AD

Destacado

Besteiro ve necesario un “PSdeG de pico e pala” para reconstruír a alternativa ao PP

today10 diciembre, 2025

Fondo
share close
AD

O secretario xeral do PSdeG-PSOE participou nos Almorzos do Gran Hotel Los Abetos, onde defendeu unha Galicia “plural, solidaria e moderna” e criticou a falta de proxecto do PP e o “negacionismo” da ultradereita.

Nun ambiente distendido, pero con fondo político de alta intensidade, José Ramón Gómez Besteiro, secretario xeral do PSdeG-PSOE, protagonizou unha nova edición dos Almorzos do Gran Hotel Los Abetos, o formato de entrevistas que Radio Líder celebra con referentes da vida pública galega. Durante preto dunha hora e media de conversación con Fernando González Macías e Antonio Lodeiro, Besteiro debullou o seu diagnóstico sobre Galicia, o Estado e Europa, trazando un discurso centrado na moderación, a planificación e o diálogo como ferramentas para reconstruír a confianza cidadá na política.

“As inxustizas existiron, pero debemos ser capaces de cuestionar con respecto determinadas cuestións”, recordou o líder socialista, aludindo á súa longa etapa de inhabilitación xudicial xa arquivada. “Chamáronme o resucitado”, engadiu cun sorriso, “pero o importante é volver para servir, non para axustar contas”.

 Galicia “xa non é tan distinta”

Besteiro advertiu de que Galicia “empeza a non ser sitio distinto” pola irrupción da ultradereita e pola deriva do Partido Popular cara a posicións extremas.

“Preocúpame que Vox irrompa cun 5% de apoio e que unha parte da dereita tradicional se vexa contaxiada por ese discurso. Os demócratas temos que poñer pé en parella fronte ao odio”, afirmou.

Defendeu que “a crispación e o negacionismo” se combaten con argumentos e políticas útiles. “Non se pode converter o adversario político nun inimigo. Iso é o que está degradando a política española”, dixo.

Financiación autonómica e modelo territorial

Sobre o debate territorial, Besteiro marcou diferenzas co nacionalismo galego e defendeu o federalismo solidario fronte ao “cupo galego” proposto polo BNG: “O concerto vasco é profundamente insolidario. Non é o modelo que lle convén a Galicia. O noso país necesita unha financiación singular, si, pero sempre dentro da solidariedade co resto de territorios.”

O líder socialista subliñou que Galicia require un sistema que teña en conta a dispersión xeográfica e o envellecemento da poboación: “Non custa o mesmo prestar un servizo público no Caurel ca na Coruña. Necesitamos unha financiación suficiente e adaptada á nosa realidade demográfica.”

Tamén criticou que a Xunta “viva instalada no gasto, pero non na responsabilidade de recadar”.

“É doado pedir máis recursos ao Estado e despois non asumir o control fiscal. Hai que ter valentía para gobernar con responsabilidade”, apuntou.

Pola esquerda, Antonio Lodeiro, Fernando Glez. Macías, Jose Ramón Gómez Besteiro e Álvaro Veiga

Sanidade: “Non sabíamos que os médicos tamén se xubilan?”

Un dos momentos máis duros da entrevista chegou ao abordar a situación da sanidade pública galega, que Besteiro cualificou de “enferma e mal planificada”. “O Partido Popular leva dezaseis anos gobernando. Non sabíamos que os médicos tamén se xubilan?”, ironizou.

Criticou a desaparición da atención primaria como eixo do sistema e reclamou un plan de choque para atraer profesionais. “Hoxe conseguir cita leva quince días. Antes era normal ser atendido en 48 horas. Iso é o reflexo dunha mala planificación que se arrastra dende hai anos”, subliñou.

Tamén se referiu á polémica sobre a creación de novas facultades de Medicina nas universidades galegas: “Durante dez anos incumpriuse o acordo de descentralización. O lóxico é ter unha Facultade de Medicina de Galicia, descentralizada en Vigo e na Coruña, pero única, coordinada e con recursos suficientes. O que non se pode é abrir tres facultades sen planificación.”

 Economía verde e reindustrialización

Besteiro reivindicou un modelo económico baseado na industria sostible e na transición enerxética.

“Ferrol está recuperando o pulso industrial. Galicia ten futuro se sabe aproveitar as renovables, pero con planificación e seguridade xurídica.”

Criticou a parálise eólica “herdada da época de Feijóo” e advertiu que “a falta de planificación provoca inseguridade e perda de investimentos”.

“En Aragón e Castela-León non teñen problemas xudiciais coa eólica porque planifican. Aquí deixouse de planificar, e iso paga caro o país.”

Sobre o proxecto Altri, foi categórico: “É un proxecto esgotado, que non se sostén nin económica nin medioambientalmente. Naceu como unha manobra política para tapar o caso Alcoa e non encaixa no modelo produtivo que Galicia necesita.”

Engadiu que “non recibiu fondos europeos nin apoios oficiais” e que “Galicia merece proxectos que xeren emprego limpo e duradeiro, non experimentos”.

Preocupación pola deriva europea

O secretario xeral do PSdeG amosouse tamén preocupado polo rumbo da Unión Europea e pola perda de peso das rexións nas decisións comunitarias.

“Europa está ameazada pola ultradereita e polo negacionismo. Vemos un retroceso na PAC e na política pesqueira común que penaliza directamente a Galicia.”

Segundo explicou, o novo marco financeiro europeo prevé “un recorte do 20% nos fondos agrícolas e pesqueiros” e unha tendencia a “estatalizar os fondos que antes eran de xestión autonómica”.

“Iso resta capacidade de acción ás comunidades e pon en risco sectores estratéxicos como o agroalimentario, o forestal e o pesqueiro”, alertou.

Besteiro insistiu na necesidade dun “fronte común entre o Goberno de España e o PP europeo” para defender os intereses galegos en Bruxelas.

“Non pode ser que o PP vote alí coas forzas da ultradereita. O que se decide en Europa afecta xa ao 65% das políticas públicas galegas”, advertiu.

Un PSdeG “de pico e pala”

O líder socialista recoñeceu que o seu partido ten por diante “un camiño de pico e pala”, pero amosouse convencido de que o PSdeG recuperará o pulso político.

“Temos máis de cen alcaldías que representan o 60% da poboación galega. Agora toca reconstruír a confianza e demostrar que somos a forza capaz de liderar o cambio.”

Definiu o socialismo galego como un proxecto “profundamente municipalista, europeísta e comprometido coa igualdade territorial” e pediu “traballar con humildade, sen complexos e con ilusión”.

“O cambio chegará cando os galegos teñan a convicción de que pode protagonizalo o Partido Socialista. E ese momento está máis preto do que parece”, concluíu entre aplausos do público.

A conversa nos Almorzos do Gran Hotel Los Abetos deixou a imaxe dun Besteiro sereno, consciente das dificultades e decidido a reivindicar o valor da política útil fronte á estridencia. Entre cafés e luces de Nadal, o secretario xeral do PSdeG resumiu a súa proposta nunha frase que soou a declaración de principios: “Non hai que gobernar contra ninguén, senón a favor da xente. Iso é o que me move a min.”

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *