Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today13 junio, 2025
A entidade apostou este ano por homenaxear cun cartel inspirado na súa obra ao recentemente desaparecido Xosé Vizoso, a quen recoñecen como referente da arte gráfica galega.
Ademais da manifestación que todos os anos sae da praza 8 de marzo ás 20h do 28 de xuño, e do picnic que xa é unha tradición no mesmo día, o programa inclúe actividades de corte lúdico e tamén educativo e reivindicativo.
A programación da comezo hoxe venres día 13 cunha maratón de cine clásico de temáticas LGBT na Casa Xohana Torres. A aclividade, totalmente gratuíta e na que se prevé un ambiente distendido, consitirá no visionado de tres filmes que abriron camiño no século XX nun contexto no que rachar coas normas de xénero aínda era tabú na gran pantalla.
Ao día seguinte Avante LGBT+ colabora co colectivo de labores Trecendo para darlle unha volta queer ao “día da calceta en público”. Se o tempo acompaña, a actividade desenvolverase no parque da Alameda, sendo o punto de encontro a estatua das dúas Marías. A este encontro están chamadas persoas interesadas na calceta, croché, bordado, ou calquera outra labor manual.
O sábado 21 de xuño é a data prevista para a entrega de premios do certame de poesía LGBT+ en galego que este ano acada a súa quinta edición. Esta iniciativa busca fomentar a elaboración poética ao redor das vidas e vivencias das persoas disidentes de xénero e sexuais, ao tempo que se aposta pola produción cultural en lingua galega. Como en anos previos, a cerimonia terá lugar no marco da Gala de Compostela Diversa, que será anunciada polo concello nos próximos días.
As actividades non rematan o 28, día propio do Orgullo LGBT+ a nivel internacional, senón que se estenderán ao longo da primeira metade do mes de xullo. En colaboración con Roga Colectiva, asociación de defensa do patrimonio, Avante LGBT+ organiza un coloquio no que a historiadora Daniela Ferrandez dará a coñecer a historia do Orgullo na Galiza ao longo das xa máis de catro décadas que leva sendo celebrado e reivindicado.
Porén, o programa non está completo, ficando por anunciar dúas actividades formativas a desenvolver en xullo. Estas inciativas responden ao éxito de asistencia que tiveron no ano 2024 os obradoiros de “maquillaxe e cultura drag” e “alianzas antirracistas” impartidos por profesionais e que puideron ser gratuítos para o público grazas á liña de subvencións a proxectos de igualdade do concello de Santiago. Avante LGBT+ pide á cidadanía que fique atenta ás súas redes para coñecer a temática e inscribirse antes de que se acaben as prazas.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)