AD

Actualidad

Asinada a addenda que actualiza o financiamento da nova depuradora da Silvouta

today19 junio, 2024

Fondo
share close
AD

19/06/2024 O pazo de Raxoi acolleu esta mañá o acto de sinatura da addenda nº1 ao ao convenio subscrito entre o Concello de Santiago, Augas de Galicia e Acuaes para a execución e explotación da nova estación depuradora de augas residuais da Silvouta. Asinaron a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; Ángeles Vázquez, conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, como presidenta de Augas de Galicia; e Rosa Cobo, presidenta executiva de Acuaes. Tamén asistiu o delegado do Goberno, Pedro Blanco, e membros da corporación municipal.

O documento asinado hoxe trátase dunha addenda ao convenio subscrito en novembro de 2021 que pecha e actualiza a colaboración entre as tres administracións que sustentan a nova Estación Depuradora de Augas Residuais de Santiago. A novidade do texto é, por un lado, a actualización dos custos da instalación, unha vez licitadas as obras, que se sitúan en 60 millóns de euros, e, por outro, o cambio nas condicións do financiamento.

En relación con isto, a alcaldesa fixo fincapé na importancia do aumento da achega estatal, «que pasou do 65 % no texto de 2021 a un 80 % nesta addenda, o que significa ao redor de 11 millóns máis con cargo a fondos Next Generation». Goretti Sanmartín congratulouse da sinatura e agradeceu o apoio do Goberno central e da Xunta nun proxecto «que xa se está convertendo nunha realidade material». Dende o inicio, lembrou, houbo «cambios ministeriais, decisións para atoparlle o lugar adecuado, novas propostas tecnolóxicas, e novos programas de fondos. Xa sei que paga máis a pena mirar cara a diante pero da traxectoria deste proxecto todos e todas podemos tirar conclusións para afrontar coa dilixencia, intelixencia e a altura de miras os obxectivos que realmente son importantes para transformar o noso concello e a vida da nosa veciñanza», afondou.

A rexedora cualificou a EDAR coma un «un proxectos imprescindible para devolver á vida o río Sar, tan importante na nosa identidade cultural colectiva e tan necesitado dun tratamento adecuado, que merece o acordo unánime de todas as forzas políticas e a colaboración man a man de todas as administracións». O resultado, indicou, «achegará Compostela aos estándares que corresponden ao século XXI, cando xa non se pode adiar máis unha acción decidida de rexeneración dos nosos ecosistemas».

A rexedora comprometeuse, así mesmo, a «impulsar decididamente as novas redes no ámbito rural e a renovación das existentes no urbano. E, do mesmo xeito que na infraestrutura protagonista desta sinatura, temos a colaboración da Xunta de Galicia, contamos co seu compromiso para continuar traballando nesta dirección». Rematou sinalando que «é imprescindible avanzar na renovación do servizo ao completo, atopando o mellor modelo para xestionar o ciclo da auga, unha necesidade que convertemos en obxectivo principal do Goberno, co que nos comprometemos e no que estamos traballando arreo».

Financiamento

En total dedicarase ao proxecto de execución da EDAR de Silvouta ao redor de 60 millóns, dos que o Estado achegará finalmente un 80% a través de fondos europeos.

Así, a parte estatal pasa finalmente de cubrir o 65% dun total de máis de 56 millóns ao 80% dos actuais 60 millóns. A respecto das previsións iniciais, este novo escenario suporá un aforro de 11,4 millóns de euros para o Concello de Santiago de Compostela.

A Xunta de Galicia non modifica a súa achega, que fixou en 10.826.000 euros procedentes de Augas de Galicia.

O Concello, pola súa banda, xa realizou unha achega de 300.000 euros durante a fase de redacción e tramitación do proxecto construtivo da EDAR e do proxecto da acometida eléctrica. O resto do importe do investimento que lle corresponde ao Concello sitúase en 874.000 euros e terá tamén que afrontar os custos de explotación da EDAR durante a obra.

Obras iniciadas o 14 de febreiro de 2024

As obras da depuradora iniciáronse o 14 de febreiro. Tras rematar a explanación xeral e a montaxe do campamento de obra, centráronse nas escavacións dos recintos do tratamento previo e da decantación primaria.

Finalizadas as obras, a mediados do ano 2026, a nova depuradora permitirá aumentar a capacidade de tratamento actual ata 52.000 metros cúbicos ao día e reducir a carga contaminante de nitróxeno e fósforo.

Licitación do contrato de acometida eléctrica da EDAR

O 25 de abril de 2024, o Consello de Administración de Acuaes aprobou os pregos e autorizou a licitación do contrato das obras da acometida eléctrica da nova EDAR. O orzamento de licitación deste contrato é de 2.123.676 euros e o prazo de 13 meses.

Para dar servizo á nova EDAR prevese unha liña eléctrica de media tensión, que terá unha capacidade de 2900 kW e permitirá asegurar o funcionamento da depuradora tanto na situación actual como na futura.

Trátase dunha liña de uso exclusivo da EDAR de 2,5 quilómetros de lonxitude, con trazado soterrado na súa totalidade, o que proporciona a máxima seguridade de funcionamento e minimiza o impacto visual e as molestias á contorna. Complementariamente, disporase dunha liña de socorro incrementando a garantía de funcionamento da infraestrutura.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *


0%