Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today21 octubre, 2025
A compañía Pistacatro, referente das artes vivas en Galicia, vén de recibir o Premio Nacional de Circo 2025, concedido polo Ministerio de Cultura a través do Instituto Nacional de las Artes Escénicas y de la Música (INAEM). O xurado destacou “a súa labor na creación e difusión de propostas circenses dunha enorme presenza escénica, rigor e carisma”, así como fitos recentes como a xira de Drop e a consolidación de Orquestra de Malabares, un espectáculo que fusiona música e circo cunha ampla proxección nacional e internacional.
A nova chegou a Belem Brandido, responsable de produción, distribución e xestión de proxectos en Pistacatro, a través dunha chamada inesperada do ministro de Cultura, Ernest Urtasun. “Chamoume directamente o ministro. Ao principio quedei desconcertada, non sabía se crer ou non crer, pero cando me decatei de que era verdade, foi unha emoción enorme”, contou en Radio Líder Santiago nunha entrevista con Sara Garea.
Brandido recoñece que este galardón é tamén “un recoñecemento a todo un sector, a toda unha xeración que leva xa case vinte anos picando pedra”, e lembra a precariedade que segue a marcar o ámbito das artes escénicas: “Facer cultura é un acto de resistencia, porque cremos no que facemos e comprometémonos co público e coa profesión”.
O premio, dotado con 30.000 euros, chega nun momento especial para a compañía, que se prepara para celebrar dúas décadas de traxectoria. “Estamos de celebración, ás portas do noso vinte aniversario, e con este premio sentimos que todo o camiño feito tivo sentido”, afirmou Brandido.
Estes días, Pistacatro tamén participa en “A serie Clopen”, a primeira produción propia do Centro Dramático Galego creada integramente coa linguaxe do circo. A obra, dirixida por Pablo Reboleiro con dramaturxia de Clara Gallo, representa un fito histórico para a institución e está a esgotar entradas no Salón Teatro de Santiago.
“É moi emocionante ver o público responder así. É a primeira vez que un centro dramático estatal aposta por unha produción feita exclusivamente dende o circo, e o resultado está a ser espectacular”, sinalou Brandido, quen anima a asistir ata o domingo 26 de outubro: “quedan xa moi poucas entradas”.
Dúas décadas de soños en marcha
Fundada en 2006, Pistacatro converteuse nun referente do novo circo galego, un proxecto colectivo que leva case vinte anos innovando e mesturando linguaxes escénicas. “Somos como unha orquestra onde cada quen toca o seu instrumento e todos xuntos facemos unha melodía marabillosa”, resume Brandido.
Brandido explicou tamén que o circo actual é moi diverso e que Pistacatro non pertence ao modelo clásico de carpa: “Aquí en España hai un circo clásico, o circo de carpa, que é o máis recoñecido, o que o público ten máis identificado. Agora ese circo segue existindo, pero hai outras novas correntes: o circo na rúa, o circo nos teatros, o traballo coas novas linguaxes e coas novas dramatúrxas. Non se trata só de exhibir técnica, senón de contar historias que lle toquen ao espectador, hibridando con danza, movemento, teatro e texto”, explicou.
O xurado tamén destacou o labor da compañía como impulsora do novo circo galego e descubridora de artistas emerxentes, así como a súa contribución á formación e investigación a través das Xornadas D10!, que cada ano reúnen profesionais do sector en Santiago. De cara aos próximos meses, Pistacatro prepara novas colaboracións internacionais e a décima edición do encontro D10!, consolidando un proxecto que segue soñando alto.
“Hai oficio, hai paixón e hai comunidade detrás de cada espectáculo. Iso é Pistacatro”, concluíu Brandido, quen definiu o estilo da compañía como un traballo coral no que o humor é sempre o fío condutor e unha das súas marcas máis recoñecibles.
Escrito por Líder Redacción
Belem Brandido Circo Galego Pistacatro Pistacatro compañía e circo Premio Nacional de Circo 2025
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)