Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today15 enero, 2026
O concelleiro de Urbanismo presentou este xoves un modelo de intervención no viario do Ensanche que ten como obxectivo un novo modelo propio do século XXI. O Concello conta con tres anteproxectos a cargo de tres equipos de arquitectura (RVR, Eduardo Cruz e Creus e Carrasco) , Lestegás deu a coñecer a proposta do goberno para a rúa Santiago de Chile, sobre o que está previsto lanzar a licitación da redacción do proxecto básico de construción este ano, e o proxecto para a Praza de Vigo. O custo do desenvolvemento de Santiago de Chile ascende a 2,8 millóns de euros e o da Praza de Vigo, sitúase en 1,4 millóns.
O anteproxecto, e en concreto o de Santiago de Chile que vai ser o proxecto piloto, é o inicio dun proceso colectivo de escoita coa veciñanza, un punto de partida para a transformación do ámbito da cidade de Santiago máis densamente poboado. Esta densidade de poboación (cunha masa de máis de 14.600 habitantes), propicia que teña un comercio con vitalidade, pero tamén presenta carencias en espazos públicos para as persoas.
Iago Lestegás explicou que se trata dun modelo propio deste século, con eixos e nós verdes multifucionais, onde a circulación é unha de entre moitas funcións do espazo público. O modelo de intervención no viario público,que parte de estudos previos, busca que haxa beirarrúas máis anchas (3,6 metros) e accesibles, unha calzada central (dirección única e un só carril, 3,2 metros), e dúas bandas laterais de 2,2 m para usos múltiples.
Santiago de Chile

En canto a Santiago de Chile, Iago Lestegás comparou a distribución actual do espazo coa sección tipo que hai actualmente fronte a que se propón neste novo modelo de transformación urbana, que garda coherencia con outras actuacións puntuais que xa se fixeron (como por exemplo o cruzamento de Xeneral Pardiñas) e mantén a filosofía de gañar espazo público para as persoas, como por exemplo o arranxo da rúa Loureiros coa creación dunha praciña.
Actualmente, Santiago de Chile conta cunha anchura de 15 metros, dos que 10 están adicados aos coches e cinco aos peóns. Polo tanto, hai un predominio do vehículo na distribución do espazo público, ademais de árbores escasas e unha rede de saneamento unitaria (pluvias e fecais).
Fronte a un espazo practicamente dedicado aos coches, a proposta pasa por unha calzada central con 3,2 metros (espazo compartido por vehículos e bicicletas), dúas bandas laterais de 2,2 metros (con diferentes usos –árbores, bancos, terrazas–) e beirarrúas de 3,6 metros. Neste punto, tamén incidiu en que este modelo permite afastar as árbores das fachadas (porque as beirarrúas son máis altas), o que favorece que poidan medrar sen provocar molestias. E engadiu que a distribución dos usos nas bandas será, precisamente, obxecto da definición na redacción do proxecto coas achegas da veciñanza no proceso de participación, diálogo e escoita.
O modelo de Santiago de Chile hai un pequeno desnivel entre a beirarrúa e a calzada pero nas interseccións, igual que a doutros puntos do Ensanche están a cota, mantense o mesmo modelo doutras zonas do Ensanche.
“É un modelo onde encaixan as distintas funcións do espazo público. A circulación é unha das funcións do espazo público pero non é a única, como dicimos co Conector Central. Polo tanto, hai que repartir o espazo público, que é limitado, dunha forma xusta, equitativa e eficiente entre os diferentes usos do espazo público”, denfendeu Iago Lestegás.
“É un proxecto piloto da nosa estratexia para o Ensanche, pero enmárcase nunha estratexia máis ampla para o Ensanche, enmárcase nunha reflexión moi ampla para o conxunto do Ensanche e da cidade porque nós consideramos que a planificación é importante e que definir criterios e aplicar criterios á hora de facer obras e actuacións de transformación urbana e non actuar con improvisación é importante”, engadiu.
Praza de Vigo

Relacionado con este anteproxecto, deu a coñecer tamén outro traballo previo deste tipo para a Praza de Vigo, “un espazo público de grandes dimensións pero que moi pouca xente percibe como espazo público”. Actualmente, ten un estacionamento soterrado que vai continuar nese mesmo lugar, pero o anteproxecto formula un acceso á Rúa Nova de Abaixo desde Santiago de Chile (como actualmente), e cara a Romero Donallo pola Avenida de Vilagarcía desde Santiago de Chile (que implica un cambio de sentido da circulación actual), liberando espazo público para as persoas (non se podería circular desde a Avenida Rosalía de Castro).
A proposta permite gañar a praza para a cidadanía, aproveitar a viseira que cobre o acceso ao párking para facer un pequeno anfiteatro para unha zona aberta con tratamento vexetal (que se poderá aproveitar para un pícnic, por exemplo), rodeado de árbores e cun pavimento de calidade, mantendo a zona de xogos infantís. “Este anteproxecto crea unha praza onde agora mesmo non a hai mantendo o estacionamento no subsolo”, destacou.
Iago Lestegás rematou que, ao igual que co concurso do conector central, o obxectivo é “reorganizar os usos da cidade, para garantir a multifuncionalidade do espazo público e mellorar a calidade de vida das persoas. A circulación é unha das funcións do espazo público, pero non é a única e ten que convivir de forma eficiente, xusta e harmónica co resto de funcións do uso público”, sentenciou.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)