Listeners:
Top listeners:
		play_arrow
		Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today4 noviembre, 2025
		A Asociación de Amigos da Ópera de Santiago de Compostela concentrará gran parte da súa programación de outono neste novembro, mes no que terá lugar a final do VIII Concurso de Canto Compostela Lírica, a presentación do Coro Masculino da Asociación e unha gala lírica no Auditorio de Galicia. Precisamente, este evento será o primeiro que se celebre e terá lugar o vindeiro domingo 16 de novembro ás 12.00 horas. A esa hora comezará o recital, titulado Voces líricas, arias e romanzas e organizado pola Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela e Amigos da Ópera de Santiago. A mezzo-soprano Julia Portela e o barítono Gabriel Alonso actuarán xunto ao Coro Liceo de Vilagarcía dentro do Ciclo do Outono da Temporada 2025/2026 do Auditorio de Galicia. A dirección da banda correrá a cargo de Casiano Mouriño e a dirección do coro, de Josefa Dorado. O repertorio que se poderá escoitar ese día inclúe composicións de Verdi, Puccini, Bizet, Rossini ou Chapí.
A seguinte cita da programación prevista para Amigos da Ópera para este penúltimo mes do ano chegará na cuarta fin de semana. O sábado 22 de novembro, o Auditorio de Galicia acollerá a semifinal da oitava edición do Concurso Canto de Compostela Lírica. A partir das 17.00 horas, un total de 30 semifinalistas interpretarán unha aria fronte ao xurado, quen decidirá que dez voces pasarán á final que se celebrará o día seguinte ás 19.00 horas. Este certame está organizado por Amigos da Ópera de Santiago co apoio da Xunta de Galicia a través da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, o Concello de Santiago, o Consello da Cultura Galega e a Fundación José Otero-Carmela Martínez.
Este certame, consolidado xa como un referente no circuíto de concursos de canto lírico, rexistrou neste 2025 a inscrición de oitenta solistas procedentes de 22 países. Todas estas voces, menores de 35 anos, competirán por catro galardóns: o primeiro deles dotado con 4000 euros e actuacións remuneradas en Santiago, Oviedo e Francia; un segundo de 2000 euros e actuación en Santiago, e un terceiro, cuxo acompañamento económico ascende a 1000 euros. As voces galegas competirán a maiores polo Diploma Gaos, que inclúe actuación remunerada dentro da programación anual do Consello da Cultura Galega.
Novo coro
Xa o 27 de novembro, ás 20.30 horas, terá lugar no Auditorio de Galicia, dentro do Ciclo de Lied de Santiago de Compostela, o concerto titulado Música Masónica. Esta sesión significará a presentación oficial do Coro Masculino de Amigos da Ópera, que actuarán por primeira vez acompañando o tenor austríaco de orixe turco Ilker Arcayürek e o pianista francés de orixe polaco Maciej Pikulski. O repertorio centrase en exclusiva en Mozart, quen fascinado polas ideas e a dimensión espiritual da masonería, que descobre grazas ao seu benfeitor, o diplomático Gemmingen, ingresou aos 28 anos na loxia masónica vienesa Zur Wohltätigkeit (“Beneficencia”). Pronto se converteu nun membro entusiasta e dedicou a súa sensibilidade artística a compoñer obras influenciadas pola filosofía e o simbolismo masónicos. Estas composicións, de gran valor estético e espiritual, estaban dirixidas tanto a cerimonias masónicas como ao público xeral, sempre inspiradas nos valores e ritos da Irmandade.
Escrito por Líder Redacción
Amigos da Ópera Santiago Asociación Amigos da Ópera de Santiago


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)