Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today9 febrero, 2024
9 de febreiro de 2024.- O Concello de Brión deu hoxe o primeiro paso de cara á repoboación parcial da Carballeira de Santa Minia, unha vez que a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia vén de autorizar a retirada dunha serie de árbores e da terra sobre a que se asentan, emprazadas na zona sur do predio, é dicir, na contorna da Casa da Cultura brionesa. O concelleiro de Medio Rural e Obras Públicas, José Antonio Vidal González, acompañou esta mañá a Alfonso Touceda, especialista en xardinería, e a Alberto Fungairiño, arquitecto municipal, na sinalización das árbores que serán retiradas nas próximas semanas.
Vidal González fixo fincapé en que “estas árbores foron analizadas por distintos especialistas de distintos centros de Galicia e todos conclúen o mesmo: que están afectadas por distintos fungos de raíz e de madeira e, especialmente por Armillaria mellea, unha enfermidade mortal para estes carballos e que non ten cura posible”. De feito, a Armillaria mellea provoca a putrefacción do sistema radicular e, en consecuencia, a morte da árbore por inanición ao non poder absorber nin a auga nin os nutrintes do chan.
José Antonio Vidal explica que “nas próximas semanas, dependendo das condicións climatolóxicas, imos proceder a retirar tanto os carballos como toda a terra que hai actualmente na zona sur, pois tamén está contaminada por Armillaria. Xa temos reservados nun viveiro 8 exemplares de carballo e terra nova para plantalos o antes posible”. Estes oito novos exemplares, de 3 metros de altura, plantaranse de xeito que teñan luz suficiente e fagan copas abertas.
Repoboación parcial
A autorización da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural foille comunicada o pasado mércores 7 de febreiro ao Concello de Brión, dando resposta á autorización solicitada en decembro de 2023. O Consello Territorial de Patrimonio Cultural de Galicia da Coruña, reunido en sesión do 29 de xaneiro de 2024, analizou a documentación achegada polo Concello brionés, entre a que figuraba:
O Consello Territorial de Patrimonio Cultural de Galicia da Coruña fai fincapé no informe emitido pola Estación Fitopatolóxica de Areeiro no que “destaca a gravidade da Armillaria mellea debido a que non existe ningún tratamento para curala, sendo esta ademais unha enfermidade que se transmite ás árbores próximas ás afectadas polo solo”. Ademais de informar favorablemente ás obras solicitadas polo Concello de Brión, a Comisión tamén solicita que, unha vez estean finalizados os traballos, se lle remita unha memoria final.
Paralelamente, o Concello de Brión procederá á análise do resto de árbores que integran a Carballeira de Santa Minia coa finalidade de coñecer o seu estado sanitario actual de cara a tomar unha decisión de como proceder con elas.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)