aos 60.000 euros. O Concello de Ames busca deste xeito favorecer a posta en marcha de actividades de carácter básico e social complementarias ao labor xa realizado a través dos servizos sociais do Concello, ademais de continuar a súa colaboración coas entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro.

Os obxectivos desta liña de axudas son a promoción da inclusión social de colectivos con dificultades de inserción; a instauración de programas de base comunitaria que desenvolvan accións preventivas; a intervención e o seguimento de persoas en risco de exclusión social; a realización de xornadas, charlas e divulgación dos efectos de determinadas enfermidades e adicións ou a formación básica e laboral adaptada ás necesidades de persoas con diversidade funcional. A contía máxima destinada a esta convocatoria de 2024 ascende a 60.000 euros.

Cada entidade poderá optar a unha axuda máxima de 7.500 euros por proxecto de actuación, cun máximo de 3 proxectos. A convocatoria divídese en 3 liñas subvencionables: imputando 40.000,00 euros á liña 1 (proxectos de inclusión social ou de convivencia); 5.000 euros á liña 2 (xornadas, charlas e en xeral divulgación dos efectos de determinadas enfermidades, adiccións ou outras problemáticas de índole sanitario) e 15.000 euros á liña 3 (actuacións destinadas a adquirir capacitación persoal, formación básica e de tipo laboral específica).

A concesión de ditas axudas realízase en dous pagamentos fraccionados de carácter semestral, que responden ao ritmo da execución das accións subvencionadas, aboándose por contía equivalente á xustificación presentada. Este fraccionamento facilita considerablemente as actuacións das entidades, motivo polo que se reitera na presente convocatoria.

No exercicio de 2023 beneficiáronse das subvencións un total de dezaseis entidades, obtendo un total de 59.994,62 euros, que serviron para promover un total de 23 proxectos. Os fondos foron destinados a propostas formativas, cobertura de materiais e á cobertura doutras necesidades básicas.

Entidades destinatarias e presentación de solicitudes

Poderán optar a estas subvencións as entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro legalmente constituídas, que realicen actividades complementarias aos Servizos Sociais comunitarios, e que desenvolvan a súa actuación, entre outros ámbitos, no concello de Ames.

As entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro deben estar inscritas no Rexistro de asociacións da Xunta de Galicia e atoparse ao corrente no momento da solicitude e do pagamento no cumprimento das súas obrigas tributarias coa AEAT, co Concello de Ames, así como, coa Seguridade Social. As entidades solicitantes non poderán ter pendente de xustificación ningunha axuda anterior do Concello, a non ser que lle fora concedida unha prórroga.

As solicitudes deberán presentarse a través do rexistro telemático na Sede electrónica do Concello ou no rexistro de calquera administración pública adherida á plataforma de intercambio rexistral (SIR), en cumprimento do artigo 14.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. En caso de que unha entidade solicite a subvención para varios proxectos deberá presentar unha solicitude por cada proxecto de actuación. O prazo para presentar as solicitudes está aberto ata o luns 3 de xuño.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *


0%